Termos clave da Historia de España (Séculos XIX-XX)

Historia3,66 KB

Ludismo

Forma de protesta dos traballadores, xurdida en Inglaterra nos inicios da Revolución Industrial, na que os obreiros destruían as máquinas acusándoas de supoñer a perda de postos de traballo e o empeoramento das condicións laborais. O ludismo foi unha das primeiras manifestacións do movemento obreiro. A primeira manifestación de ludismo en España foron os sucesos de Alcoi (destrución de máquinas de fiar en 1821) e, a seguinte, o incendio da fábrica Bonaplata en Barcelona en 1835.

Agrarismo

Movemento de masas do campesiñado galego a finais do século XIX e no primeiro terzo do século XX. O campesiñado galego organízase en asociacións e sindicatos agrarios para lograr a supresión do sistema foral e loitar contra o caciquismo, solucionar os problemas derivados do minifundismo e promover a renovación técnica do sector agrario. Destacaron as organizacións Solidariedade Galega (1907-12) e Acción Galega (1910-15). Como consecuencia da mobilización, a ditadura de Primo de Rivera promulgou en 1926 o decreto de redención de foros, que permitía aos campesiños converterse en donos da terra que cultivaban.

Desastre de Annual

Derrota do exército español no ano 1921 durante a Guerra de Marrocos. O xeneral Silvestre intentara ocupar a rexión do Rif partindo desde Melilla. Os ataques das forzas do xefe rifeño Abdel-Krim derrotaron ás tropas españolas en Annual. Morreron miles de soldados españois e os rifeños fixéronse co control da zona proclamando a independencia da República do Rif. A prensa e o pobo español esixiron responsabilidades. O desastre agudizou a crise da Restauración borbónica e o desprestixio do exército e de Afonso XIII, a quen se lle atribuíu parte da derrota.

Expediente Picasso

O Expediente Picasso é o nome co que se coñece o informe redactado en 1922 polo xeneral Juan Picasso baseado na investigación realizada sobre o comportamento de oficiais e soldados na derrota de Annual para determinar as súas responsabilidades. Este informe buscaba esclarecer os feitos que provocaron o desastre e mostraba nas súas conclusións a neglixencia dos militares, a temeraria actuación do xefe das tropas, o xeneral Silvestre, e a implicación de Afonso XIII no desastre militar. O golpe de Estado de Primo de Rivera, días antes de que o informe chegase ás Cortes, paralizou a investigación e a procura de responsabilidades políticas polo Parlamento.

Semana Tráxica

Semana de violentas protestas populares que tiveron lugar en Barcelona en xullo de 1909 contra a orde de Maura de enviar tropas de reserva á Guerra de Marrocos tras a derrota do Barranco do Lobo. A maioría dos soldados eran pais de familias obreiras, polo que o seu embarque provocou unha folga xeral que deu paso á insurrección, coa formación de barricadas, enfrontamentos coas forzas de orde e a queima de numerosos edificios relixiosos. Saldouse cunha dura represión por parte do goberno, orientada fundamentalmente contra os anarquistas co fusilamento de cinco dos seus líderes, entre eles o pedagogo anarquista Ferrer i Guàrdia, o que causou un grave escándalo internacional. O Presidente do Goberno, Antonio Maura, tivo que dimitir.

Directorio Militar

Primeiro goberno da ditadura de Primo de Rivera formado, tras o golpe de Estado de 1923, unicamente por militares e que durou ata 1925. A Constitución de 1876 e os partidos políticos quedaron suspendidos, os dereitos e liberdades foron restrinxidos, reprimiuse aos nacionalismos periféricos e as publicacións e a prensa foron sometidas a censura. O seu maior éxito foi a finalización da Guerra de Marrocos tras o desembarco de Alhucemas de 1925.

Descargar

PDF Word HTML