A Transición Democrática en España: Da Ditadura á Democracia
A Democracia
Fundamentos do Sistema Democrático
- División de poderes: Executivo, lexislativo e xudicial; é dicir, independencia de cada un respecto aos outros dous.
- Eleccións: Por parte da cidadanía das persoas que van exercer o poder político e a autoridade durante o tempo establecido pola lei.
- Soberanía popular: O poder reside no pobo. A cidadanía elixe os seus gobernantes, o que lle dá lexitimidade ao sistema democrático.
- Respecto aos dereitos e ás liberdades: Expresáronse por primeira vez durante a Revolución Francesa e plásmanse na Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948.
- Pluralismo de partidos: A libre participación dos partidos políticos nas eleccións.
- Persoas libres e iguais ante a lei: Todos debemos ser tratados en igualdade de condicións e ter as mesmas oportunidades sen ter en conta a raza, a orixe, o sexo, a situación económica, as crenzas...
- Tolerancia: A democracia implica convivir cos que non esteamos de acordo, cos que defenden outras ideas e outros intereses. A verdadeira democracia fundaméntase no respecto polas persoas.
- Constitución: Sometemento de todos os cidadáns a unha lei fundamental, a Constitución, creando así o chamado Estado de Dereito.
As Eleccións Democráticas
Deben ser libres (calquera persoa pode presentarse como candidata), plurais (os electores poden elixir entre diferentes opcións), por sufraxio universal (todas as persoas maiores de idade poden votar sen ningún tipo de discriminación) e periódicas (celebraranse cada certo tempo).
Diferenzas cos Sistemas Non Democráticos
Reciben o nome de ditaduras, réximes autoritarios ou tiranías.
Características:
- O poder reside nunha soa persoa ou nun grupo reducido, que gobernan segundo os seus intereses.
- Non se respecta a división de poderes: controlan todo o poder do Estado, ditan as leis e interveñen no poder xudicial.
- O Goberno non ten límites nin control.
- Non existe un Estado de Dereito que garanta as liberdades individuais e colectivas, nin os dereitos humanos.
- Non hai pluralismo político nin ideolóxico; ás veces só se permite a existencia do partido do goberno.
- Non hai eleccións libres; reprímese toda disidencia política, de acordo coa ideoloxía dos que teñen o poder.
- Contrólase ferreamente a sociedade, impondo ideas relixiosas e valores mediante a propaganda e o control dos medios.
- Descualifícase a función política.
As Eleccións: Elementos Fundamentais
- Circunscricións ou distritos electorais: A base das circunscricións electorais son as provincias, para as eleccións xerais e autonómicas, e os concellos, para as eleccións municipais.
- Candidaturas: Son as listas de candidatos que cada partido presenta ás eleccións.
- Fórmula electoral: É a ecuación matemática que converte o total de votos emitidos en número de representantes elixidos.
Os Impostos e os Servizos Públicos
Son as contribucións económicas que os cidadáns e as cidadás lle fan ao Estado, co fin de organizar a vida social, contribuír a soster os servizos públicos do Estado e responder ás necesidades de todos os membros da sociedade.
En que se diferencian os impostos directos dos indirectos?
Os directos aplícanse sobre os ingresos (soldo) e as propiedades das persoas (IRPF, IS) e os indirectos sobre os bens e servizos que adquirimos (IVE).
En que se gastan os nosos impostos?
- Soster a Seguridade Social e garantir a atención médica a toda a cidadanía.
- Pagarlles as pensións ás persoas xubiladas.
- Facilitar a educación gratuíta a toda a cidadanía.
- Construír vivendas sociais e de protección oficial para as persoas sen vivenda ou máis necesitadas.
- Construír estradas e mellorar os sistemas de transportes do Estado.
- Construír hospitais, escolas, centros sociais, museos, centros lúdicos, etc.
- Manter as forzas de seguridade do Estado, como son a policía, garda civil ou militares.
- Desenvolver políticas de benestar social para os grupos máis desfavorecidos.
- Recollida de lixo, abastecemento de auga potable, transporte público.
A Cidadanía Activa
- Manifestacións cidadás contra algo que se consideraba inxusto.
