Evolución do galego dende a morte de Franco ata hoxe

Lingua e literatura3,78 KB

Morto Franco (1975) e instaurada, despois da transición política, unha democracia parlamentaria (Constitución de 1978), Galicia dótase dun Estatuto de Autonomía (1981) e de institucións propias como a Xunta de Galicia e o Parlamento.

A situación do idioma vai estar, definida polo marco xurídico-legal que emana da Constitución, do Estatuto e das leis do Parlamento de Galicia. O galego incorpórase ás máis variadas funcións: xornais e revistas, ensino, radio e televisión, libro didáctico (filosofía, xeografía…); é empregado na Universidade, na Administración, na Igrexa, na publicidade…

Mais a pesar desta presenza, semella que aínda se está lonxe de conseguir a recuperación total do idioma. A calidade de utilización do galego mellorou moito a partir dos anos setenta. Ademais de iniciativas anteriores, a creación do Departamento de Lingüística e Literatura Galegas na Universidade, así como a publicación de gramáticas e manuais de aprendizaxe, os cursos de galego promovidos por diferentes entidades e, en xeral, a maior preocupación tanto individual como colectiva pola calidade do galego empregado, contribuíron notablemente a aumentar o nivel de corrección da lingua.

En 1982, froito do acordo entre a Real Academia Galega e mais o Instituto da Lingua Galega, publícanse as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego que definen o estándar da lingua contemporánea e que a Xunta de Galicia adoptou como oficiais. Malia que a aceptación desta normativa non foi unánime e existe por parte de determinados colectivos unha oposición que se traduce na aparición doutros sistemas ortográficos e morfolóxicos de carácter reintegracionista.

No ano 1983 promúlgase a Lei de Normalización Lingüística, que vai a supoñer entre outras cousas a incorporación da Lingua Galega ao sistema educativo oficial, o cal supón un fito histórico xa que por vez primeira os galegos comezan a ser alfabetizados sistematicamente na propia lingua.

No ano 2004 apróbase por unanimidade no Parlamento galego o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, documento que deseña actuacións de promoción e defensa do idioma para o converter en lingua de uso normal en Galicia. Cualitativamente está hoxe presente en ámbitos anteriormente impensables: é moi utilizado nas actividades políticas, institucionais, universitarias e culturais. Mesmo parece que o seu uso comercial comeza a ser economicamente rendible e prestixia certos produtos. Hai redes sociais, webs,... nos que é frecuente o galego. Temos o Open Office e outros programas en galego, ademais dos correctores ortográficos adecuados. Dispoñemos xa de tradutores gratuítos en liña para case todos os idiomas. As compañías de telefonía móbil xa ofertan terminais en galego. Facebook e Twitter xa están en galego.

Tocante ao plano cuantitativo é, porén, cada vez máis negativa: a perda do número de falantes iniciais e habituais segue acelerándose, malia a incorporación de neofalantes. Se ben se recoñece que o seu uso é, en xeral, maioritario, todas as enquisas indican que este uso decrece segundo é menor a idade dos entrevistados. Ata hai pouco tempo era a lingua exclusiva no ámbito rural, pero xa non o é. Nas pequenas e grandes vilas, así como nas cidades, cada vez é máis minoritaria. Tampouco consegue desterrar vellos e novos prexuízos lingüísticos negativos que fan que o seu uso habitual, diminúa. O galego abálase hoxe entre o positivo dos avances que se acadaron e a preocupante persistencia de síntomas moi negativos para a lingua. Na situación de conflito lingüístico que aínda estamos a vivir, de non cambiaren as tendencias, o galego pode chegar a desaparecer. Mais a nosa lingua xa superou ao longo da súa historia outras situacións desfavorables máis complexas.

Descargar

PDF Word HTML