Rexurdimento da Lingua Galega no Século XIX

Lingua e literatura2,26 KB

O Rexurdimento: Recuperación e Prestixio do Galego

A partir desta época, a lingua vai adquirindo o papel relevante que ten para diferenciar Galicia. Como dirá Xoán Antonio Saco e Arce en 1888, desprezar o idioma é desprezarse a si mesmo. Manuel Murguía pronunciará un discurso similar en 1891 no primeiro discurso en galego nos Xogos Florais de Tui.

A Normalización do Galego

A recuperación da lingua baséase, en primeiro lugar, na recuperación do seu prestixio. Déixase de falar de dialecto para falar dunha lingua propia de orixe latina cunha raíz común co portugués e ben diferenciada do castelán. Tamén foi importante o proceso de normalización do galego, é dicir, da súa utilización habitual en ámbitos públicos, como nos Xogos Florais. Os primeiros en facerse integramente en galego foron celebrados en Ourense no ano 1877, nos que se premiou a Curros Enríquez.

O Papel do Xornalismo e a Edición

O xornalismo tamén tivo unha influencia importante nas publicacións en galego. En 1876 aparece a primeira revista integramente en galego, O Tío Marcos da Portela, dirixida e escrita por Valentín Lamas Carvajal, que sería a primeira de moitas.

Debemos destacar tamén a creación da primeira editorial galega, Biblioteca Gallega, fundada por D. Andrés Martínez Salazar en 1885, que publicará obras tanto en galego como en castelán.

A Diglosia e a Realidade Social

Aínda que este movemento de rexurdimento da lingua ten éxito entre os intelectuais e se comeza a publicar en galego, a inmensa maioría da poboación continúa a utilizar o castelán na administración, nas escolas e na vida pública. Deste xeito, o castelán continúa a ser a lingua vinculada ao poder e a lingua de fala habitual nas vilas, especialmente entre os novos burgueses, que asocian o castelán con prestixio.

Mentres tanto, a poboación galegofalante reside no medio rural, é en gran parte analfabeta, ten escasos recursos económicos e ten que emigrar para sobrevivir. Isto leva a un agravamento da conciencia diglósica que reparte discriminatoriamente o uso das dúas linguas en conflito: o castelán para os usos formais, oficiais e de prestixio, e o galego para os usos informais, case exclusivamente orais.

Descargar

PDF Word HTML