Lingua e cultura galegas no século XX
A lingua e a cultura galegas no primeiro terzo do século XX
A comezos do século XX Galicia seguía sendo eminentemente rural, de xeito que a poboación urbana non acadaba nin sequera o 10%. En consecuencia, atopabámonos cunha sociedade formada na súa maioría por campesiños e mariñeiros. Non obstante, neste primeiro terzo do século XX comezan a apreciarse algúns cambios: os labregos reivindican a propiedade da terra e a modernización das explotacións e protagonizan un poderoso movemento social (agrarismo), a vella fidalguía entra en decadencia e a burguesía, que fala castelán, representa o novo mundo urbano. Así, de 1900 a 1930 a poboación urbana medra. En calquera caso, segue a ser minoritaria. O proceso de substitución do galego polo castelán vai vir da man da industrialización e urbanización. En efecto, o castelán só se empregaba nas cidades e nalgunhas vilas onde residían as clases máis poderosas. Demograficamente, o galego era a lingua maioritaria, pero aínda así o castelán tiña plenamente consolidado ese papel como lingua dominante, pois as clases altas e acomodadas instaláranse xa nesta lingua. O galego estaba marxinando da escrita e da cultura en xeral e carecía dos rexistros correspondentes destes usos. Durante o Rexurdimento só se empregara na escrita na lírica e na prosa unicamente nun tipo de literatura costumista, destinada a describir festas, romarías, o mundo aldeán en xeral. Os propios falantes eran conscientes desta situación. Co obxectivo de superar estes prexuízos, xorden no primeiro terzo do século XX organismos e agrupacións que resultan de gran relevancia cultural e política para Galicia e a lingua galega:
- Irmandades da Fala (1916), o seu voceiro, a revista A Nosa Terra.
- Grupo Nós e a revista do mesmo nome (1920).
- Seminario de Estudos Galegos (SEG) constituído en 1923.
As Irmandades da Fala
Coa creación das Irmandades o galeguismo entra nunha nova fase. Desde a súa fundación, ata entón vivira as súas fases provincialista, federalista e rexionalista e non fora quen de ofrecer unha alternativa política viable. Isto cambiou notablemente a partir de 1916. Antón e Ramón Vilar Ponte deciden promover a creación dun organismo que asumise a defensa activa e práctica da lingua galega, co fin de superar o rexionalismo anterior, que pretendía abordar a defensa de Galicia e do galego en castelán, gran paradoxo que estes dous persoeiros denuncian acedamente e no que incorreu así mesmo a RAG creada en 1906. O uso do galego reservábase á literatura, principalmente en verso e, con frecuencia, combinado co castelán. Neste tempo a RAG constitúe, polo tanto, un organismo máis propio do século XIX ca do XX, cun papel irrelevante para o avance da lingua galega, polo tanto na súa promoción como codificación. En contraste, os membros das Irmandades consideran que Galicia ten unha personalidade propia e que a lingua é a súa máis alta manifestación. Entenden a reivindicación lingüística como o mellor xeito de defender a propia terra e preséntanse a si mesmos como nacionalistas, utilizando por primeira vez este termo. Ademais, pretenden superar o tópico de que Galicia é inferior a outras rexións españolas e intentan aproximarse ao país irmán Portugal. Os ideólogos que sentan as bases do nacionalismo son: Antón Vilar Ponte e Vicente Risco.
A Xeración Nós
O grupo coñecido tamén como "cenáculo ourensán" funda en 1920 a revista Nós co propósito de europeizar e universalizar a cultura galega, sempre a partir das raíces culturais propias. Os seus directores son V. Risco e Castelao (artístico) e os seus membros Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Antón Losada Diéguez. Fronte á liña proxectada desde as Irmandades, estes optaron por un labor principalmente cultural, afastándose da loita política, o que deu lugar a evolucións diverxentes de ambas as agrupacións.
O Seminario de Estudos Galegos
O Seminario chegou a contar con seccións tan diversas como: historia, filoloxía, artes e letras, xeografía, etnográfica e folclore, prehistoria, arqueoloxía e historia da arte, ciencias naturais... A gran maioría dos traballos de investigación publicábanse en galego en medios como: revista Nós, A Nosa Terra e os Arquivos do Seminario. A principal editorial daqueles anos foi Nós, dirixida por Ánxel Casal. Ademais das publicacións periódicas publicou case toda a obra anterior a 1936 da Xeración Nós, así como títulos dos escritores máis novos, como Amado Carballo ou Álvaro Cunqueiro. Anteriormente foran tamén relevantes para o galeguismo outras dúas editoriais: Céltiga e Lar, onde se publicaron obras como Un ollo de vidro, de Castelao ou O lobo da xente de Vicente Risco. Estas editoriais, sobre todo Nós, deron cabida por primeira vez á tradución de obras literarias, un paso máis no camiño da normalización. Por último, no que respecta aos medios de comunicación, a presenza do galego nos xornais non pasaba de ser testemuñal. Destacan, non obstante, os diarios Galicia e en especial, El Pueblo Gallego, ambos os vigueses. Este último, dirixido por Manuel Portela Valladares.
Xa ao longo do século XIX tomáranse desde o estado medidas destinadas claramente a impoñer o castelán, a única lingua oficial que se recoñecía, xunto cunha única nación e unha única bandeira.