Cantares Gallegos: Análise Completa da Obra de Rosalía de Castro
Cantares Gallegos: A Obra Fundacional de Rosalía de Castro
O 17 de maio de 1863, Rosalía de Castro asina o seu primeiro libro de poesía galega. Rosalía vai facendo glosas de cantares, refráns ou ditos populares na procura de reproducir o verdadeiro espírito do noso pobo. Rosalía revela nesta obra un compromiso con Galicia e o seu idioma. Cantares Gallegos, converténdose nunha obra clave para o reencontro da identidade e a demostración do idioma galego como lingua literaria. Estas glosas de cantares en lingua galega son un modo de representar de maneira auténtica a identidade dun país, nos seus aspectos positivos, ao tempo que un modo de rexeitar a visión discriminadora que de Galicia tiñan os centralistas.
Estrutura de Cantares Gallegos
O libro ten unha estrutura circular. Está posto en boca dunha mociña aldeá, a «meniña gaiteira», a quen a autora lle pide que cante en lingua galega e esta accederá en representación do pobo. Nos seguintes poemas, Rosalía cede a palabra a diferentes tipos populares.
Temática Principal
O poemario, atento ás proclamas do prólogo, distingue os seguintes temas:
Temática Costumista
A través das vivencias de personaxes populares nas que están presentes tanto os elementos folclóricos como os solidarios. A vida cotiá adquire aquí relevancia a través de retratos de tipos e das estampas populares como as romarías e a relixión. É máis habitual que Rosalía empregue un ton desenfadado.
Temática Amorosa
Nestes poemas expóñense as queixas dos namorados, as mágoas deixadas por antigos amores, os resentimentos, as separacións... dun xeito non sempre desenfadado.
Temática Social
Nun libro de tan evidente intencionalidade política tamén se ofrecen glosas dunha maior carga social e patriótica con temas como a emigración, a miseria, a marxinación que sofren os galegos ou a incomprensión dos casteláns cara a Galicia.
Temática Intimista
Visión pesimista do amor, o tema da dor e da saudade.
Recursos Estilísticos e Métricos
Rosalía abusa das comparacións e descoida a metáfora. Abundan os paralelismos, anáforas, repeticións e antíteses. Son varias as composicións nas que utiliza o verso da muiñeira e as formas populares da arte menor, aínda que tamén se encontran décimas, cuartetas, redondillas e oitavas reais.