Irmandades da Fala: Poesía e Nacionalismo Galego
A Poesía das Irmandades da Fala
1. Introdución Xeral
No período de Nós, que abrangue dende 1900 ata 1936, consolídase a lingua, coa creación da Real Academia Galega (RAG) en 1906, impulsada por Curros Enríquez e Murguía; a nación, coas Irmandades da Fala en 1916; e a literatura, coa consolidación dun sistema literario, ademais de diversas iniciativas e editoriais.
Existen tres textos de referencia deste período:
- Dos nosos tempos, de Cuevillas.
- "Nós" os inadaptados, de Risco.
- Arredor de si, de Otero Pedrayo.
En canto ao contexto histórico, sitúanse a Revolución Bolxevique e a II República Española. Ademais, o inicio do século XX está marcado por importantes transformacións económicas e sociais, como a abolición do sistema foral e a desaparición da fidalguía rendista. Como consecuencia, establécese unha burguesía industrial e financeira, e a poboación rural desprázase cara aos centros urbanos.
Para chegar a esta situación, orixínase o movemento agrarista, onde os labregos protestan e loitan contra o caciquismo, reivindicando os seus propios dereitos. Destacan dous sindicatos labregos: Solidariedade Galega e Acción Galega, liderada por Basilio Álvarez.
Nesta época, hai numerosos poetas con características moi diversas, que podemos dividir en catro xeracións:
- Xeración das Irmandades.
- Xeración "Nós".
- Xeración das Vangardas.
- Xeración de 1936.
2. Introdución Específica
No inicio do século XX, seguiuse a continuidade temática e formal dos autores do Rexurdimento. Tratáronse temas como o costumismo ruralista, o intimismo sentimental e a reivindicación cívica (a reclamación dos cidadáns).
Non obstante, nesta época hai moitos poetas cunha gran diferenza de idades e, como consecuencia, distínguense autores partidarios do autóctono e tradicional, e autores partidarios da innovación.
Polo tanto, había varias tendencias:
- Enxebrista ou continuísta (tradicional e autóctono): teñen como modelo a lingua, a métrica e a temática popular. Representantes: Noriega Varela, Leiras Pulpeiro, López Abente, Vitoriano Taibo, Crecente Vega…
- Tendencias conciliadas (o alleo co autóctono e o moderno co tradicional): combinan imaxes insólitas e novidosas con formas métricas tradicionais, como o hilozoísmo de Amado Carballo ou o neotrobadorismo de Bouza Brey e Cunqueiro.
- Tendencia renovadora (o alleo e o moderno): aposta polas vangardas europeas e americanas.
3. Irmandades da Fala
O 18 de maio de 1916, da man de Antón e Ramón Villar Ponte, xorden na Coruña as Irmandades da Fala, un grupo de intelectuais que axiña se estenden por toda Galicia.
O seu obxectivo máis inmediato é a defensa do idioma galego para recuperar a cultura. En 1918, decláranse nacionalistas e, máis tarde, escindiranse nunha liña política e outra cultural. Arredor desta última nacerá a revista Nós.
Actividade cultural
Potencian o uso do galego en todos os ámbitos e a súa normalización. Deste xeito, fúndanse editoriais (Céltiga, Alborada, Nós...) e publicacións periódicas (A Nosa Terra, Rexurdimento, Nós, Ronsel…). Tamén publican Algunhas normas para a unificación do idioma galego e un dicionario castelán-galego. Por outra banda, impulsan o teatro como medio de difusión: crean o Conservatorio Nacional de Arte Galega e poñen en marcha o Seminario de Estudos Galegos (SEG).
Actividade política
O principal obxectivo é a autonomía de Galicia, cunhas institucións lexislativas e xudiciais propias, e a autonomía fiscal. Tamén se procuraba a cooficialidade do galego, a igualdade de dereitos da muller e rematar co atraso da economía galega.
Este programa foi recollido polo Partido Galeguista.