A Lingua Galega: Historia, Normalización e Situación Sociolingüística

Lingua e literatura9,88 KB

Linguas Minorizadas e o Galego (TEMA 3)

As linguas minorizadas son as que están en desvantaxe con respecto a unha lingua dominante coa que comparten territorio. Non sempre a maioritaria é a dominante. Existen dous conceptos: minoritaria fronte a maioritaria e minorizada fronte a dominante.

Linguas Minoritarias

  • Número reducido de falantes.
  • Normalizada no seu territorio, usos non restrinxidos. Pode ser lingua oficial.

Linguas Minorizadas

  • Padecen restricións para algúns usos aínda que teñen moitos falantes.
  • Non posúen condicións para desenvolverse con normalidade.
  • Pode estar en proceso de substitución ou extinción.

A competencia de dúas linguas prodúcese pola imposición dunha delas como oficial, estando a lingua minorizada nas clases baixas e nunha constante presión por parte da dominante, que a forman as clases altas da sociedade. De aí que falemos de conflito lingüístico. Para superalo, cómpre iniciar o proceso de normalización, que forma parte da planificación lingüística e implica dous aspectos estreitamente relacionados:

  • A normativización: que fixa a norma da variedade estándar.
  • A normalización: que fai referencia á extensión social da lingua, á súa transmisión e uso.

O Galego: Lingua en Vías de Normalización

O galego é unha lingua en vías de normalización, proceso no que interveñen diversos axentes:

  • Axentes Institucionais

    As institucións públicas teñen como obxectivo a promoción da lingua galega na sociedade en xeral. A Lei de Normalización Lingüística e o proceso de planificación non conseguiron que a nosa lingua deixase de perder falantes. O maior éxito radica nun salto do uso privado ao público e en que as novas xeracións utilicen a lingua en todos os ámbitos.

  • Lexislación da Lingua Galega

    Unha parte esencial para a normalización dunha lingua é a acción das leis promulgadas desde os órganos de poder político, pero estes textos atopan diversos atrancos para a súa aplicación, como a lentitude de moitas medidas ou a falta de coordinación.

  • Axentes Non Institucionais

    A cidadanía comprometida coa normalización lingüística creou movementos, asociacións e organizacións. En moitas destas creáronse servizos co obxectivo de dirixir e coordinar as medidas de normalización.

Por todo isto podemos dicir que o galego é unha lingua en vías de normalización.

O Galego a Finais do Século XX (TEMA 6)

Características Lingüísticas Fundamentais

  • Coa democracia chegaron as Bases para a unificación das normas lingüísticas do galego debido á necesidade de ser usadas nos ámbitos que se agardaban coa democracia: administrativos, educativos e de comunicación pública. Pero non chegaron a un acordo común.
  • Para superar esta situación tivéronse que publicar as Normas ortográficas e morfolóxicas do Idioma Galego, que foron recoñecidas como oficiais.
  • A Lei de Normalización Lingüística converte á Real Academia Galega na autoridade en cuestións lingüísticas.
  • Nos anos seguintes elaborouse o Vocabulario ortográfico da lingua galega, no que se basearían todos os dicionarios e manuais lingüísticos ortográficos.
  • As normas anteriores foron reformadas por última vez en 2003, dando como resultado a denominada normativa de concordia.

Contexto Histórico e Situación Sociolingüística

A finais do século, a pesar de que o galego seguía sendo a lingua maioritaria, a substitución deste polo castelán seguiu imparable tanto nas cidades como nas vilas, e danse as primeiras voces de alerta con respecto ao perigo de desaparición da lingua. A chegada da democracia permitiu que se iniciase o proceso de normalización do galego e comezou a ser protexido por primeira vez na súa historia:

  • A Constitución Española recoñece a cooficialidade de galego e castelán.
  • O Estatuto de Autonomía declara o galego como lingua propia de Galicia e indica que ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
  • A Lei de Normalización Lingüística establece que todos os galegos teñen dereito a utilizar o seu idioma, tanto nos ámbitos privados e públicos como nas súas relacións orais ou escritas coas Administracións da Comunidade.
  • Creouse a Dirección Xeral de Política Lingüística para fomentar e apoiar a presenza do galego na administración e noutros ámbitos da sociedade.
  • No 2004 aprobouse o Plan Xeral de Normalización Lingüística, pero a súa aplicación aínda está pendente na maioría dos ámbitos.

Grazas a todo isto pódese ver que houbo un gran progreso na recuperación social e funcional do galego; pero tamén é certo que hoxe en día se observa un estancamento na normalización e que se seguen a perder galegofalantes.

