O Sexenio Revolucionario en España: Un Intento de Democracia
O Sexenio Revolucionario (1868-1874): Un Intento de Democracia
Na década de 1850, ao redor da figura de O'Donnell, crearase un novo partido, a Unión Liberal, formado polos moderados máis avanzados e os progresistas menos radicais.
Nos derradeiros anos do reinado isabelino, xurdirá outro partido: o republicano, que defende un sistema político non monárquico e de amplas liberdades. Dentro dos republicanos distínguense dúas correntes: federalistas e unitarios, diferenciados principalmente polas súas ideas de como se debe organizar o Estado.
A mediados do século, comezarán a difundirse, a través da prensa, as ideas socialistas, que irán gañando adeptos lentamente ata crear o seu propio partido.
Así mesmo, cómpre destacar dous factores que terán unha grande importancia na vida social e política da España decimonónica:
- O exército: Terá un papel moi destacado, intervindo activamente na sociedade da época, de tal xeito que a maioría das grandes figuras políticas españolas entre 1820 e 1874 sairán das súas filas (os chamados “espadóns”: Espartero, Narváez, Serrano, Prim...). Os pronunciamentos, a favor ou en contra do sistema establecido, serán constantes ao longo do século, aínda que a maioría deles fracasarán.
- A prensa: Será un dos principais medios de que se valen tanto os partidos na oposición coma os que están no poder para difundir as súas ideas ou xustificar as súas accións. Publicaranse gran cantidade de periódicos; algúns con importantes tiradas e influencia social, e outros de vida efímera. Os gobernos tentarán manter controlada á prensa (censura, peches de periódicos...), mentres os sectores máis progresistas defenden a súa liberdade. A importancia da prensa escrita é tal que chegarán a ser os principais protagonistas da caída ou ascenso dalgúns gobernos.
En setembro de 1868, ao compás dunha forte crise económica, estalará en Andalucía un movemento revolucionario que se estenderá rapidamente a outros lugares do país. Nel intervirán directamente unionistas, progresistas e demócratas, a través de xuntas revolucionarias, así como un amplo sector liberal do exército e do campesiñado, sendo apoiado nas cidades polos obreiros. A raíña será destronada, abandonando o país.
A partir deste momento e durante seis anos se intentará crear en España un sistema de goberno democrático, ata que o fracaso final leve de novo ao poder aos moderados e restableza no trono a un novo rei da dinastía borbónica: Afonso XII, fillo de Isabel II.
No proceso político dos seis anos de crise revolucionaria pódense distinguir dúas etapas: unha monárquica e outra republicana (que, á súa vez, se pode dividir en dúas: república federal e república unitaria e presidencialista).