A Transición Española: Eleccións e Pactos da Moncloa

Historia5,22 KB

As Eleccións Democráticas de 1977

A convocatoria de eleccións lexislativas libres foi o paso necesario para restablecer o sistema parlamentario en España. O goberno e a oposición fixaron a data do 15 de xuño de 1977 para celebralas. Había que elixir 350 representantes ao Congreso, segundo a Lei D'Hondt, e 270 ao Senado, a razón de catro senadores por provincia, segundo un sistema maioritario e nominal.

Votou algo máis do 78% do censo, unha participación moi alta, que demostrou o interese da poboación. A lei electoral favoreceu a UCD con 166 escanos, seguida do PSOE con 118, o PCE con 20 e AP con 16. UCD e PSOE representaban o 63% dos votantes e o 80% dos escanos. Polo tanto, formouse un goberno en minoría de UCD presidido por Suárez.

O resultado electoral reflectía a vontade dos españois de romper coa legalidade e coas institucións franquistas, continuar coas reformas democráticas e manter o consenso político. O rei confirmou como presidente do goberno a Adolfo Suárez, quen mantivo a iniciativa nas cuestións máis importantes, pero ao carecer de maioría absoluta no Congreso optou por gobernar en minoría buscando acordos parlamentarios con outras forzas políticas.

Unha das primeiras decisións do novo goberno foi solicitar a apertura de negociacións para a integración de España na CEE co apoio da maior parte das forzas políticas. En novembro, España era admitida no Consello de Europa por unanimidade.


Crise Económica e Pactos da Moncloa

A Crise Económica

O primeiro problema que debeu afrontar o goberno de UCD foi a grave crise económica. O encarecemento do petróleo en 1973 provocara unha recesión mundial que afectou a España con enorme forza a partir de 1975, co estalido dunha crise económica que se viu agravada pola crise política do réxime e a morte de Franco.

Os últimos gobernos franquistas non aplicaron a subida real dos prezos do petróleo nin tampouco tomaron medidas de aforro por temor a un aumento do descontento social. Cando a crise estalou disparáronse a inflación, o paro e o déficit do Estado, descendeu a competitividade provocando o peche de moitas empresas e diminuíu a reserva de divisas.

A desvalorización da peseta favoreceu as exportacións, os ingresos por turismo e os investimentos estranxeiros e mitigou os efectos da crise, pero diminuiu o poder adquisitivo dos españois, co que aumentou o malestar social.

Os Pactos da Moncloa

Con estes datos, e tras as eleccións de xuño de 1977, o vicepresidente do goberno, Fuentes Quintana, propuxo ás distintas forzas políticas e sociais uns pactos con que afrontar a crise económica, rebaixar as tensións sociais e amortecer o impacto do terrorismo e os intentos involucionistas.

Os chamados Pactos da Moncloa asináronse o 25 de outubro de 1977 e dous días máis tarde aprobounos o Congreso. Apoiáronos os principais partidos políticos e os grandes sindicatos.

As forzas políticas e sindicais tomaron estes pactos como a oportunidade dun amplo consenso para superar os problemas do país e transmitir á sociedade a imaxe de diálogo por riba das diferenzas políticas. Todos acordaron atenuar a crispación e as mobilizacións sociais e buscar solucións conxuntas para avanzar cara a un Estado democrático.

Obxectivos dos Pactos

Os pactos centráronse en dous grandes obxectivos:

  1. Reforma económica: A reforma, modernización e saneamento da economía ante a recesión, a falta de investimentos e o aumento do prezo do petróleo. As medidas pretendían reducir a inflación, que chegou ao 25% en 1977, e o déficit exterior. Para logralo desvalorizouse a peseta e estableceuse unha política monetaria restritiva. Acordouse vincular o aumento salarial á taxa de inflación prevista, ampliar o Imposto sobre as Retribucións do Traballo Persoal (IRTP) e loitar contra a fraude fiscal.
  2. Reformas sociais: En materia social acordouse aumentar o número de prazas escolares, estender o seguro de desemprego, reformar a Seguridade Social e crear o Instituto Nacional de Emprego (INEM).
  3. Avanzar nas reformas políticas: Para garantir a liberdade de expresión, de reunión e de asociación; a regulación dos medios de comunicación estatais (prensa, radio e televisión); a reforma do código penal, a lei de axuizamento criminal e o código de xustiza militar, e a reorganización das forzas da orde pública.

Consecuencias dos Pactos

As organizacións sindicais, CC.OO. e UGT, apoiaron os Pactos da Moncloa pero o incumprimento dalgúns puntos e a escasa mellora económica restoulles credibilidade ante os seus afiliados. Por unha parte, debían solucionar os problemas laborais; por outra, contribuír á estabilidade do sistema, combater os perigos involucionistas e competir por captar novos afiliados, o que explicaría o aumento da conflitividade social en 1979.

As organizacións patronais non participaron nas reunións. Crearon a Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) para agrupar o empresariado e esixir ao goberno a defensa dos seus intereses.

Descargar

PDF Word HTML