O Teatro Galego no S. XX e a Posguerra

Lingua e literatura4,7 KB

É ao longo do século XX cando o teatro evolucionou cara á normalización, pois o seu cultivo e representación foran escasos. Nos anos do século XIX presentaba unha situación claramente precaria:

  • Falta de compañías teatrais
  • Desprezo pola lingua e a cultura galega da maioría das clases medias
  • Falta de apoio institucional necesario neste xénero
  • A gran competencia co novo espectáculo cinematográfico

Despois do pulso que recibira no primeiro terzo do século XX grazas á acción das Irmandades, coa ditadura o teatro viviu un claro período de penuria e inactividade. A represión sobre o idioma e a censura ideolóxica sobre os contidos de todo texto ou espectáculo provocaron que o teatro se sumise no ruralismo e costumismo ou no silencio. Esta situación fixo que o teatro resistise no exilio americano.

A recuperación do teatro veu da man da chamada Xeración do 36 e do Grupo Galaxia. Na década dos 60 continuou coa aparición dos primeiros grupos teatrais (a Asociación Cultural "O Facho" da Coruña). O panorama teatral na posguerra divídese en tres promocións.

1. O Teatro de Posguerra

Presenta as seguintes características:

  • Os autores naceron arredor de 1910
  • Cultivaron con éxito outros xéneros e no ámbito teatral a escrita é unha labor demorada debido á censura
  • Nos seus textos aflora sempre o compromiso co home da posguerra

Álvaro Cunqueiro

É autor de O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca, obra fundamental na recuperación do teatro. Nela aborda un tema universal, a busca da propia identidade a través de dous mitos da literatura universal. A noite vai coma un río é outro título importante, pois os seus textos teatrais son case narracións dialogadas, onde a prosa prima sobre a propia estrutura teatral.

Eduardo Blanco Amor

O seu teatro caracterízase pola súa diversidade. Hai nel influencias do expresionismo europeo e do teatro do guiñol (Farsas para títeres), costumismo e humor popular (Teatro prá xente) ou crítica política e social (Procesos en Jacobusland).

Ricardo Carvalho Calero

Autor dunha obra teatral ampla e variada, que inclúe títulos sobre a vida rural da época (A farsa das zocas) ou o drama da existencia, abordado en Auto do prisioneiro.

2. A "Dramática Social" ou Xeración dos 50

Caracterízase por:

  • Nados entre os 20 e 30
  • O seu labor está condicionado por unha preocupación pola falta de liberdade e a opresión social
  • Abordan temas moi heteroxéneos

Daniel Cortezón

Especializouse na temática histórica: Prisciliano, Os irmandiños ou Pedro Madruga. Estas obras presentan unha trama elaborada e complexa na que todos os elementos contribúen a dar unha visión integral do feito histórico.

Xohana Torres

Ten dúas obras teatrais publicadas: A outra banda do Iberr, onde trata o drama do exilio político, e Un hotel de primeira sobre o río, que nos presenta un conflito de expropiacións de terras. O seu teatro ofrécenos unha perspectiva feminina.

3. O Grupo de Ribadavia

Desde os anos 60, o teatro vive un gran desenvolvemento. O contexto sociopolítico propiciaron a recuperación: naceron os primeiros grupos teatrais, comezou a celebrarse a Mostra de Teatro de Ribadavia. Estes escritores presentan as seguintes características:

  • Nados entre os 40 e 50
  • Gusto polo experimentalismo e a conexión coas tendencias do teatro europeo
  • O seu é un teatro comprometido

Euloxio Rodríguez Ruibal

Gañou con Zardigot o premio Abrente. Nesa primeira obra, e noutras coma O cobodano, salienta a presenza dos temas da violencia e a opresión e o seu ton experimental.

Manuel Lorenzo

A súa obra ten unha evolución temática, concretada en tres liñas: a clásica ou mítica na que actualiza mitos da tradición clásica grega (Todos os fillos de Galaaz); a histórica na que recupera figuras do pasado histórico de Galicia (Xoana); e a do "teatro inmediato" na que aflora unha dimensión fortemente inconformista e crítica coa sociedade actual (Veladas indecentes).

Roberto Vidal Bolaño

Amosa unha gran facilidade para converter en materia teatral todo tipo de temas e conflitos, ante os cales ofrecía sempre unha visión crítica e irónica, xa nas súas primeiras obras, xa nas máis actuais, inscritas no "realismo sucio". Entre as súas obras máis representativas están Laudamuco, señor de ningures e Agasallo de sombras.

Descargar

PDF Word HTML