Estereotipos e prexuízos sobre o galego

Lingua e literatura4 KB

Repercusión dos estereotipos nos usos do galego

A maior parte dos galegos son bilingües, isto quere dicir que no noso territorio conviven á vez dúas linguas. Por diferenzas sociais, unha destas linguas sofre un desprestixio fronte á outra e pasa a ser usada só en ámbitos informais, quedando así como lingua minorizada. Neste caso, é o galego o prexudicado.

Diglosia e prexuízos lingüísticos

Este prexuízo comeza cunha repartición desigual no uso das linguas nos distintos contextos, coñecida como diglosia, de modo que os falantes rexeitan un idioma por determinados prexuízos negativos que este carrexa. No caso do galego, estes prexuízos levan á creación de estereotipos que provocan no pobo un autoodio e un rexeitamento cara á súa cultura, co único obxectivo de promover o uniformismo lingüístico do castelán.

Algúns destes estereotipos son:

  • A asociación do galego co idioma que se usa nas aldeas e, polo tanto, coa vida rural e campesiña (marcada pola brutalidade, pola ignorancia...).
  • A inutilidade deste fóra de Galicia.
  • Incluso se di que esta é unha lingua imposta que marca unha ideoloxía política.

Discriminación do galego

No idioma galego, esta discriminación á hora de usar esta lingua prodúcese en tres situacións:

  • No ámbito social: resérvase o uso do galego para as funcións informais e de menor nivel, co que o castelán queda así como lingua preferida para as conversas de maior prestixio.
  • No ámbito xeográfico: destaca a asociación do uso do galego co medio rural e periurbano, que sofre desta maneira unha discriminación co castelán, que é a lingua dominante nas zonas céntricas das cidades.
  • Nos propios interlocutores: ao referirse de maneira despectiva á consideración social que teña a persoa coa que se trate.

Conflito lingüístico

Debido a isto, a situación do galego segue a empeorar co paso dos anos, sempre cunha clara vantaxe para o español, que aumenta os seus falantes monolingües e os de fala diglósica, mentres que os falantes monolingües en galego seguen a diminuír ata acabar suplantando o idioma. Isto ten como consecuencia un conflito lingüístico entre o galego, propio do territorio, e o castelán, alleo a el pero que compite por exercer todas as funcións posibles neste.

Orixes históricas e sociais

No caso do galego, a coexistencia con outra lingua débese a razóns históricas, polo dominio que o Reino de Castela exerceu sobre Galicia, e a razóns sociais, xa que o castelán chegou da man da xente de clase alta e substituíu o galego nos usos administrativos, o que provocou a creación do primeiro prexuízo cara ao galego ao asociar o castelán co ascenso social. Isto trouxo como consecuencia un sentimento de inferioridade do grupo dominante cara ás clases sociais máis desfavorables, en particular co menosprezo da súa lingua.

Así, a sociedade divídese entre os que falan unha lingua ou a outra e mantense enfrontada, aínda que o castelán conta co apoio de certos medios de comunicación e dalgúns movementos políticos, mentres que o galego só se pode refuxiar nos partidarios que protexen e promoven a lingua propia de cada territorio e designan á outra como segunda lingua, só para relacións con falantes de territorios diferentes. Esta situación só se pode modificar cunha política lingüística que fomente de verdade o uso do galego.

Resumo

En resumo, o proceso de minorización do noso idioma comeza cando o castelán se impón ao galego co dominio de Castela, pero continúa cos prexuízos que os altos cargos, agora españois, lle poñen ao idioma galego, baseándose no aspecto e no carácter da xente do rural, que sente vergoña da súa raza, polo que se cambia de bando e pasa a falar o idioma estranxeiro, ou ben aflora o seu sentimento nacionalista e entra en conflito co español na procura do prestixio que o galego perdera.

Descargar

PDF Word HTML