Século XVII: Declive do Imperio Español e Crise dos Austrias

Historia2,23 KB

Século XVII: O Declive do Imperio

Filipe III: O Goberno dos Validos

Filipe III, fillo e sucesor de Filipe II, inaugurou unha nova etapa política dos Austrias españois. Filipe III e os seus sucesores renunciaron a exercer persoalmente as tarefas de goberno, que foron exercidas polos ministros omnipotentes, os validos ou privados. Filipe III tivo un breve e pacífico reinado. Entregoulle o goberno ao duque de Lerma, quen conseguiu manter a paz no exterior. No interior, o máis importante foi a expulsión dos mouriscos, que agravou aínda máis os problemas agrícolas, especialmente en Levante, onde unha gran parte eran campesiños.

Filipe IV: A Fin da Hexemonía en Europa

España volveuse meter nos conflitos europeos. As causas deste cambio hai que buscalas no estalido da Guerra dos Trinta Anos (1618-1648). O duque de Olivares era un decidido partidario da guerra, coa que pretendía manter a hexemonía dos Habsburgo en Europa e frear o protagonismo de Francia. Houbo algunhas vitorias, pero logo chegaron as derrotas. A Paz de Westfalia púxolle fin á guerra e fixo patente o declive da monarquía hispánica. A guerra consumiu enormes recursos e empobreceu Castela. Olivares intentou recrutar homes e obter impostos no resto de territorios hispánicos, pero as súas esixencias acabaron provocando o levantamento en 1640 de Cataluña, Portugal e Andalucía. En Andalucía, a revolta foi rapidamente sufocada, pero Portugal acabou separándose da Coroa española. En Cataluña pedíronlle axuda a Francia e a guerra prolongouse ata 1652. A paz asinouse definitivamente con Francia en 1659 (Paz dos Pireneos), pero significou a entrega aos franceses do Rosellón e parte da Cerdaña.

Carlos II: O Ocaso da Monarquía dos Austrias

O reinado do derradeiro dos Austrias, Carlos II, constituíu o momento máis crítico do Imperio. Uníronse a propia incapacidade do rei, a corrupción dos seus validos, a grave crise económica e a perda de peso político de España na escena internacional. Logo, cando morreu Carlos II sen descendencia, deu lugar a un grave conflito sucesorio entre partidarios do candidato francés e o candidato austríaco. O triunfo francés significou a fin dos Habsburgo en España.

Descargar

PDF Word HTML