- Partidos políticos: Son asociacións voluntarias de persoas, dotadas de programas de goberno da sociedade, que concorren ás eleccións mediante a presentación dos seus candidatos. Cada partido político ten a súa ideoloxía, que se reflicte no programa.
- Sindicatos: Son organizacións de traballadores para mellorar as súas condicións laborais. Teñen como funcións principais representar os intereses dos seus afiliados; fixar, xunto cos empresarios, os salarios e as condicións laborais mediante a negociación colectiva; convocar folgas como forma de presión.
- Organizacións non Gobernamentais (ONG): Son organizacións privadas, constituídas por voluntarios que non dependen de ningún Estado e perseguen, polo xeral, fins humanitarios. Hai varios tipos: unhas promoven accións humanitarias ante a fame ou catástrofes naturais (Cruz Vermella, Mans Unidas, Intermón-Oxfam, Médicos sen Fronteiras...); outras promoven os dereitos humanos, como Amnistía Internacional, ou traballan para protexer a natureza e o medio natural.
A Transición Democrática (1975-1978)
Período que vai desde a morte de Franco, en 1975, ata a instauración da democracia, nunha data variable segundo os historiadores.
Características
- Proceso graduado: os políticos resolveron os asuntos seguindo unhas prioridades.
- Equilibrado: desmantelouse paseniño o réxime franquista e foise construíndo o sistema democrático paulatinamente.
- Consensuado: acordado pola maioría das forzas políticas e baseado na reconciliación social; lexitimado pola sociedade mediante dous referendos: Lei de Reforma Política, en 1977, e da Constitución, en 1978.
Goberno de Arias Navarro
O 22 de novembro de 1975, Juan Carlos de Borbón foi proclamado rei polas Cortes. O primeiro Goberno da recentemente estreada Monarquía estivo presidido por Carlos Arias Navarro, presidente do derradeiro Goberno de Franco, o que xerou unha forte desilusión porque se interpretou como unha continuidade do réxime. Arias Navarro negábase a calquera cambio político. A actitude inmobilista de Arias, a súa incapacidade para solucionar os problemas de orde pública e a presión das forzas democráticas e do rei forzaron a súa dimisión.
Goberno de Adolfo Suárez
En xullo de 1976, o rei nomeou como presidente do Goberno a Adolfo Suárez. Aínda que procedía do Franquismo, desenvolveu un programa reformista que levaría á instauración da democracia mediante unha serie de actuacións:
- Reformouse o Código Penal para permitir a legalización da maioría dos partidos políticos e concedeuse unha ampla amnistía para os presos políticos.
- En novembro de 1976 promulgouse a Lei para a Reforma Política.
- Regulamentouse o dereito de folga en marzo de 1977.
- Legalizáronse o Partido Comunista e as centrais sindicais en abril de 1977.
- O 15 de xuño de 1977 celebráronse eleccións xerais.
- Elaborouse unha Constitución, aprobada en referendo o 6 de decembro de 1978.
1976: Lei para a Reforma Política
A obra máis importante do Goberno de Adolfo Suárez foi a Lei para a Reforma Política: suprimía as Cortes franquistas e posibilitaba a convocatoria de eleccións xerais democráticas e a elaboración dunha Constitución. Esta lei foi aprobada polas Cortes franquistas, que eran as vixentes. O 15 de decembro de 1976 someteuse a referendo, sendo aprobada polo pobo.
Eleccións Xerais do 15 de Xuño de 1977
Destacan as forzas de centro agrupadas na coalición UCD; os partidos de esquerda: PSOE, PCE e Partido Socialista Popular; Alianza Popular, partido de dereita; a extrema dereita, representada por FET JONS (Falanxe) e Fuerza Nueva; os partidos nacionalistas Partido Nacionalista Vasco e Convergència Democrática de Catalunya; de extrema esquerda, como o Movemento Comunista, a Liga Comunista Revolucionaria, o Partido dos Traballadores de España. A vitoria foi para a UCD, seguida polo PSOE, o Partido Comunista e Alianza Popular. Agora o novo goberno, formado por ministros da UCD e presidido por Adolfo Suárez, tiña lexitimidade democrática, o primeiro despois de 41 anos.
