Evolución da poesía galega: 1980-2020
A poesía galega de finais do século XX e comezos do XXI
O contexto histórico e literario: 1975 e a renovación
1975 foi o ano do cambio. Morre Franco e comeza para Galicia –e para España– a etapa democrática máis extensa de toda a súa historia. A presenza da lingua e a literatura galega no ensino e a oficialidade do noso idioma supoñen un impulso sen precedentes para a promoción da literatura en galego: multiplícanse as empresas editoriais, os premios e as revistas literarias.
No campo da poesía, Con pólvora e magnolias de Méndez Ferrín marcou ese cambio.
Características da poesía galega na década de 1980
Nos anos oitenta as principais características definitorias da poesía galega son:
- Ruptura co socialrealismo.
- Busca de novos suxeitos líricos.
- Experimentación e interdisciplinariedade.
- Culturalismo e intertextualidade.
- Integración de elementos da cultura urbana e marxinal.
- Incorporación do erotismo explícito.
- Recreación mítica.
- Preocupación formalista e barroquismo: a poesía como arte da linguaxe.
Colectivos poéticos e voces singulares dos 80
Darío Xohán Cabana (1952), gran dominador do verso e da linguaxe, é tamén tradutor ao galego de Dante e Petrarca, ademais de nome recoñecido na narrativa actual. Moitas das súas poesías serán cantadas por grupos como Fuxan os Ventos.
Os primeiros tanteos renovadores (1976-1978) virán da man de varios colectivos poéticos de curta duración: Rompente, Alén e Cravo Fondo. A partir de 1980 consolídase a renovación coas características antes citadas, pero non compartidas por todos; non hai unha escola, son diferentes escollas estéticas e voces singulares. Entre eles están:
- Manuel Vilanova (1944), mítico e simbolista, escribe E direivos eu do mester de cobras (1980), entre outras obras.
- Xosé María Álvarez Cáccamo (1950), aberto á realidade a través de vivencias familiares, escribe Praia das furnas (1983), entre outras obras.
- Miguel Anxo Fernán-Vello (1958): o amor, o corpo, o desexo... e tamén a sombra e a ausencia son os seus temas poéticos.
A poesía galega na década de 1990 e o novo milenio
A partir da década de 1990 é máis difícil aínda falar de tendencias comúns, dado o carácter individualista de cada poeta. A pluralidade é a tónica dominante. Desde o punto de vista formal, atopamos desde propostas clásicas ata o versolibrismo. Desde o punto de vista temático, uns autores adoptan unha actitude desmitificadora, combativa ou provocadora, mentres outros teñen enfoques máis tradicionais.
Tendencias e características da poesía contemporánea
Algunhas características máis ou menos compartidas poderían ser:
- Linguaxe máis directa e coloquial.
- Predominio dos recitais.
- Tratamento de temas sociais con novas sensibilidades.
- Algúns difunden tamén os seus versos a través de internet.
A incorporación da muller á poesía galega
Prodúcese tamén unha importante incorporación da muller á poesía, xa iniciada na década precedente, que proporciona unha nova vertente feminina e feminista. Destacan autoras como Luísa Villalta, Chus Pato, Iolanda Castaño e Lupe Gómez.