Transformacións Sociais na España do Século XIX: Clases e Muller

Historia10,39 KB

As Revolucións Liberais e a Nova Sociedade

O Ascenso da Burguesía e o Fin do Antigo Réxime

As revolucións liberais provocaron profundas transformacións na estrutura social herdada do Antigo Réxime. Non cabe dúbida de que o século XIX é o século do ascenso da burguesía, grupo social que acadará a hexemonía social e que impoñerá o liberalismo como novo sistema.

Antigos Grupos Tradicionais e a Sociedade Clasista

Os antigos grupos tradicionais (os privilexiados da antiga sociedade estamental) perden a súa posición hexemónica ante a aparición dunha nova sociedade clasista baseada no poder económico de cada individuo. Como consecuencia, os grupos sociais incluíronse en tres clases, segundo a súa riqueza:

As Clases Sociais na España Liberal

As Clases Altas: Nobreza, Clero e Alta Burguesía

As clases altas eran un grupo reducido que comprendía a antiga nobreza, o clero e a burguesía.

  1. A Nobreza: Perde os dereitos señoriais (privilexios fiscais e xudiciais), pero adáptase á nova situación xa que consolida a súa riqueza ao lograr a propiedade privada dos señoríos e incluso os aumenta coa compra de terra desamortizada. Por exemplo, en Galicia, non se aboliron todos os contratos forais do Antigo Réxime e en moitos casos, foron os grupos intermediarios, como a fidalguía, a que rematou comprando os bens que xa viña explotando como posuidora indirecta.
  2. O Clero: Sufriu máis cos cambios. Perden patrimonio coas desamortizacións e tamén os seus privilexios e decrece en número. A súa resposta adaptativa foi pregarse a posturas moi conservadoras e tradicionalistas (carlismo) e tratar de manter a súa influencia nunha sociedade que, lembremos, era eminentemente católica e, polo tanto, sobre a que exercía unha grande influencia. No Concordato de 1851 consegue o monopolio do ensino e da censura, así como unha forte financiación por parte do Estado. Peor o pasará durante o Sexenio Democrático, coa liberdade de cultos, feito que explica a súa labor en prol da súa caída e a súa alianza co sistema fraudulento da Restauración borbónica.
  3. A Alta Burguesía: Motor das revolucións liberais, estaba integrada principalmente por comerciantes, financeiros, industriais, profesionais liberais e clases propietarias en xeral. En España, nun principio non era moi numerosa o cal a levou a ter un espírito pouco emprendedor tendente a imitar as formas de vida da nobreza, salvo en casos entre os que destacan a burguesía catalá e vasca, tremendamente activa no desenvolvemento industrial e financeiro. Xunto coa nobreza rica, conformaban o que denominamos a oligarquía, que detentou o poder político e social principalmente, con poucas ganas de compartilo.

A Clase Media: Un Grupo en Crecemento

A clase media non foi moi numerosa. No campo comprendía os medianos propietarios agrarios; e nas cidades, a funcionarios, oficiais do Exército, profesionais liberais (médicos, avogados, notarios), propietarios de talleres artesáns e pequenos comerciantes. Moitas veces excluída do sistema político de notables, estes grupos tiveron unha tendencia a introducir reformas progresistas que actuaron como oposición dos réximes oligárquicos en diferentes momentos da historia de España.

As Clases Baixas: Campesiños e Obreiros

Dentro das clases baixas, destacamos os obreiros e os campesiños.

  1. En canto aos campesiños, eran os máis numerosos ata ben entrado o século XX debido á débil industrialización española. O réxime liberal abole a servidume, pero a situación deste grupo social segue a ser miserable, sobre todo en Andalucía e no sur peninsular, onde o latifundismo e as desamortizacións, especialmente a de Madoz, deixan sen terras comunais aos campesiños para poder ter gando ou obter recursos delas. Convértense así en xornaleiros ou braceiros condenados a traballar de xeito estacional por uns soldos de subsistencia xa que ademais, a abundancia de man de obra, permitía aos patróns terratenentes pagar salarios moi baixos. A súa situación foi especialmente dura, de aí que opten en moitos casos por vencellarse ao anarquismo como vía revolucionaria para reverter a súa situación de pobreza extrema.

No caso de Galicia ou de Cataluña, co sistema foral e a rabassa morta (contrato enfitéutico ou de arrendamento vitalicio), o campesiñado, aínda que non posuía a propiedade da terra, tiña certos dereitos sobre ela facendo que a súa situación fose algo mellor que nos latifundios. Neste contexto, da necesidade de acadar a propiedade das súas terras, nacen movementos como o agrarismo en Galicia.

