Linguas da Península Ibérica: situación e status legal

Lingua e literatura3,66 KB

Linguas na Península Ibérica

A península ibérica divídese en tres estados: Andorra, que é monolingüe co catalán; Portugal, que é prácticamente monolingüe, aínda que conta con dúas linguas oficiais, o portugués en todo o Estado e o mirandés en Miranda do Douro; e o Estado español, no cal coexisten sete linguas con extensión, vitalidade e recoñecemento legal moi distintos.

Linguas do Estado español

Cerca da metade dos cidadáns que habitan no territorio do Estado español residen en áreas xeográficas onde o castelán convive con outra lingua propia desa área; as linguas son: galego, asturleonés, castelán, éuscaro, aragonés, catalán e aranés.

A Constitución española, no seu artigo terceiro, establece que o castelán é a única lingua oficial en todo o Estado español. As linguas de España diferentes do castelán, para que sexan consideradas cooficiais nos seus territorios, teñen que ser recoñecidas como tales nos respectivos estatutos de autonomía. De aí que a súa situación legal varíe moito segundo os casos. O asturleonés e o aragonés non teñen estatus legal de cooficialidade en ningunha das comunidades onde se falan.

Catalán

O catalán é unha lingua falada por aproximadamente sete millóns de persoas, a maioría bilingües. Fálase tamén en zonas limítrofes, aínda que nese casos non goza de status legal, como en Andorra, no Rosselló francés e na cidade sardá de l'Alguer. O catalán posúe unha rica tradición literaria desde a Idade Media. A recuperación do idioma en todas as súas funcións na vida social é unha realidade debido a unha activa política lingüística e ao prestixio social e cultural derivado do feito de ser a lingua asociada á burguesía. Na Comunidade Valenciana, unha política lingüística menos decidida e as fortes connotacións negativas que posúe a lingua propia en relación co castelán fan que este siga sendo o idioma maioritario e dominante.

Éuscaro

O éuscaro fálano máis de seiscentas mil persoas en Euskadi, no norte de Navarra e no País Vasco francés. A extensión do éuscaro vese limitada na práctica debido á gran distancia lingüística que existe entre esta lingua e as demais linguas da península. O sistema escolar en Euskadi, ata o de agora, permite escoller entre tres posibles modelos:

  1. Predominantemente en castelán, cunha presencia do éuscaro en torno ao 20%.
  2. O éuscaro utilízase como lingua vehicular (ensino en éuscaro) na metade das materias.
  3. Impártese todo o ensino en éuscaro, agás lingua e literatura castelá.

Asturleonés

As falas e variedades da lingua asturleonesa úsanse principalmente en Asturias. Malia o recoñecemento de que son obxecto por parte do estatuto, non teñen a condición de lingua cooficial; perden progresivamente falantes e ven reducidos os seus ámbitos de uso debido á desigual competencia co castelán.

Aragonés

Igual que ocorre co estatuto de Asturias, no de Aragón non se fala de cooficialidade do aragonés e do castelán, senón de protección das linguas e modalidades lingüísticas propias. O aragonés está en franca regresión, pois só sobrevive como lingua familiar e coloquial na metade norte da provincia de Huesca, onde o falan unhas quince mil persoas.

Aranés

O aranés é unha variante do gascón, unha das modalidades da lingua occitana. Fálano unhas sete mil persoas no Val d'Aran, situado nos Pireneos, na provincia de Lleida. Recoñecido e protexido polo Estatuto catalán, ten a condición de cooficial no Val, xunto co catalán e co español.

Descargar

PDF Word HTML