Análise da Obra Poética de Celso Emilio Ferreiro
A Obra Poética de Celso Emilio Ferreiro
A súa obra poética ten unha vertente individual e outra colectiva, que se manifestan no tratamento de diversos temas.
Por un lado, a súa faceta máis individual céntrase no concepto da saudade, que se relaciona coa infancia do autor, entendida como o momento de maior felicidade do ser humano, símbolo de harmonía entre o Home e a Natureza, unha etapa de inxenuidade e de benestar. Ademais, asociada a esta idea está tamén a da fugacidade do tempo e o desarraigo do home moderno, de modo que, para loitar contra esta perda de identidade, o único sentimento positivo é o amor e tamén a paisaxe. Como por exemplo destaca a súa obra Onde o mundo se chama Celanova.
Por outro lado, na súa vertente colectiva, o poeta ten unha actitude combativa e belixerante como poeta civil, na que se implica para loitar contra as inxustizas sociais e mantén sempre unha actitude crítica coa sociedade: para el, as inxustizas, a explotación dos traballadores, as guerras, a represión fascista e a emigración teñen culpables nos poderes dominantes e tamén un responsable último na figura de Deus, que amosa a súa cara máis amable como creador, pero que tamén se esconde diante das maldades que consente. É por iso que todos os homes son iguais na desgraza e a loita vólvese internacional e non importa a cor, nin a patria, nin a lingua dos asoballados. Como por exemplo a súa obra Longa noite de pedra.
En canto á emigración, este tema ten dúas caras en Celso Emilio. A primeira é positiva, cando aparece como unha alternativa á pobreza, á miseria. A segunda, é negativa, porque mostra o desengano diante das expectativas frustradas. Por exemplo, a súa obra Viaxe ao país dos ananos.
Por último, é preciso mencionar a súa faceta como poeta satírico, que ten unha cara máis persoal nos ataques individuais contra os seus inimigos, e outra máis de tipo metaliterario que el denomina ``antipoesía´´, é dicir, aquela na que critica a poesía mesma cando non cumpre coa súa función de compromiso coa sociedade. Por exemplo, a súa obra Cemiterio privado.
En conclusión, é preciso destacar a este poeta como un dos autores máis importantes do século XX, que incluso chega a converterse nun auténtico símbolo social. A súa loita incansable contra as inxustizas sociais fixo del un auténtico símbolo da loita antifranquista.