Os Atrancos á Transición
Os principais obstáculos á democracia durante a Transición foron a violencia exercida polos partidos e grupos extremistas: asasinatos e secuestros.
Os Pactos da Moncloa
A política de consenso de Suárez logrou un dos maiores éxitos nos acordos cos axentes sociais e recollidos nos Pactos da Moncloa. Estes pactos establecían unha serie de acordos de carácter económico, político e social para consolidar a democracia e reducir a conflitividade social: moderación dos salarios, redución das cotas da Seguridade Social, reforma fiscal e financeira, control do gasto público, redución da inflación, mellora da balanza de pagamentos, control da Seguridade Social e un novo marco de relacións laborais.
A Constitución de 1978
Esta Constitución representa o segundo intento do século XX de establecer un sistema democrático en España; o primeiro foi a Constitución de 1931. Con ela implántase en España un Estado social e democrático de Dereito no que:
- Prevalecen os intereses da sociedade sobre os de grupo (Estado social).
- Asegúrase o poder da Lei como conxunto de normas que hai que respectar, sen diferenzas, discriminacións ou privilexios entre as persoas.
- Adóptase a monarquía parlamentaria como forma de Estado.
- Establécese a división de poderes.
- A súa lexitimación é a soberanía nacional.
- Garántese a liberdade, a igualdade ante a lei, o pluralismo ideolóxico e a convivencia democrática.
- Recoñécense dereitos sociais (Estado do Benestar).
- Recoñécese a existencia de nacionalidades e rexións que darán lugar ás Comunidades Autónomas.
España en Democracia
As Eleccións de 1979
A UCD gañou as lexislativas, seguida do PSOE. Como resultado das eleccións, formouse un goberno da UCD, que impulsou a reforma do exército, o proceso autonómico e a proxección exterior de España, retomando as negociacións para entrar na CEE e na OTAN.
Golpe de Estado do 23-F
O golpe pretendía volver á ditadura. Pero o golpe non foi seguido pola maioría dos capitáns xenerais que se mantiveron fieis á legalidade, sobre todo despois da actitude do rei, que rexeitou claramente o golpe de Estado.
Os Gobernos Socialistas (1982-1996)
Felipe González foi o novo presidente do Goberno. A vitoria do PSOE pechou unha etapa de inestabilidade política e fortaleceu a nacente democracia española ao permitir, por unha parte, o acceso ao poder dun partido distinto ao que o viña gobernando desde 1977 e, por outra, que ese partido fose un dos perdedores da Guerra Civil. E o feito de que un partido de esquerdas gañase as eleccións supuxo a consolidación da democracia.
Unha Política Reformista
Fixou como prioridades a superación da crise económica, a implantación do Estado do Benestar, o impulso das obras públicas e a preparación do país para a súa integración na Comunidade Económica Europea.
Ingreso na CEE e a Permanencia na OTAN
As negociacións para o ingreso na Comunidade Europea intensificáronse, dando os seus froitos en xuño de 1985, cando se asinou o tratado de adhesión, e, xunto con Portugal, España pasou a ser membro de pleno dereito da CEE o 1 de xaneiro de 1986. Con respecto á OTAN, na que España xa ingresara en 1981, convocouse un referendo para a permanencia.
Reconversión Industrial da Década dos 80
En 1984 apróbase a Lei de Reconversión e Reindustrialización, que tiña como obxectivo levar a cabo unha política de axuste nos sectores industriais en crise e canalizar os recursos cara aos sectores máis rendibles.
As Eleccións Xerais de 1993
Nelas, o PSOE xa non obtivo a maioría absoluta, e o Partido Popular logrou aumentar os votos obtidos respecto ás anteriores eleccións. Estes resultados puxeron de manifesto a tendencia ao bipartidismo do electorado. Co fin de obter maioría no Congreso dos Deputados, Felipe González negociou cos nacionalistas cataláns de Convergencia i Unió o seu apoio para a nova lexislatura. Coa colaboración dos nacionalistas cataláns, os socialistas buscaban, ademais do apoio parlamentario, solucionar o preito histórico da incorporación dos partidos nacionalistas e rexionalistas ás tarefas de goberno, o que non ocorría desde a II República.