O Galego entre 1936 e 1975 (TEMA 5)

Características Lingüísticas Fundamentais

O galego da posguerra non responde a ningunha norma sistemática e atópanse distintas solucións. Tras a guerra e a ditadura, a recuperación comeza coa Editorial Galaxia, na que levan á práctica a simplificación ortográfica. Na Universidade de Santiago impártense por vez primeira cursos de lingua e literatura galega, e tamén é nestes anos cando se elaboran gramáticas moi completas do noso idioma e dicionarios de galego-castelán. Tamén se crea o Instituto da Lingua Galega, que foi de gran transcendencia no estudo do noso idioma.

Contexto Histórico e Situación Sociolingüística

As letras galegas sofren un período de silencio debido a que a guerra interrompeu calquera movemento cultural de carácter galeguista. Obras tan relevantes como Sempre en Galiza tiveron que ser publicadas no exilio. Bos Aires converteuse na capital cultural de Galicia. Ata que se funda a Editorial Galaxia, non comeza a recuperación da lingua galega e do seu prestixio. A xeración máis vinculada a ela fórmana autores como Cunqueiro, Fole, Carballo Calero, etc. Naquela época estaba prohibido empregar o galego en xornais ou calquera acto público, situación que se mantivo ata a década dos 60, onde se recupera o seu uso grazas á aparición de asociacións culturais como O Facho.

Nos últimos anos da ditadura, movementos políticos e culturais trouxeron consigo un fenómeno novo para o galego: moitos rapaces que tiñan o castelán como lingua primeira aprenderon o galego e estes defendérono e promovérono. Posteriormente, a Ley General de Educación autorizou o ensino voluntario das linguas nativas españolas, entre elas o galego, e isto foi moi apoiado por todos, e aínda máis, polos colectivos de ensinantes.

Cando se produciu o éxodo do campo para as cidades, a maioría dos novos cidadáns utilizaban o castelán para as funcións elevadas e o galego para os usos familiares, aínda que moitos romperon a transmisión do galego ao educar ás novas xeracións en castelán. A isto hai que engadir o aumento da castelanización debido a que o ensino e os medios audiovisuais se daban exclusivamente en castelán.

Coa instauración da democracia chegará o recoñecemento da cooficialidade do galego e a súa incorporación ao ensino.

O Galego no Primeiro Terzo do Século XX (TEMA 4)

Características Lingüísticas Fundamentais

Os escritores desta época intentaban afastar o galego do castelán e preferían coller formas léxicas do galego antigo, do portugués ou de calquera outra lingua que non fose o castelán. Ese afán levounos a acudir a arcaísmos, lusismos, estranxeirismos, hipergaleguismos ou vulgarismos innecesarios. A Academia non foi quen elaborou unhas normas, senón o Seminario de Estudos Galegos, e case todas seguen vixentes na actualidade.

Contexto Histórico e Situación Sociolingüística

A sociedade galega estaba formada na súa maioría por campesiños e mariñeiros. Apareceron certos cambios como as reivindicacións agrarias que levaron a que o labrego quedase coas terras que traballaba, e isto leva tamén á desaparición da fidalguía. Comezou a desenvolverse certo tecido industrial e comercial, xurdindo unha pequena burguesía.

O proceso de substitución do galego polo castelán virá da man da industrialización e da urbanización. O galego era a lingua maioritaria pero o castelán a dominante, xa que o prestixio dunha lingua depende en parte do poder socioeconómico dos seus falantes, e o galego era daquela das clases baixas e iletradas. Para superar estes prexuízos, xorden organismos e agrupacións como:

  • As Irmandades da Fala: que propoñían defender a lingua galega e promover o seu uso oral e escrito. Neste labor vai adquirir moita importancia a revista A Nosa Terra, que se converteu no voceiro das Irmandades. Posteriormente fúndase a Real Academia Galega.
  • O Seminario de Estudos Galegos: que iniciou a prosa científica en galego e desenvolveu sempre un importante labor en distintos campos do saber. Ademais, foi un lugar de encontro de todos os investigadores da época.
  • Outro logro fundamental foi o inicio da loita política pola oficialidade do idioma galego, sobre todo a iniciativa das Irmandades e do Partido Galeguista, que ten como obxectivo principal a elaboración e aprobación do primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia.

Os intelectuais esforzáronse en dotar á lingua e convertela en idioma de cultura e tiveron importantes logros, pero o problema destes avances radica na súa escasa repercusión social.

Nesta época a perda de falantes aumenta, xa que calquera intento de ascenso social implica un cambio lingüístico ao castelán.

Descargar

PDF Word HTML