Terciarización da economía: impacto e diferenzas rexionais
Terciarización da economía
O sector terciario está composto polas actividades que ofrecen servizos á poboación e ás empresas. Traballadores deste sector son os que traballan, por exemplo, no instituto, no hospital, nas tendas, nos museos, nos bares ou na televisión. As actividades do sector terciario creceron con rapidez nas últimas décadas. Nalgúns países convertéronse nas máis importantes, tanto na súa achega á riqueza como na xeración de emprego. Este fenómeno coñécese como terciarización da economía e é propio das sociedades postindustriais. O proceso foi máis intenso nos países e rexións prósperos por unha serie de factores:
- O incremento dos ingresos e a mellora do nivel de vida. Canto máis alta é a renda das persoas, maior é a proporción que gastan en servizos de todo tipo.
- A xeneralización do Estado do benestar. O acceso da poboación a servizos públicos como a educación, a sanidade ou a asistencia social aumenta a importancia do sector terciario.
- A aplicación das novas tecnoloxías á industria. As empresas buscan mellorar o seu funcionamento, a calidade dos seus produtos ou a súa comercialización contratando servizos de enxeñaría, informática, deseño, formación, publicidade ou marketing.
- O desenvolvemento do capital financeiro. O novo modelo económico elevou o número de empresas, bancos e compañías de seguros que operan no mercado.
Diferenzas rexionais na terciarización
Existen diferenzas rexionais no mundo:
- Nas rexións con maiores ingresos, os servizos teñen un gran peso. Máis dun 75% dos traballadores de varios países de Europa occidental, os Estados Unidos ou Australia están empregados en actividades do sector terciario. O proceso é menos acusado noutros países, como Alemaña, Italia ou Xapón, pois a súa industria mantén unha grande importancia.
- En rexións con menor grao de desenvolvemento, especialmente en América Latina, a terciarización é intensa e vén provocada polo rápido aumento da vida urbana.
- En países pobres, o crecemento dos servizos explícase pola existencia de grupos sociais con elevada capacidade de consumo, pero, sobre todo, pola necesidade de empregar moitos traballadores con escasa formación. Os servizos convértense en tón nun sector refuxio: trátase de empregos mal pagados e pouco produtivos, na administración, no exército, no transporte, no servizo doméstico, etc.
- Nas rexións máis pobres do mundo, o número de empregos no sector terciario é inferior ao 25%. Porén, a porcentaxe é maior se se inclúen os millóns de persoas que traballan na economía informal ou somerxida, aquela que non está regulada pola lei.
Sector servizos
O sector servizos está composto polas actividades que non pertencen ao sector primario nin ao secundario. Trátase dun sector diverso, que acolle profesións moi variadas.
Como clasificar as actividades de servizos
A gran variedade de actividades incluídas no sector servizos provoca que se poidan establecer distintas clasificacións.
- A máis básica diferencia os servizos segundo quen os presta:
- Os servizos privados son aqueles que ofrecen as empresas para obter un beneficio económico.
- Os servizos públicos son prestados polas administracións públicas, con diñeiro recadado mediante os impostos. O seu fin é garantir o acceso a uns servizos básicos, como a sanidade ou a educación.
- Outra forma máis complexa de clasificar os servizos é segundo o uso ao que se destinan:
- Servizos para as empresas. Préstanse para cubrir necesidades das empresas, como asesoría xurídica, publicidade, I+D, etc.
- Servizos para o consumidor. Están destinados a cubrir as necesidades de consumo. Son moi variados, e inclúen a información, a reparación, o ocio, a cultura, a hostalaría, etc.
- Servizos sociais. Son os relacionados coa sanidade, a educación, a xustiza ou a administración pública.
- Servizos de distribución. Inclúense os transportes, o comercio e as comunicacións.
- Outra maneira de clasificar os servizos depende do nivel de cualificación necesario para desempeñalos. Distinguense os servizos avanzados, que requiren unha alta cualificación, e os servizos banais, que non precisan dun persoal cualificado.
Localización dos servizos
Os servizos localízanse en lugares variados, dependendo do tipo de actividade que se leva a cabo.
- As actividades financeiras e os servizos avanzados ás empresas tenden a concentrarse nas grandes metrópoles e, dentro delas, nos chamados distritos de negocios (Manhattan en Nova York, Ginza en Toquio, La Défense en París, etc.). No resto do territorio escasean, xa que son servizos moi especializados, que se sitúan cerca das sedes centrais das empresas multinacionais.
- A administración pública e os servizos sociais básicos son os que están máis dispersos no territorio, xa que case todos os municipios contan con algunha actividade deste tipo: concellos, escolas, centros médicos, etc.
- O comercio e os servizos á poboación necesitan localizarse preto dos seus clientes, polo que se reparten segundo a densidade da poboación e a súa capacidade de consumo. Hoxe en día, o desenvolvemento de novas formas comerciais e de lecer provoca cambios nos nosos hábitos de consumo. Deste xeito xurdiron áreas comerciais e espazos de ocio con características moi similares, calquera que sexa o país ou a cidade na que nos atopemos, que modificaron algúns dos aspectos tradicionais de localización dos servizos.