A Lingua Galega no Século XX: Historia e Normalización

Lingua e literatura2,61 KB

O Galego no Século XX: Contexto e Prexuízos

Nesta época, aínda que o galego segue sendo a lingua maioritaria, acelérase o proceso de substitución polo castelán, o cal vén da man da industrialización e urbanización. O castelán empregábase nas cidades e nalgunhas vilas onde residían as clases máis poderosas e era considerada a lingua de prestixio social. Debido a esta situación xurdiron os prexuízos que cualificaban ao galego de lingua inculta.

Organismos Clave para a Lingua Galega

Co obxectivo de superar estes prexuízos, xorden no primeiro terzo do século XX organismos de gran relevancia cultural e política para Galicia e a lingua galega, como son:

  • A Real Academia Galega, creada no 1906, con Manuel Murguía como primeiro presidente.
  • As Irmandades da Fala, creadas en 1916, e o seu voceiro, a revista A Nosa Terra (1916-1936).
  • O grupo Nós e a revista do mesmo nome, fundada en 1920.
  • O Seminario de Estudos Galegos, constituído en 1923.

O Papel Normalizador dos Intelectuais

Os intelectuais comprometidos coa lingua levan a cabo un verdadeiro papel normalizador, utilizando o galego para a elaboración de textos literarios e non literarios (científicos, xornalísticos, mitins...) e para a comunicación oral cotiá.

Acción Política: O Partido Galeguista

No 1931 nace o Partido Galeguista, que se centra en lograr a aprobación dun Estatuto de Autonomía para Galicia, que se acada en xuño do 1936. Un dos seus obxectivos era a galeguización do ensino e a cooficialidade de galego e castelán. Pero o estoupido da Guerra Civil e a posterior ditadura interrompeu este proceso e provocou un novo retroceso da lingua galega.

Esforzos de Normalización Lingüística

Os escritores da época das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos intentaron buscar un idioma galego máis puro, afastado das interferencias do castelán. Así, á hora de cubrir lagoas léxicas, acudían ao portugués ou ao galego antigo, antes que ao castelán.

Canto á elaboración dunha norma unificada, serán as Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos quen asuma este labor.

Trazos das Normas do Seminario de Estudos Galegos

Destacamos, entre outros, estes trazos das normas do Seminario:

  • Rexeitamento do i grego.
  • Elección de x para a representación de /∫/.
  • Emprego do h segundo a etimoloxía.
  • Abandono do apóstrofo.

Descargar

PDF Word HTML