Sistema Nervioso e Endócrino: Coordinación Humana

Bioloxía3,95 KB

Os sistemas de coordinación

Mediante a función de relación, as persoas, igual ca o resto de seres vivos, recibimos información e elaboramos respostas.

Para realizarmos a función de relación, as persoas necesitamos dispoñer dun sistema de coordinación que nos permita detectar os cambios que se producen no medio, analizalos e responder ante eles elaborando respostas adecuadas. Isto lógrase grazas a dous sistemas:

  • O sistema nervioso: Está formado por tecido nervioso, elabora respostas rápidas e pouco duradeiras. Actúa por medio de impulsos, que se propagan ao longo dos nervios.
  • O sistema endócrino: Está constituído por glándulas endócrinas, elabora respostas moi lentas, pero duradeiras. Actúa por medio de mensaxeiros químicos, as hormonas, que, segregadas polas glándulas, viaxan polo sangue ata a célula ou órgano sobre o que actúan.

Os dous sistemas dirixen e regulan todas as actividades corporais e están estreitamente relacionados, actuando de maneira integrada.

Elementos que interveñen na coordinación

  • Receptor: É a estrutura capaz de percibir os estímulos e transmitilos aos centros nerviosos. Os órganos dos sentidos son receptores que captan estímulos do exterior do organismo. Denomínase estímulo a calquera cambio, tanto do exterior coma do interior do corpo, capaz de provocar unha resposta do organismo. Pode ser unha dor, un son...
  • Centro nervioso: É o órgano encargado de recibir a información percibida polos receptores, procesala, e elaborar e transmitir unha serie de respostas aos órganos efectores.
  • Efector: É o órgano encargado de levar a cabo a resposta. Hai dous tipos de efectores, que desenvolven dous tipos de resposta distinta:
    • Músculo: produce unha resposta motora, que implica un movemento.
    • Glándula: provoca unha resposta secretora, consistente na secreción dalgunha substancia.

Os compoñentes do sistema nervioso

O sistema nervioso está constituído por dous tipos de células:

  • As neuronas: Reciben e transmiten sinais. A transmisión destes sinais realízase mediante impulsos nerviosos, e prodúcese como consecuencia plasmática da neurona.

O impulso nervioso viaxa sempre no mesmo sentido. Xérase nunha dendrita a modo de ondas eléctricas, percorre toda a neurona e sae polo axón.

As neuronas non están en contacto entre si, senón que entre elas existe unha zona de separación, chamada sinapse. Normalmente, as sinapses establécense entre as ramas terminais do axón dunha neurona e as dendritas ou o corpo celular doutra.

A transmisión do impulso nervioso a través da sinapse realízase mediante unhas substancias químicas denominadas neurotransmisores. Cando o impulso nervioso chega ao extremo do axón, libéranse os neurotransmisores ao espazo sináptico. Alí únense á membrana da dendrita ou do corpo celular da neurona seguinte, o que fai que esta inicie un novo impulso nervioso. Segundo a súa función, as neuronas clasifícanse en tres tipos:

  • Neuronas sensitivas: levan a información, captada polos receptores, ata o sistema nervioso central, é dicir, cara ao encéfalo e a medula espiñal.
  • Neuronas motoras: envían a información desde o sistema nervioso central ata os efectores, provocando a contracción dos músculos ou a secreción das glándulas.
  • Neuronas de asociación ou interneuronas: forman parte do sistema nervioso central, conectan as neuronas sensitivas coas motoras.
  • Células da Glía: Están intercaladas entre as neuronas, ás que protexen, illan ou alimentan. As principais células gliais son os astrocitos, que nutren as neuronas, e mais as células de Schwann, que se enrolan arredor do axón de determinadas neuronas, formando a cuberta illante de mielina.

Descargar

PDF Word HTML