Historia da Lingua Galega: O Galego entre 1900 e 1936

Lingua e literatura3,15 KB

A transición do século XIX ao XX en Galicia

A maioría dos problemas que afectaban a Galicia na segunda metade do século XIX seguiron vixentes nos primeiros anos do XX. O atraso económico e a emigración cara a América continuaron. Porén, prodúcense algúns cambios favorecedores como a desaparición da fidalguía, a consolidación dunha pequena burguesía industrial e financeira, o inicio do desprazamento da poboación do campo cara ás vilas ou cidades e os movementos agrarios.

As Irmandades da Fala (IDF)

A primeira foi fundada na Coruña en 1916, e a esta seguírona outras, ata trinta. O seu órgano de expresión foi o xornal ‘A Nosa Terra’, escrito en galego. As Irmandades da Fala (IDF) foron un movemento político que definiu Galicia como unha nación dotada de territorio, lingua, historia, institucións e cultura propias.

Promoveron unha serie de actividades de carácter cultural como:

  • Fundación de editoriais para potenciar o libro en galego (Céltiga, Alborada, Nós).
  • Creación de publicacións periódicas monolingües en galego (A Nosa Terra, Nós, Rexurdimento...).
  • Diversificación dos xéneros literarios, incidindo no cultivo da narrativa.
  • Tradución de obras da literatura universal.
  • Posta en marcha do Seminario de Estudos Galegos (SEG).
  • Apoio ao teatro en galego e á creación de coros populares.

As IDF desempeñaron reivindicacións fundamentais como:

  • A elaboración dun dicionario e dunha gramática do idioma.
  • A confección dun plan pedagóxico para a introdución do galego no ensino.
  • A implantación dunha cátedra de galego na Universidade de Santiago de Compostela (USC).
  • A recuperación da auténtica toponimia galega que desde os Séculos Escuros viña sendo deturpada (Viveiro, Xove, Sanxenxo).

A revista Nós e o Seminario de Estudos Galegos

En 1920 publicouse o primeiro número da revista Nós. Os escritores do Grupo Nós (Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Losada Diéguez e Castelao) foron figuras clave. Con eles, a lingua alcanzou un alto grao de madurez, consolidándose en xéneros ata entón apenas cultivados como a narrativa, o teatro ou o ensaio.

No 1923, fundouse en Santiago de Compostela o Seminario de Estudos Galegos (SEG), formado por universitarios e que tiña por finalidade promover a investigación interdisciplinar sobre a realidade galega. Desenvolveu un importante labor en distintos eidos do saber: economía, xeografía, historia, etc.

O Partido Galeguista e a Segunda República

No 1931 proclamouse a Segunda República en España e, en decembro do mesmo ano, fundouse o Partido Galeguista (PG). A nova formación política, herdeira do ideario das IDF e do Grupo Nós, reivindicou a cooficialidade do castelán e o galego e a utilización deste no ensino. O PG participou na elaboración do Primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado en xuño de 1936.

Descargar

PDF Word HTML