Galicia Contemporánea (1975-Actualidade): Transición e Normalización Lingüística
A Galicia Contemporánea (De 1975 á Actualidade)
Os Cambios dende 1975
Coa morte do ditador Francisco Franco, en 1975 ábrese no Estado un novo período histórico (a Transición democrática), durante o cal se aproba a Constitución española de 1978. As consecuencias foron:
- A liberdade de centos de presos políticos da ditadura.
- A legalización de partidos políticos e sindicatos.
- O regreso da maior parte dos exiliados.
- A convocatoria de eleccións para a escolla dos representantes.
- A descentralización das institucións do Estado e o xurdimento das administracións autonómicas.
Tamén se produciu a destrución do mundo rural e o crecemento das cidades. Os costumes sociais experimentaron grandes cambios: a incorporación das mulleres nos ámbitos social e económico e a informatización da sociedade. Observouse un predominio da cultura da imaxe e unha masiva uniformización cultural.
Un Novo Marco Político para Galicia
Nos últimos anos da década de 1970, na sociedade galega houbo unha intensa axitazón política e cultural que anunciaba os cambios que se ían producir. Entre 1978 e 1980 Galicia situouse nun novo espazo político de liberdades democráticas, á par de vascos e cataláns. O 21 de decembro de 1980 o pobo galego aproba en referendo o Estatuto de Autonomía. Nel defínese Galicia como nacionalidade histórica e a lingua galega como “a lingua propia de Galicia”, oficial a todos os efectos no territorio galego, xunto co castelán. Por primeira vez o galego aparece nas aulas, nos programas oficiais de ensino, na administración pública, no parlamento, nos medios de comunicación de masas e comeza a ser utilizado decote por unha clase política.
O Inicio da Normalización do Galego
A aprobación da Lei de normalización lingüística, no ano 1983, serviu para que se fixesen oficiais algunhas medidas imprescindibles, para que o galego deixase de ocupar a posición subordinada á que estivese relegado. Introduciuse a lingua galega en todos os niveis do ensino. Por primeira vez, unha xeración de cidadáns galegos comezaba a ter unha certa escolarización na lingua do país. Houbo maior presenza pública da lingua e un crecente número de lectores. O crecemento da industria editorial, a música, o teatro ou o cine experimentaron un significativo auxe.
Auxe e Declive Cultural
Coa aparición dos novos mercados creáronse novas editoriais. Produciuse unha oferta editorial cada vez máis rica e diversificada. A cultura galega viviu dende 1975 unhas décadas de progresiva normalización.