Conflito Lingüístico e Prexuízos en Galiza: Análise e Reflexión

Lingua e literatura6,59 KB

Conflito Lingüístico en Galiza

En xeral, enténdese por conflito lingüístico a disputa entre dúas linguas por desempeñar todas as funcións posibles nun mesmo territorio. Este é unha situación provocada polo contacto de linguas nun mesmo espazo xeográfico. Para analizar o conflito entre dúas linguas, temos que reflexionar antes sobre os motivos históricos de que nese territorio existan dúas ou máis linguas.

Causas do Conflito Lingüístico

As causas máis comúns de que nun territorio coexistan varias linguas son tres:

  • Os procesos de expansión e de unificación política.
  • A presión cultural e económica.
  • Os movementos migratorios.

Destas tres causas, a máis importante e frecuente é a primeira. Moi a miúdo, os procesos de expansión e de unificación política acostuman ir ligados ao aniquilamento das culturas e linguas diferentes á da sociedade que se expande.

A Presenza do Castelán en Galiza

En Galiza, a presenza do castelán non pode desligarse da política de uniformización lingüística que promoveu a Coroa de Castela desde o século XV. O castelán comezou a desprazar o galego dos usos públicos, relegando a lingua de nós ao ámbito privado e familiar. Esta imposición lingüística provocou co paso do tempo a idea de que o castelán, que era a lingua dos usos elevados, era mellor e máis importante (lingua Alta, lingua A) cá propia dos galegos. Paralelamente, a lingua galega, reducida á oralidade menos prestixiada, pasou na conciencia dalgúns falantes a considerarse inferior (lingua Baixa, lingua B).

Bilingüismo: Definición e Tipos

Dunha maneira xeral, podemos definir o bilingüismo como o uso alternado de dúas linguas. Mais as situacións poden ser moi diversas e para acadar unha definición máis rigorosa cómpre distinguirmos o bilingüismo individual do bilingüismo social. Por exemplo, podemos atopar individuos bilingües en sociedades monolingües e igualmente atopamos sociedades bilingües con falantes monolingües. Son dous fenómenos diferentes e estudados por disciplinas tamén diferentes:

  • A sociolingüística estuda o bilingüismo social.
  • A psicolingüística estuda o bilingüismo individual.

Desde o punto de vista individual, é bilingüe aquela persoa que, ademais da súa primeira lingua, ten unha competencia semellante noutra lingua e é quen de usar unha ou outra en calquera circunstancia con parecida eficacia. Este concepto é algo relativo porque hai que ter en conta non só o grao de coñecemento da lingua senón tamén o uso efectivo que se fai dela.

Tipos de Bilingüismo

Podemos falar de:

  • Bilingües pasivos: os que entenden ambas as linguas, pero só saben falar unha (comprenden, len, escriben, pero non falan).
  • Bilingües activos: as persoas que son capaces de comprender e expresarse en dúas linguas, dominando as catro destrezas: falar, entender, escribir e ler.

Aínda nos casos en que o individuo domine varias linguas, habitualmente pensa nunha delas, síntoma de que é nesa na que se sente máis perfectamente instalado.

Bilingüismo Social

Se nos centramos agora na existencia de dúas ou máis linguas no mesmo territorio (bilingüismo social), dise que unha sociedade é bilingüe cando nela se empregan dúas linguas diferentes, sendo bilingües boa parte dos seus individuos. En sentido estrito, é moi discutible que existan “pobos bilingües”, xa que é difícil que nunha sociedade os falantes utilicen dúas ou máis linguas nos mesmos contextos e coa mesma finalidade e que as dúas linguas se atopen nunha situación de total igualdade e proporcionalidade.

Desigualdades no Bilingüismo Social

O bilingüismo social non é estable, senón que xera desequilibrios, desigualdades e tensións. A desigualdade pode ser non só numérica (minoría/maioría) senón tamén xurídica (prohibición, represión e eliminación/promoção, protección e defensa), de “status” (lingua oficial/lingua particular) e de emprego (vida privada, comunicación oral restrinxida/vida pública, usos formais: cultura, relixión, administración, medios de comunicación). O bilingüismo social é, pois, sempre, un bilingüismo diglósico.

Prexuízos Lingüísticos

As linguas non son alleas aos estereotipos, aos prexuízos ou ás valoracións negativas. Estas ideas preconcibidas inflúen, á súa vez, na percepción e nos usos lingüísticos dos cidadáns, que poden mesmo provocar nalgúns galegos un complexo de inferioridade con respecto á súa lingua inicial (autoodio).

Impacto dos Prexuízos Lingüísticos

Nun contexto diglósico, xorden unha serie de valoracións negativas sobre a lingua B, concretadas nunha actitude de rexeitamento ou menosprezo. Son os chamados prexuízos lingüísticos adquiridos polo falante a partir de determinadas circunstancias históricas, sociais, políticas ou económicas, que constitúen sempre o motivo real da situación de inferioridade dun grupo con respecto a outro.

Exemplo do Caso Galego

Por exemplo, no caso galego, os galegofalantes pertenceron tradicionalmente ás clases máis atrasadas, cultural e economicamente, e os castelanfalantes eran, pola contra, os que dispuñan de recursos económicos que lles facilitaban o acceso á cultura. Polo tanto, o feito de falar galego vai relacionar ao falante cos estereotipos simplificadores da lingua B (persoa maior, pobre, de aldea, analfabeto...).

Función dos Prexuízos

Nos prexuízos, o estereotipo vai sempre acompañado dunha tendencia á discriminación e cumpren unha función defensiva, xa que se utilizan co fin de xustificar e manter a posición dominante de certos grupos sobre outros. Tomando como exemplo de novo o caso galego, o grupo dominante castelanfalante podía manterse unicamente na súa situación de monolingüismo, mentres que os galegofalantes víanse na obriga de ser bilingües á forza, xa que se lles esixía aprender e utilizar o castelán.

Prexuízos nas Linguas Minorizadas

Os prexuízos lingüísticos danse na maioría dos casos nas linguas minorizadas, aínda que os falantes intenten ocultalos ou disfrazalos consciente ou inconscientemente. De feito, podemos manter determinados prexuízos e non recoñecelos nin sequera ante nós mesmos. Os prexuízos máis estendidos sobre o galego e que máis repercuten no seu uso son:

Descargar

PDF Word HTML