O Galego: Recuperación e Retos a Finais do Século XX e Comezos do XXI
O Galego: Recuperación e Retos a Finais do Século XX e Comezos do XXI
No ano 1975, coa morte de Franco, comeza unha nova xeira caracterizada pola recuperación das formas democráticas na organización do Estado. Isto supón un aumento do nivel das liberdades dos cidadáns que repercute directamente no proceso de reivindicación cultural e lingüística de Galicia.
No ano 1976 fúndase o Departamento Universitario de Galego-Portugués. Posteriormente, no 1981, o galego é recoñecido polo Estatuto de Autonomía como lingua oficial da nosa Comunidade Autónoma, compartindo este título co castelán. Un ano máis tarde, en 1982, publícanse as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, que definen o estándar da lingua contemporánea.
Xorde así un forte afán por estandarizar o noso idioma. En 1983 promúlgase a Lei de Normalización Lingüística, que desenvolve os aspectos legais relacionados co uso e aprendizaxe do galego. Desta maneira, incorpórase a disciplina de Lingua e Literatura Galegas no ensino primario e secundario, permitindo que os galegos comecen a ser alfabetizados na súa propia lingua. Paralelamente, inícianse as emisións periódicas da Radiotelevisión de Galicia, cunha canle que ofrece programación en galego, abrindo así paso ao noso idioma nos medios de comunicación audiovisual. No 1988, créase a Mesa pola Normalización Lingüística co obxectivo de defender o uso normalizado do galego. Nacen tamén novas editoriais, como Vía Láctea ou Sotelo Blanco. Nos anos noventa, o galego accede ao mundo da informática, aparecendo algúns programas de ordenador na nosa lingua, entre eles os primeiros correctores ortográficos.
A pesar da súa cooficialidade e de todo o traballo da política lingüística con pretensións normalizadoras, non se logrou deter a tendencia desgaleguizadora. Un exemplo claro disto é a escola, que evidencia o escaso éxito da planificación lingüística posta en práctica polos sucesivos gobernos.
Finalmente, cómpre sinalar que, aínda que o galego está presente en todos os ámbitos da comunicación social (cultura, política, universidade, etc.) e en todos os medios, nalgúns casos a súa presenza é moi escasa. Polo tanto, un dos grandes retos da Xunta de Galicia é transmitir de maneira clara a toda a sociedade galega a idea de que o noso idioma é o primeiro ben cultural e o activo social máis importante do que dispomos.