O Galego no Primeiro Terzo do S. XX: Lingüística e Contexto

Lingua e literatura2,76 KB

1.- O Galego no Primeiro Terzo do Século XX: Características Lingüísticas Fundamentais. Contexto Histórico e Situación Sociolingüística.

Durante o século XX consolidouse o proceso de normalización do galego e accedeu a novos ámbitos como o ensaio, actos públicos, discurso político, etc., ata chegar ao recoñecemento oficial. Porén, ao mesmo tempo, descendeu o seu uso como medio de comunicación social.

Se nos centramos no primeiro terzo deste século, temos que destacar o labor de dignificación da lingua levado a cabo polas Irmandades da Fala, o Grupo Nós ou o Seminario de Estudos Galegos.

  • No ano 1906 fúndase a Real Academia Galega (RAG) para velar pola pureza e corrección do galego, sendo Manuel Murguía o seu primeiro presidente.
  • Entre 1912 e 1915, o movemento agrario deu un pulo ao idioma no ámbito social. Escritores como Noriega Varela ou Cabanillas vincularonse á asociación labrega máis importante desta época, a Liga Agraria de Acción Galega.
  • En 1916 fúndanse as Irmandades da Fala, que velarían pola defensa, a difusión e o emprego do galego, dando lugar ao nacionalismo galego e á vontade de usar o galego en todo tipo de escritos.
  • Dous anos máis tarde nace, por iniciativa dun grupo de intelectuais vinculados ás Irmandades da Fala, a Revista Nós, que se publicaría integramente en galego ata 1936.
  • O Seminario de Estudos Galegos, institución creada en 1923 por estudantes da Universidade de Santiago, contando co apoio do catedrático Armando Cotarelo, investiga e divulga a nosa realidade.
  • No Nadal de 1931 fúndase o Partido Galeguista, resultado da unión de grupos políticos nacionalistas, autonomistas e republicanos. Entre os seus militantes atopamos a Castelao, Risco, Otero Pedrayo..., que fixeron que o galego conquistase o terreo do discurso político.

Ademais, durante todos estes anos apareceron numerosas publicacións preocupadas polo rexurdir do galego, ao mesmo tempo que editoriais (como Lar ou Nós) publicaban coleccións de novelas curtas, formadas polas obras dos escritores galegos do momento. Nesta etapa tamén se realizaron estudos lingüísticos como o Diccionario galego-castelán da RAG ou a Gramática do idioma galego, de Manuel Lugrís Freire.

Todo isto fará que a consideración pública do galego vaia mellorando paseniño a paseniño, a pesar de que mingua o número de falantes en galego e se produza unha desgaleguización por parte dos medios de comunicación.

Descargar

PDF Word HTML