Sociedade e Ilustración en Galicia no século XVIII
Fidalgos e Comerciantes no século XVIII
No século XVIII consolidaron a súa relevancia social:
- Os fidalgos convertéronse no grupo dominante de Galicia; controlaban o poder municipal e xudicial e tiñan unha importante participación nas institucións de goberno eclesiásticas e militares. A súa principal fonte de riqueza estaba no cobro das rendas dos foros que tomaron de terras pertencentes á Igrexa e á nobreza e que despois subaforaban aos campesiños.
- Os comerciantes. Produciuse un incremento das actividades mercantís en Galicia. Destacan:
- Xerónimo de Hijosa: converteuse no principal home de negocios de Galicia grazas aos negocios de reexportación de produtos europeos cara a América.
- Os irmáns Lees: montaron unha fábrica de tecidos de algodón e la.
- Os fomentadores cataláns: asentáronse nas rías galegas coa finalidade de participar no negocio da venda da sardiña cara ao Mediterráneo. Fixéronse co control desta actividade provocando diversas revoltas dos mariñeiros.
A Ilustración en Galicia
- Moderación das súas propostas: a meirande parte dos ilustrados galegos foron eclesiásticos ou fidalgos e foron partidarios de compaxinar a renovación e as reformas co mantemento da fe cristiá e a orde social, política e económica establecida. Nunca puxeron en dúbida o sistema vixente.
- Crítica dos abusos sociais e dos atrancos legais e económicos: os ilustrados criticaron os privilexios sociais e económicos dos nobres e eclesiásticos e os obstáculos e atrancos técnicos e legais que impedían o desenvolvemento económico e o benestar da sociedade.
- Predominio das preocupacións e reformas económicas. Destacan:
- A mellora das actividades agropecuarias mediante a renovación técnica e o incremento da superficie cultivable, e propuxeron limitar os morgados e terras de mans mortas.
- A defensa dos intereses pesqueiros galegos fronte á explotación dos fomentadores cataláns. As súas propostas fracasaron.
- A potenciación da produción artesanal e industrial mediante a introdución de novas técnicas.
- A ampliación das actividades comerciais.
- O fomento da educación e renovación científica como medio para superar o atraso existente e rexenerar a sociedade.
- O descubrimento e defensa de Galicia. A análise e o diagnóstico dos problemas e atrancos levou a algúns ilustrados galegos a defender Galicia como unha entidade diferente, con personalidade propia.
- Creación de institucións ilustradas:
- Academia de Agricultura de Galicia (1765)
- Real Consulado da Coruña (1785)
- Sociedades Económicas de Amigos do País de Santiago e de Lugo (1784 e 1785)