As vangardas na literatura galega: autores, liñas e revistas
1.2. As vangardas na literatura galega
Dúas liñas na poesía galega
Na poesía galega das primeiras décadas do século XX atopámonos con dúas grandes liñas despois da produción de Noriega Varela e Cabanillas, autores que asumen os grandes temas do século XIX (culto á terra, saudade e denuncia) e incorporan á nosa tradición elementos ausentes ata agora. Estas dúas liñas son:
- Dunha banda, aquela que segue, aínda que renovando, a liña poética xa existente en Galicia.
- Doutra banda, a que rompe coa tradición galega e segue o camiño marcado polas literaturas europeas de vangarda.
Agora ben, os autores que podemos encadrar no primeiro grupo, aínda que parten do xa existente, teñen puntos de partida totalmente diferentes:
Autores do primeiro grupo
- Fermín Bouza Brey sería o iniciador do neotrobadorismo ou neopopulismo, liña que aparece como consecuencia do descubrimento da lírica galaico-portuguesa.
- Amado Carballo parte do camiño que marca Noriega Varela para, afondando as súas raíces na terra e inspirándose na paisaxe, presentarnos unha natureza animada e viva, e é o máximo representante da liña hilozoísta.
A segunda liña e o Grupo Nós
A segunda liña, aquela que rompe coa tradición, é a que emprende en solitario Manuel Antonio, quen seguirá as pautas marcadas polas literaturas de vangarda. Serán os homes do Grupo Nós, e, sobre todo, Vicente Risco, quen introduzan as vangardas europeas en Galicia a través da Revista Nós e da correspondencia persoal cos poetas novos.
Segundo o profesor Méndez Ferrín, presentan as seguintes características externas:
- Fan a súa aparición pública cara ao 1925.
- Son fundamentalmente poetas.
- Son nados entre 1895 (Luis Pimentel) e 1911 (Alvaro Cunqueiro).
- Non só non rompen coa xeración anterior, senón que están baixo a súa tutela e sérvense dos seus medios de expresión: Revista Nós, A Nosa Terra, Editorial Nós.
- Todos están nunha liña postmodernista.
- Coinciden coa xeración do 27 española e florecen na Ditadura de Primo de Rivera.
Empresas e revistas ao redor destes autores
Estes autores artéllanse ao redor das seguintes empresas propias:
- Seminario de Estudios Galegos. Fundado o 12 de outubro de 1923 na casa de Rosalía en Ortoño.
- Revista Ronsel. Publicouse en Lugo en 1924 (o primeiro número no mes de maio e o derradeiro, o nº 6, en outubro-novembro).
- Partido Galeguista. O 18 de febreiro de 1922 constitúese a Irmandade Nazonalista Galega baixo a xefatura de Vicente Risco con Lousada Diéguez, Blanco Torres, Florentino López Cuevillas e Arturo Noguerol.
- Outras revistas: Alfar, Resol, Papel de Color, Yunque.