Revolucións Liberais e Nacionalismo (1789-1848)
A obra da Asemblea Constituínte
A Asemblea Constituínte tiña como obxectivos desmontar o Antigo Réxime en Francia e redactar unha Constitución. Para acabar co Antigo Réxime, aprobouse o Decreto de abolición dos dereitos feudais. Despois, redactouse a Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán, na que se recoñecían as liberdades persoais, a igualdade ante a lei e a propiedade.
Logo de dous anos, proclamouse a Constitución de 1791, que presentaba estas características:
- Era unha monarquía parlamentaria.
- Recoñecía a soberanía nacional e os dereitos fundamentais dos cidadáns.
- Establecía a división de poderes (lexislativo, executivo e xudicial).
- A asemblea elixíase por sufraxio censitario.
- Houbo unha descentralización da administración.
A Convención Montañesa e o Terror
Un golpe de estado levou os montañeses ao poder. Estes elaboraron unha nova constitución democrática que establecía o sufraxio universal masculino. Robespierre implantou unha ditadura, concentrando todos os poderes. Tralo asasinato de Marat, iniciouse o período coñecido como "o Terror": suspendéronse a Constitución e aprobáronse as leis de sospeitosos. Unhas 50.000 persoas foron asasinadas. Robespierre intentou frear a crise económica fixando prezos máximos para os artigos de primeira necesidade.
Robespierre foi perdendo apoios, o que provocou un golpe de estado. Foi xulgado e executado.
As Revolucións de 1848
Caracterizáronse pola súa expansión en moitos países. Comezaron en Francia, onde o réxime de Luís Filipe de Orléans sufriu unha revolución en febreiro que o expulsou do poder, e proclamouse a II República. Os obreiros volveron a levantarse nas revolucións de xuño, aínda que foron derrotados. Venceu a burguesía, que elaborou a Constitución de 1848. Nas eleccións triunfou Luís Napoleón Bonaparte, quen impuxo un goberno autoritario, puxo fin á República e proclamou o II Imperio.
As revolucións de 1848 foron o punto de partida das unificacións de Italia e Alemaña. Supuxeron un avance da democracia e impulsaron a organización do movemento obreiro.
A obra de Napoleón en Francia
Napoleón concentrou todo o poder e o protagonismo, como se reflectiu na Constitución do ano VIII, que non incluía declaración de dereitos. Napoleón aproveitou a vitoria en Italia para nomearse cónsul vitalicio.
Leváronse a cabo unha serie de reformas: elaborouse o Código Civil, creouse o Banco de Francia e o Código de Comercio, e promoveuse a educación pública.
Napoleón e Europa
Napoleón transformou a República en Imperio tras unha nova campaña militar. A escuadra hispanofrancesa foi derrotada en Trafalgar. A política exterior de Napoleón tivo dúas direccións principais: a alianza con Rusia e o illamento de Gran Bretaña, para o que decretou un bloqueo continental. Invadiu Portugal e, posteriormente, España. Napoleón quixo invadir Rusia, pero foi derrotado. Marchou ao exilio na illa de Elba e foi derrotado definitivamente en Waterloo.
A volta do absolutismo
Coa Restauración, volveron ao poder os monarcas do Antigo Réxime. Algúns reis promulgaron cartas outorgadas, documentos nos que se recoñecían algúns dereitos á poboación.
O Congreso de Viena: a reorganización do mapa europeo
No Congreso de Viena (1814-1815) configurouse o novo mapa europeo. Os tres protagonistas principais foron: o ministro de Austria (Metternich), o tsar de Rusia (Alexandre I) e o ministro de exteriores francés (Talleyrand). Os principais cambios foron:
- Francia volveu ás fronteiras que tiña antes da Revolución.
- Fortalecéronse dous estados tapón para dificultar unha posible expansión francesa.
- Austria, Prusia e Rusia gañaron territorios de forma equilibrada, para que ningunha adquirise a hexemonía sobre as demais.
O Congreso de Viena iniciou o sistema de congresos.
Liberalismo e nacionalismo
O liberalismo rexeitaba o absolutismo e buscaba recuperar os dereitos e liberdades recoñecidos na Revolución Francesa. O nacionalismo tivo a súa orixe na expansión napoleónica, que espertou os sentimentos de pertenza a unha nación.
As Revolucións de 1820 e 1830
En 1820 produciuse a primeira onda revolucionaria. O movemento iniciouse en España, onde o comandante Riego se pronunciou contra a monarquía absoluta de Fernando VII. Os liberais españois conseguiron que o rei xurase a Constitución de Cádiz. A insurrección culminou coa independencia de Grecia.
En 1830 tivo lugar a segunda onda revolucionaria. O episodio máis importante ocorreu en Francia, onde o rei Carlos X de Borbón intentou acabar coa carta outorgada. Produciuse unha revolución que o expulsou do país e levou ao trono a Luís Filipe de Orléans. Tamén se produciu un levantamento contra o rei de Holanda, que conduciu á independencia de Bélxica.