Variedades da cantiga de amigo
Airas Nunes, clérigo e trobador galego do século XIII,
foi poeta na corte de Sancho IV (1258-1295), fillo de Alfonso X.
Bailemos nós ja todas tres, ai amigas,
so aquestas avelaneiras frolidas
e quen for velida, como nós, velidas,
se amigamar,
so aquestas avelaneiras frolidas5
verrá bailar.
Bailemos nós ja todas tres, ai irmanas,
so aqueste ramo destas avelanas
e quen for louçana, como nós, louçanas
se amig'amar,10
so aqueste ramo destas avelanas
verrá bailar.
Por Deus, ai amigas, mentr'al non fazemos,
so aqueste ramo frolido bailemos
e quen ben parecer, como nós parecemos,15
se amig'amar,
so aqueste ramo so'l que nós bailemos
verrá bailar.
Esta cantiga de Airas Nunes pertence ao xénero da cantiga de amigo porque a palabra amigo, definidora do xénero, aparece no texto en varias ocasións para facer referencia ao namorado da rapaza. Atopamos tamén a palabra amigas no primeiro verso para referirse ás rapazas namoradas. Define tamén este xénero o feito de que a voz poética é unha voz feminina, que habitualmente se expresa en primeira persoa do singular, mais neste caso aparece excepcionalmente en primeira de plural. Esta voz poética feminina non se identifica co autor da cantiga, xa que este non era unha muller, senón un trobador. Na Arte de Trobar defínese este xénero afirmando que está formado polas cantigas en que falan elas, diferenciándoo do xénero da cantiga de amor, que está constituído polas cantigas en que falan eles. Tamén é característico deste xénero o feito de que a voz poética feminina se dirixa ás amigas, que actúan como confidentes da súa pena de amor e ás veces actúan como mandadeiras, isto é, recadeiras que teñen como misión restablecer o acordo entre os namorados. Finalmente, outra característica propia deste tipo de cantigas é a ausencia do amigo, que nunca se encontra presente xunto á namorada, agás nas albas, que describen a separación dos namorados ao amencer despois de pasaren a noite xuntos. Dentro do xénero das cantigas de amigo este poema pertence ao subxénero das bailadas porque consiste nunha invitación ao baile dentro dun contexto no que se expresa a ledicia de amar e de vivir.
O tema principal desta cantiga é a invitación da rapaza que fala na cantiga para que outras rapazas fermosas e namoradas se unan a ela e ás súas dúas amigas no baile baixo as avelaneiras floridas.
O aproveitamento simbólico da natureza para articular a lingua amorosa é un dos trazos máis característicos da cantiga de amigo. Moitos referentes concretos remiten para un significado oculto, dotando a cantiga de dous niveis de significación: un superficial, resultante da literalidade do poema, e outro profundo, cargado de matices emotivos ou eróticos. Nesta cantiga atopamos as avelaneiras frolidas (=abeleiras / abelairas floridas), nas cales, as flores da primavera simbolizan o amor do amigo pola amiga.
Polo que se refire aos recursos formais, o esquema métrico desta cantiga é o seguinte: a11 a11 a11 B4 a11 B4. A rima é consonante (agás a palabra amigas no v. 1) e denomínase rima femia por rematar o verso en palabra grave (agás no refrán que é macho por rematar en palabra aguda: amar / bailar). Trátase de cobras singulares, dado que cada unha ten a súa propia rima, e observamos a utilización do paralelismo e mais do refrán, mais non do leixaprén. Son versos paralelísticos, entre outros, o primeiro verso da primeira cobra e o primeiro da segunda (v. 1 Bailemos nós já todas tres, ai amigas / v. 7 Bailemos nós já todas tres, ai irmanas). Este esquema repetitivo relaciona pares de cobras sucesivas. Nesta cantiga non se combina co recurso do leixaprén, consistente en relacionar cobras alternas facendo que o segundo verso da primeira estrofa reapareza como primeiro verso da terceira e así sucesivamente. Finalmente, atopamos o refrán, que consiste na repetición dun mesmo verso ao final de cada cobra (se amigamar... Verrá bailar), que neste caso intercala un verso entre ambos de xeito excepcional.
Como conclusión pódese afirmar que esta cantiga caracterízase polo uso dos recursos formais propios da poética da cantiga de amigo así como polo desenvolvemento das características propias das bailadas e mais o uso do símbolo das flores da primavera