A situación do proletariado non era mellor. As condicións de vida/laborais dos traballadores tanto de fábricas, minas, altos fornos... eran moi difíciles. As xornadas laborais de 6 días á semana eran de 12 a 14 horas e en establecementos escuros, mal ventilados e cunha disciplina laboral moi estrita. Os salarios moi baixos, mulleres e nenos cobraban entre un 30% e 50% menos cós homes, cobrábase por día traballado e non había ningunha protección en caso de paro, enfermidade, accidente ou vellez. As casas obreiras eran pequenas, miserables e tamén insalubres. Non había iluminación, auga corrente, rede de sumidoiros, rúas sen pavimentar... o que favorecía á propagación de enfermidades infecciosas como a tuberculose e o cólera.

O Papel da Muller na Sociedade Liberal

Un Rol Tradicional nun Contexto de Cambio

Mención aparte merece o papel da muller, sen apenas transformacións substantivas na súa situación herdada da modernidade. Seguía tendo un papel fundamental pero que a sociedade, que seguía a ser patriarcal, relegaba a un segundo plano. Cargaban co peso das familias e das economías domésticas pero as oportunidades e os dereitos das mulleres estaban moi limitados sendo consideradas inferiores aos homes, estando sometidas á autoridade dos pais ou dos maridos. O seu rol social básico era o do ámbito doméstico (crianza dos fillos e mantemento do fogar) ou de coidadoras, fundamental para que outras actividades reservadas aos homes puideran desenvolverse.

A Discriminación da Muller no Século XIX

Incluso as transformacións liberais non remataron con esa discriminación que era en varios eidos:

  1. Pola súa condición de muller era considerada bioloxicamente inferior aos homes;
  2. Xurídica nos Código Penal, Civil e de Comercio estando totalmente sometida á autoridade do home, non tendo autonomía nas accións legais e comerciais;
  3. Política xa que nunca tivo dereito a voto (ata a II República) e teremos que esperar ata 1918 para ter a primeira asociación feminista en España (Asociación Nacional de Mulleres Españolas);
  4. Laboral xa que os salarios oscilaban entre un 30 e un 60 por cento menos cós dos homes e as súas xornadas eran frecuentemente máis longas.

Incorporación Laboral e Autonomía Feminina

En principio, a incorporación da muller ao mundo laboral foi escasa, aínda que foi aumentando a medida que o país se foi transformando economicamente, aínda que de forma lenta e descontinua. No campo continuou a súa presenza nas tarefas agrícolas e no mundo industrial comezou a ocupar postos de baixa cualificación e sempre de menor remuneración salarial. Nas cidades o sector doméstico (criadas, ama de cría...) foi o seu principal destino laboral.

As mulleres solteiras puideron desempeñar algunhas actividades económicas pero cando casaban perdían a súa autonomía, aínda que sempre conservaron a propiedade dos seus dotes ou das herdanzas propias incorporadas ao matrimonio.

Primeiros Intentos de Mellora e Figuras Clave

A partir da Revolución de 1868 pódense apreciar os primeiros intentos de mellorar a condición social das mulleres, pero sempre grazas a figuras, que sendo importantes e que deixaron o seu sinal na historia española, estiveron moi illadas. Destacaron tres mulleres: Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro. Esforzáronse en defender cambios xurídicos e educativos.

A Renovación Pedagóxica e o Ensino Feminino

As preocupacións e inquietudes a favor das mulleres terminaron por calar nos movementos de renovación pedagóxica, especialmente desde o krausismo e a Institución Libre de Ensino. Defendeuse a necesidade de mellorar o nivel educativo ou de instrución das mulleres por considerarse que eran protagonistas tamén do progreso social e xeral do país, tendo en conta do elevado grao de analfabetismo que afectaba, fundamentalmente, ás mulleres. Neste sentido, é importante destacar a iniciativa de Fernando de Castro de 1871 coa creación da Asociación para o Ensino da Muller.

As Primeiras Organizacións Femininas

Nos inicios do século XX asistimos á aparición das primeiras organizacións femininas, que aínda que non poden ser integradas claramente no sufraxismo, si demandaban un maior protagonismo para a muller na sociedade, así como unha serie de reivindicacións laborais e educativas. No ano 1918 naceu a Asociación Nacional de Mulleres Españolas, que defendía reformas no Código Civil, a represión da prostitución legalizada, a promoción educativa e o dereito da muller para exercer profesións liberais.

A Sociedade Autónoma de Mulleres de Barcelona

A primeira organización feminista fundada e dirixida por mulleres foi a Sociedade Autónoma de Mulleres de Barcelona, activa a partir de 1889. Estivo impulsada pola espiritista Amàlia Domingo Adroher, a anarquista Teresa Claramunt e a republicana, masoa e librepensadora Ángeles López de Ayala. Esta Sociedade celebraba periódicas veladas pedagóxicas e recreativas dedicadas ás mulleres.

Descargar

PDF Word HTML