A Lírica Galego-Portuguesa: Cantigas de Amor e Amigo
A Lírica Medieval Galego-Portuguesa
A lírica galego-portuguesa é un conxunto de composicións poéticas escritas en galego-portugués entre finais do século XII e mediados do XIV. O nacemento desta literatura prodúcese baixo unhas condicións de prosperidade social e económica.
As primeiras composicións, as cantigas de amigo, teñen un carácter autóctono, xa que conteñen elementos de tipo popular e tradicional. Mais os nosos trobadores logo van entrar en contacto cos seus colegas provenzais a través do Camiño de Santiago ou das cortes de León e Castela. As súas composicións tingaranse do influxo ultrapirenaico.
Dentro da lírica galego-portuguesa pódese establecer unha primeira clasificación en lírica profana e lírica relixiosa.
A Tradición Manuscrita: Os Cancioneiros
A tradición manuscrita refírese ao proceso de recompilación e copiado das cantigas que conduciu á confección dos Cancioneiros.
- Cancioneiro de Ajuda: Composto durante as últimas décadas do século XIII, é un manuscrito de pergamiño que está incompleto, xa que lle faltan bastantes follas e carece dos nomes dos autores. Contén 310 cantigas de amor e consérvase na Biblioteca do Pazo Real da Ajuda en Lisboa, onde foi atopado.
- Cancioneiro da Biblioteca Nacional: Foi copiado en Italia a principios do século XVI e constitúe o máis completo repertorio da nosa lírica profana, xa que contén 1205 cantigas do Cancioneiro da Vaticana, máis 442. Inclúe un fragmentario tratado de poética. Actualmente atópase na Biblioteca Nacional de Lisboa.
- Pergamiño Vindel: Trátase dun rolo, probablemente de finais do século XIII ou principios do XIV, que contén o texto das sete cantigas de Martín Codax e a música da seis delas. Constitúe o único exemplo conservado de cantigas de amigo musicadas, polo que posúe un importante valor.
- Pergamiño Sharrer: Datado tamén a finais do século XIII ou comezos do XIV, consta de sete cantigas de amor do rei D. Denis; é o único exemplo de cantigas de amor con música que chegou a nós.
A Cantiga de Amigo
Son composicións nas que o poeta pon en boca dunha muller as penas de amor que esta dirixe ao seu amigo ou amante. Na cantiga de amigo, o argumento fundamental é o amor non correspondido. O narrador finxe ser unha muller que expresa os seus sentimentos. Esta circunstancia maniféstase xa na arte de Trobar.
As cantigas de amigo son un xénero autóctono que procede dunha primitiva poesía oral que debeu de existir no noroeste peninsular.
Pola súa temática, distinguimos tres tipos de cantigas de amigo:
- Bailadas: Son cantigas nas que se expresa a ledicia de amar e vivir. Adoita producirse nelas unha invitación ao baile. Sempre levan refrán.
- Mariñas: Desenvólvense sempre nunha paisaxe mariñeira.
- Cantigas de romaría: Relaciónanse coas romaxes e peregrinacións a ermidas, igrexas e santuarios onde a amiga se xuntaba co amigo.
A palabra amigo aparece sempre nos primeiros versos das cantigas deste tipo, trazo que as identifica. As cantigas de amigo máis antigas teñen un carácter plenamente autóctono, son monologadas e desenvólvense nun medio rural e doméstico pouco detallado.
Desde o punto de vista formal, a cantiga de amigo adoita estar estruturada en cobras de 2, 3 ou 4 versos con refrán, aínda que tamén pode ser de mestría. Os trazos característicos da cantiga de amigo son:
- Paralelismo: As palabras ou ideas dunha cobra volven aparecer nas seguintes con mínimas modificacións.
- Leixaprén: Repetición dos segundos versos dun par de cobras como primeiros do par seguinte.
- Refrán: Verso ou versos que se repiten ao final de cada cobra.
Cantiga de Amor
É un poema no que un home se dirixe a unha dona, mostrando o seu amor por ela. Fronte ao que sucedía nas cantigas de amigo, o suxeito lírico é masculino.
Clasificación:
- Cantigas de mestría: Non teñen refrán e seguen o modelo da canço provenzal.
- Cantigas de refrán: Empregan unha estrutura paralelística. O uso destes dous elementos fai que teñan un carácter máis autóctono, máis próximos ás cantigas de amigo.
A identificación das cantigas de amor vén determinada pola aparición da palabra senhor nos primeiros versos.
Desde o punto de vista formal, as cantigas de amor galego-portuguesas adoitaban estar estruturadas en 3 ou 4 cobras de sete versos heptasílabos, octosílabos ou decasílabos. Conteñen dobre, mordobre, palabra perdura, ata finda...
O tema é o amor non correspondido. Morrer por amor. O finximento.
Os personaxes son o senhor (idealizada), o namorado (suxeito lírico), vasalos fiel e honesto.
Diferenzas entre as Cantigas de Amor e de Amigo
- Amor: A muller é unha dona. Ausencia de coordenadas espaciais. Os personaxes son o poeta e a dona. Falta o poeta. Aparece nos primeiros versos a palabra senhor. Analízanse os estados anímicos do amante.
- Amigo: A muller é unha doncela. Paisaxe rural. Aparecen personaxes como a nai, a irmá... O poeta fala por boca dunha muller. Aparece nos primeiros versos a palabra amigo. Analízanse os estados anímicos da namorada.