Situación sociolingüística do galego (1900-1936)

Lingua e literatura2,62 KB

O galego no primeiro terzo do século XX

Contexto histórico e situación sociolingüística

A comezos do século XX, o galego segue a ser a lingua maioritaria, pero continúa nunha situación de diglosia: o castelán é a lingua máis prestixiada, con presenza nos ámbitos cultos e formais.

Con todo, o proceso de recuperación do galego, iniciado no Rexurdimento, experimenta un gran avance, usándose en ámbitos dos que desaparecera ou nos que tiña pouca presenza ou ningunha, como a narrativa, o teatro ou o ensaio.

O movemento galeguista e as súas organizacións

Os logros fundamentais no proceso de dignificación do galego foron protagonizados polo movemento galeguista e polas organizacións e grupos inscritos nel:

  • As Irmandades da Fala (1916): O seu obxectivo era a defensa, dignificación e expansión do galego en todos os ámbitos. Editaron o periódico A Nosa Terra, potenciaron o teatro, galeguizaron o ensino e fundaron editoriais como Nós.
  • O Grupo Nós: Modernizou a narrativa e o teatro e creou o ensaio galego. Estenderon o galego a todas as formas (mítins, anuncios, conferencias, etc.). O feito máis significativo foi a publicación da revista Nós (1920-1936), onde publicaron traballos literarios e doutras temáticas, demostrando a validez do galego para o tratamento de todos os temas.
  • O Seminario de Estudos Galegos (1923-1936): Tiña o obxectivo de estudar Galicia en todos os seus aspectos (xeografía, historia, arte, ciencias naturais...). Nace con eles o ensaio científico en galego.
  • O Partido Galeguista: Integra os membros máis coñecidos das Irmandades e o Grupo Nós. O seu obxectivo era a consecución do autogoberno a través dun Estatuto de Autonomía. Nel promulgábase a cooficialidade do galego, introducíndoo no ensino e na Administración, pero o alzamento militar impediu poñelo en práctica.

Características lingüísticas fundamentais

Malia a fundación da RAG en 1906 e os intentos do SEG, que publicou algunhas normas para a unificación do galego en 1933, non se acadou unha norma estándar. O esforzo dos escritores fixo que se acadase, de todos modos, un galego culto, o que coñecemos como galego enxebrista, caracterizado por intentar diferenciarse do castelán. Destaca o uso de:

  • Arcaísmos.
  • Vulgarismos.
  • Hiperenxebrismos.

Tamén se elaboraron algúns dicionarios e gramáticas, coma a de Carré Alvarellos e a de Lugrís Freire.

Descargar

PDF Word HTML