A Segunda República Española: Reformas e Contexto
Comentario da II República Española
Os seguintes documentos permítenme analizar o período republicano:
- Documento 1: Recolle un decreto publicado na Gaceta de Madrid o 23 de abril de 1931, onde se expón que todos os xefes, oficiais e asimilados militares terán que prestar solemne promesa de adhesión e fidelidade á República.
- Documento 2: Recolle un discurso dito por Manuel Azaña o 13 de outubro de 1931, no que se expoñen os principais problemas que debe afrontar a República (prestando especial atención á cuestión relixiosa).
- Documento 3: Recolle a Lei de bases da reforma agraria elaborada no ano 1932.
- Documento 4: Recolle a publicación do Estatuto de Autonomía de Cataluña na Gaceta de Madrid en setembro de 1932.
- Documento 5: Recolle o manifesto electoral da Candidatura Antimarxista por Madrid en outubro de 1932.
Proclamación e Contexto Político
Nas eleccións do 12 de abril de 1931, nas cidades triunfaron as candidaturas republicanas. En Galicia, destacou o triunfo na Coruña dos republicanos cun 85% dos votos. Debido a que o Goberno e o exército declararan previamente que aceptarían o resultado, o 14 de abril dese mesmo ano foi proclamada a II República Española. Cómpre sinalar que xa se proclamara en diversas cidades e vilas antes de coñecerse o resultado global; Vigo foi a primeira cidade na que se proclamou a República.
Esta foi recibida con grande entusiasmo pola maioría da poboación, pero trocouse, en pouco tempo, nunha violenta tensión debido a diversos factores: a sociedade estaba dividida e enfrontada (os tradicionais por un lado e os que aceptaban as reformas republicanas polo outro) e existía unha fragmentación e polarización política propia da democracia. Esta tensión fixo moi difícil a convivencia e o mantemento do réxime republicano.
O Goberno Provisional e as Reformas
O comité da coalición republicano-socialista fíxose rapidamente co poder e o rei decidiu partir cara ao exilio. Na noite do día 14 asumiu o poder o Goberno Provisional deseñado no Pacto de San Sebastián, nomeando como presidente a Alcalá Zamora. Este goberno declarou a amnistía xeral, proclamou as liberdades públicas e sindicais e comezou a elaborar as futuras grandes reformas do Estado.