Lírica medieval galego-portuguesa: orixe e cancioneiros
Escola castelá-portuguesa. Formada por poetas portugueses que empregan as dúas linguas. As obras están recollidas no Cancioneiro Geral de Garcia de Resende.
A lírica medieval galego-portuguesa
A lírica medieval galego-portuguesa comprende as composicións poéticas escritas en galego-portugués entre finais do s. XII e mediados do s. XIV.
Está formada por 1 680 textos de lírica profana e 420 textos de lírica relixiosa.
O nacemento desta literatura prodúcese baixo condicións de prosperidade social e económica; requisitos que se daban en Galicia nos ss. XII e XIII.
As obras destes poetas, aínda que escritas, estaban destinadas ao canto e foron transmitidas de forma oral polos xograres, dado que a maior parte da poboación era analfabeta.
A lírica profana
Ámbito xeográfico: tivo como centro impulsor a cidade de Santiago de Compostela; despois espallouse polas cortes de León, Castela e Portugal.
Os autores eran maioritariamente galegos e portugueses, pero había outros de diversa procedencia que tamén compoñían en galego-portugués.
Cronoloxía: adoítase situar o seu inicio arredor do ano 1200, data da composición literaria considerada como a máis antiga: Ora faz o senhor de Navarra, de Joam Soares de Paiva, aínda que se cre que houbo produción literaria previa.
Fíxase a data final desta época en 1354, ano da morte do conde de Barcelos, don Pedro de Portugal, fillo do rei don Dinis. Trátase dunha data de referencia, a partir da cal o fenómeno trobadoresco foi esmorecendo.
Tradición manuscrita (códices, cancioneiros)
Os poemas galego-portugueses son obra de poetas cultos, os trobadores. Facían unha elaboración escrita dos poemas que despois se daban a coñecer de xeito oral. Foron transmitidos a través de códices.
Códices maiores:
- Cancioneiro da Ajuda: fins do s. XIII; está incompleto, faltan follas, carece de nomes dos autores, da notación musical e dalgunhas miniaturas.
- Cancioneiro da Biblioteca Nacional (Colocci-Brancuti): atopouse na biblioteca dos condes de Brancuti. Foi copiado a principios do s. XVI e é o máis completo; ten 1 675 composicións; atópase na Biblioteca Nacional de Lisboa.
- Cancioneiro da Vaticana: mandado copiar por Angelo Colocci a comezos do s. XVI; ten 1 205 composicións.
- Cancioneiro de Berkeley: propiedade desta universidade americana; foi realizado en Italia a finais do s. XVI e é unha copia bastante fiel do Cancioneiro da Vaticana.