Censo de poboación. Instrumento de rexistro da poboación que se executa en España cada dez anos para coñecer as características demográficas, sociais, culturais e económicas do conxunto da poboación.
Esperanza de vida. Media da cantidade de anos que vive unha poboación nun momento histórico determinado.
Padrón Municipal. Instrumento de rexistro da poboación dun municipio que inclúe datos semellantes aos do censo. É competencia dos concellos e o empadroamento resulta imprescindíbel para o acceso aos servizos públicos como a sanidade ou a educación.
Poboación activa. Poboación en idade laboral que traballa ou busca emprego.
Réxime demográfico. Situación demográfica na que as tendencias de natalidade, mortalidade e crecemento vexetativo dunha poboación son homoxéneas. Nas sociedades industrializadas distínguense o antigo, o de transición e o moderno ou actual.
Saldo migratorio. Diferenza entre inmigrantes e emigrantes nun lugar, xeralmente no espazo dun ano. Será positivo se os inmigrantes son máis que os emigrantes, e negativo no caso contrario.
Taxa de fecundidade. Número de nacementos nun territorio por cada mil mulleres en idade reprodutiva (15-49 anos) por cada mil habitantes, xeralmente no tempo dun ano.
Transición demográfica. Nome que recibe o segundo dos réximes demográficos, caracterizado polo paso dunhas taxas de natalidade e mortalidade moi elevadas, propias do réxime antigo, a outras moi baixas, propias do moderno, e por un crecemento vexetativo elevado.
Medio Ambiente e Paisaxe
Avaliación de impacto ambiental. É o estudo do efecto da acción humana sobre o medio ambiente. Na UE é un trámite legal obrigatorio antes de emprender a creación de infraestruturas, industrias, plans urbanísticos e outros proxectos susceptibles de ocasionar danos ambientais.
Efecto invernadoiro. Fenómeno polo cal gases como o metano ou o carbono retén a calor que o solo emite ao quentarse pola radiación solar, elevando deste xeito a temperatura do aire máis próxima á codia terrestre.
Ecosistema. Unidade básica da análise ecolóxica, composta da comunidade de seres vivos e o territorio restrinxido que habitan, e das relacións de interdependencia que establecen estes entre si.
Paisaxe. Unidade básica da análise xeográfica, conformada por unha área da superficie terrestre onde interactúan elementos naturais e/ou humanos.
Formas do Litoral
Esteiro. Desembocadura dun río que é invadida polo mar durante a preamar.
Landa. Formación arbustiva densa que resulta da degradación antrópica do bosque primario oceánico, onde as especies máis comúns son o breixo, o toxo e a xesta.
Ría. Val fluvial que quedou somerxido no mar debido ás variacións no nivel do mar ou por un afundimento do terreo derivado da acción das fallas.
Tómbolo. Barra de area que une un illote coa costa pola deposición de sedimentos mariños.