Historia da Lingua Galega no Século XX: Rexurdimento e Resistencia
O Galego no Século XX: Recuperación e Resistencia
Primeiro Terzo do Século XX: O Rexurdimento Cultural
Durante o século XX avanza o proceso de recuperación cultural iniciado no século XIX. O galego comezou a usarse en ámbitos dos que desaparecera ou nunca estivera presente ata chegar á democracia. Se nos centramos no primeiro terzo deste século, hai que destacar a creación das Irmandades da Fala, que tiñan como obxectivo a utilización exclusiva do galego, así como impulsar a narrativa e o teatro.
A Xeración Nós estende o uso do galego a todos os xéneros literarios e será a responsable da revista Nós. En 1923 constitúese o Seminario de Estudos Galegos, formado por universitarios que investigan Galicia. A última institución importante da época é o Partido Galeguista, que incluía o ensino do galego e en galego, pero non puido entrar en vigor por mor da Guerra Civil.
Fronte a esta situación cultural, o seu uso como vehículo de comunicación segue o camiño oposto: aínda que segue sendo moi maioritaria no país, acelérase o proceso de substitución da lingua. Como causas podemos nomear a aparición da radio ou o aumento da urbanización. No que se refire á lingua utilizada na escrita, non existe aínda un modelo único; continúan os intentos de crear unha norma. Coñecemos este período como galego enxebrista porque o obxectivo dos escritores é marcar a diferenza co castelán.
O Galego entre 1936 e 1975: Represión e Resistencia
Cando comeza a guerra, Galiza queda axiña baixo o dominio dos sublevados e iníciase unha forte represión. Algúns dos máis destacados galeguistas pagárono coa vida, con expedientes ou co exilio. Durante os primeiros anos da ditadura franquista, son os intelectuais do exilio americano os que manteñen viva a cultura galega, creando editoriais, revistas...
A capital da cultura galega agora é Bos Aires, con figuras como Blanco Amor e Rafael Dieste. O galego convértese nunha lingua inferior que só se utiliza en familia, pois o seu uso público podía supor a perda da liberdade ou do traballo. A recuperación iníciase lentamente na década dos 40, pero será no 50 cando un grupo de intelectuais funda a editorial Galaxia. Nela publicarán os seus libros Fole e Cunqueiro. Na década dos 60 xorden os partidos nacionalistas.