Historia e normalización da lingua galega (1900-1936)
O galego no primeiro terzo do século XX
Ao longo do século XX foise consolidando o proceso de normalización do galego, promovido desde certos sectores da sociedade. Nesta primeira etapa do século XX, desde 1900 ata a Guerra Civil de 1936-1939, continuará o labor dignificador do século precedente grazas a iniciativas como as das Irmandades da Fala, do Grupo Nós ou do Seminario de Estudos Galegos (SEG), orientadas todas elas a superar os atrancos cos que se atopa a cultura galega no seo da sociedade contemporánea.
Características do modelo lingüístico
Con respecto ás características, seguía habendo un modelo único de escrita culta; non había gramática normativa nin dicionario. É o período enxebrista ou diferencialista, que se estende desde finais do século XIX ata 1936. Do que se trata é de marcar as distancias con respecto ao castelán para confirmar que se trata de dúas linguas independentes e diferentes. Isto maniféstase en:
- Procura dun galego supradialectal.
- Eliminación de castelanismos.
- Elección do portugués como modelo de tradición literaria.
- Emprego de formas autóctonas desaparecidas e arcaísmos.
Datas clave para a lingua galega
Cómpre salientar os sucesos ocorridos nas seguintes datas:
- 1906: Fundación da Real Academia Galega (RAG).
- 1916: Creación das Irmandades da Fala.
- 1920: Grupo Nós e Xeración Nós.
- 1923: O SEG manifesta as preocupacións dun sector do mundo universitario de Galicia.
Bilingüismo e diglosia na sociedade
O lixeiro incremento do bilingüismo diglósico que se deu na Galicia do século XIX redundou no aumento dos cambios de código practicados. Durante o século XIX, os castelán-falantes cambiaban de lingua para establecer unha mellor comunicación coas persoas que se expresaban en galego ou podían ter algunha dificultade para entender o castelán.
Por outra banda, os galegofalantes utilizaban o castelán cando querían ser aceptados polo grupo que o utilizaba ou cando buscaban que os seus iguais os identificasen co estatus superior, aínda que seguiran sendo dun estatus inferior.
O camiño cara á cooficialidade
No primeiro terzo do século XX, o galego avanzará de maneira tremendamente significativa. Aquela lingua que chegara a 1900 dentro dun marco de denominación totalmente desvantaxoso, ía camiño de converterse, 36 anos despois, en lingua cooficial de Galicia e consolidándose plenamente.