Bilingüismo, Diglosia e Linguas Minorizadas: Conceptos
Bilingüismo e Diglosia
Na maior parte das sociedades vívese unha situación de contacto entre linguas e xorden estes dous conceptos.
Tipos de Bilingüismo
- Individual: capacidade dunha persoa para dominar dúas linguas. Neste tipo de bilingüismo cabe distinguir entre:
- Activo: que supón a comprensión e expresión das dúas linguas.
- Pasivo: que comprenden as dúas linguas pero só se poden expresar nunha.
- Territorial: situación na que existen dous territorios unilingües dentro dun mesmo Estado.
- Social: situación de contacto entre dúas linguas na que hai unha lingua propia e outra aprendida ou imposta por unha sociedade diferente. Isto xera tensións e por iso se fala de conflito e diglosia.
A diglosia é unha situación na que unha lingua A e unha lingua B se usan con valor social diferente.
Distínguense a diglosia funcional (na que hai unha especialización funcional de cada lingua) e a diglosia de adscrición (as linguas están asociadas a clases sociais diferentes, con máis ou menos prestixio).
Conflito Lingüístico
O conflito lingüístico é a loita entre dúas linguas que conviven nun mesmo territorio por ocupar espazos de comunicación e abranguer maior número de falantes.
No caso do galego, o conflito comeza na Idade Media cos Reis Católicos. Desde entón, hai unha serie de prexuízos que identifican o castelán como lingua das clases dominantes e o galego como lingua das clases populares.
Substitución Lingüística
O proceso de substitución lingüística consistiu no abandono da lingua propia e adopción da foránea (deserción lingüística) e no desprezo pola lingua e polo propio en xeral (autoodio).
Linguas Minoritarias e Minorizadas
No mundo hai 6.000 linguas en 171 estados. Disto dedúcese que hai Linguas con estado (minoría, representan de forma oficial a un país) e Linguas sen estado (maioría, de territorios sen independencia política). Hai linguas máis poderosas ca outras.
Lingua Minoritaria vs. Lingua Minorizada
- Lingua minoritaria: é a que ten poucos falantes.
- Lingua minorizada: é aquela que ten unhas malas condicións sociais, que ve restrinxidas as súas funcións, ten pouco prestixio, está baixo a presión dunha lingua hexemónica.
As linguas minorízanse en situacións de contacto lingüístico, que pode xerar substitucións lingüísticas.
Política Lingüística e Normalización
Cando se decide sobre unha lingua faise unha política lingüística. A normalización lingüística é facer que a lingua minorizada se empregue máis, chegando a igualar a lingua hexemónica.