Socialismo Utópico, Marxista e Anarquismo: Teorías Revolucionarias
Socialismo Utópico
Os primeiros socialistas denunciaban a miseria e as penalidades do proletariado e proxectaban unhas sociedades futuras alternativas. Foron chamados utópicos por Marx.
Características do Socialismo Utópico
- Perseguían unha sociedade ideal e perfecta na que o ser humano vivise en paz, harmonía e igualdade.
- Ese proxecto social realizaríase de forma pacífica.
- Primaban a solidariedade, a filantropía e o amor fraternal.
- Defendían as novidades da industria moderna, pero condenaban os seus efectos nocivos para os obreiros.
- Principais ideólogos: o Conde de Saint-Simon, Charles Fourier e Robert Owen.
Socialismo Marxista
O marxismo ou socialismo científico foi elaborado por Marx e o seu amigo Engels. A estancia de Engels en Manchester, onde se ocupou da fábrica do seu pai, permitiulle tomar conciencia da situación dos obreiros, coñecer a Owen e empezar a colaborar con Marx. En 1848 publicaron xuntos o Manifesto Comunista, un resumo da súa doutrina social e política.
Para os marxistas, a loita de clases era o motor do cambio social na historia, e as relacións sociais derivadas da produción determinaban a estrutura socioeconómica de cada unha das etapas desa evolución da humanidade. Marx denominou a esas etapas como modos de produción.
Na súa época estaba desenvolvéndose o modo de produción capitalista. O marxismo foi a base ideolóxica dos movementos revolucionarios da segunda metade do século XIX e todo o século XX. Expandiuse tras a Revolución Rusa de 1917. Foi, xunto ao liberalismo democrático e o nacionalismo, unha das ideoloxías máis influentes da historia contemporánea.
Anarquismo
A outra gran teoría revolucionaria de base obreira foi o anarquismo. A palabra anarquía significa 'sen autoridade'. O seu principal teorizador foi Bakunin, quen defendía a rebelión espontánea contra a sociedade capitalista e o Estado.
A doutrina social anarcosindicalista pretendía non só a acción do proletariado industrial, senón de todos os sectores oprimidos.
Esta revolución social, máis radical ca a marxista, tiña como obxectivo a destrución total e inmediata da orde social burguesa e do Estado e os seus instrumentos de control.