A Revolución Rusa: Un Análise Detallada da URSS
TEMA 7 - A Revolución Rusa. URSS
1) UN XIGANTE CON PES DE BARRO
1.1 Progreso económico e atraso social
O Imperio Ruso era, a comezos do século XX, unha das grandes potencias mundiais. Socialmente, a diferenza entre a pequena minoría dona de grandes fortunas e os campesiños e obreiros industriais era radical.
Un dos grandes problemas sociais era a falta de clase media. A comezos do século XX, as zonas rurais seguían estando moi atrasadas.
Fronte ao atraso do rural, a industria desenvolveuse tardiamente, aínda que o proletariado industrial era pouco numeroso. O feito de estar concentrados en grandes fábricas favoreceu a extensión de ideas revolucionarias.
1.2 Os enfrontamentos políticos
O Imperio Ruso seguiu, a comezos do século XX, cunha monarquía absoluta. A nova clase media das cidades desexaba imprimir unha monarquía parlamentaria similar ás existentes en Europa. Agrupábanse, sobre todo, no chamado Partido Constitucional Democrata. No campo, o descontento da poboación e o desexo da propiedade da terra aglutinou a poboación no Partido Socialista Revolucionario.
Entre os obreiros formouse o Partido Socialdemócrata Ruso, que se dividiu entre bolxeviques e menxeviques, que pretendían unha democratización.
1.3 A revolución de 1905
A crise económica de 1902-1903 propiciou a aparición de folgas e sublevacións entre obreiros e campesiños. O detonante foi a guerra de 1904 entre Rusia e Xapón, a causa das disputas territoriais.
En xaneiro de 1905 produciuse unha manifestación que foi disolta polas armas, provocando centenares de mortos e feridos. As folgas e sublevacións estenderonse por toda Rusia e creáronse os primeiros soviets ou consellos de representantes obreiros, que tiveron un papel destacado na revolución de 1917.
Ao non poder acabar coas accións de protesta, Nicolás II aceptou reformas como a creación da asemblea da Duma.
2) A REVOLUCIÓN DE 1917
2.1 A Revolución de febreiro
En 1917, Rusia entrou na I Guerra Mundial xunto a Francia e Reino Unido. Axiña se puxo de manifesto que, a causa do seu atraso económico e a incapacidade do tsarismo, non podía vencer a inimigos poderosos. En 1914, só os bolxeviques se opuxeron á entrada rusa na guerra. Pero co paso do tempo, as posturas contrarias a que Rusia seguise na guerra aumentaron. No inverno de 1916-1917, o descontento no exército e nas cidades aumentou polos problemas de desabastecemento.
En febreiro de 1917, producíronse numerosas protestas, sobre todo na capital.
O 27 de febreiro (calendario ortodoxo), unha parte das tropas enviadas ás manifestacións unironse á protesta. A cidade enteira quedou en mans dos sublevados e o goberno dimitiu.
O baleiro creado pola dimisión do goberno levou aos deputados a crear o chamado comité provisional da Duma. Ao mesmo tempo, creábase o soviet de Petrogrado. Desta maneira, xurdiron dous poderes: a Duma e o soviet.
O día 2 de marzo, a Duma e o Soviet chegaron a un acordo para formar un goberno provisional. Mentres, o tsar Nicolás II abdicou en favor do seu irmán, que non aceptou o trono. Rusia converteuse así nunha república; o tsarismo morrera.
2.2 Os gobernos provisionais (marzo-outubro de 1917)
O primeiro goberno provisional propúxose como principal obxectivo implantar un réxime democrático similar aos existentes en Europa.
O goberno provisional foi aceptado en toda Rusia, pero os grandes problemas quedaron aplazados. A pesar diso, os gobernos provisionais mantiveron a Rusia na guerra, o que provocou a crecente impopularidade. O exército comezou a descompoñerse, os mandos militares eran desobedecidos e as desercións ían en aumento.
Durante os meses posteriores á Revolución de Febreiro, os soviets implantáronse por todo o país. Na práctica, os soviets converteronse nun poder paralelo ao goberno.
A situación deteriorábase rapidamente. Os gobernos sucedíanse e as manifestacións volveron ás rúas. Finalmente, Kerensky formou un goberno con maioría menxeviques e do Partido Socialista Revolucionario, pero a situación non mellorou.
2.3 A revolución de outubro
Un acontecemento de grande importancia histórica ía producirse en Rusia. O que comezou cunha sublevación contra o absolutismo rematou na primeira revolución socialista do mundo.
O prestixio dos bolxeviques aumentou nos meses seguintes entre as clases populares e o número de afiliados creceu. Un mes despois do derrocamento do Tsar, o seu principal dirixente, Lenin, resumiu nas chamadas teses de abril as súas ideas sobre o futuro ruso.
O goberno provisional acabou perseguindo aos bolxeviques, acusados de instigadores da rebelión. No verán de 1917, o partido presentou o seu programa, claramente revolucionario, e ao final dese verán axudáronlle os menxeviques a deter a sublevación do xeneral Kornilov.
A degradación da situación decidiu a Lenin a pasar á acción revolucionaria. Regresou clandestinamente do exilio e convenceu ao comité central do seu partido da oportunidade dunha insurrección armada para tomar o poder.
O 24 de outubro, os bolxeviques ocuparon os lugares estratéxicos de Petrogrado e o goberno caeu. Lenin ofreceulle o poder ao II Congreso dos Soviets e estes nomeárono presidente do goberno. A revolución triunfara.
3) O NACEMENTO DA URSS
3.1 Novo réxime, as primeiras medidas
Rusia converterase no primeiro país no que un partido obreiro alcanzaba o poder. Nos días seguintes á súa constitución, o Consello de Comisarios do Pobo promulgou unha serie de decretos que pretendían satisfacer as reivindicacións das clases populares (paz sen anexións, fábricas baixo o control obreiro...).
O poder soviético e a dictadura do proletariado convertíanse nos piares básicos da Rusia bolxevique. Paulatinamente, a oposición foi silenciada.
En decembro de 1917, asinouse un armisticio con Alemaña e Austria-Hungría e abrironse as negociacións sobre a paz.
3.2 A guerra civil e o comunismo de guerra
Entre 1918 e 1920, o novo réxime enfrontouse a unha guerra civil que arruinou o país, promovida polas forzas revolucionarias e pola intervención estranxeira. Os enfrontados foron os exércitos antirrevolucionarios (brancos) e os revolucionarios do exército vermello.
O balance desta guerra foi favorable aos soviéticos e, en decembro de 1922, créase a URSS. A guerra civil tamén contribuiu á supresión de todo tipo de oposición.
3.3 A nova política económica (NEP)
Entre 1921 e 1927, a NEP significou un xiro radical na política económica e social da URSS. A idea fundamental era reinstaurar, durante un breve período de tempo, un capitalismo limitado co fin de reconstruír a economía.
A economía liberalizouse en parte: reestablecéronse a liberdade de comercio, permitiuse a existencia de pequenas empresas privadas...
A revitalización da economía foi inmediata, pero trouxo consigo problemas sociais que dividiron o Partido Comunista, ante o resurgimento dunha burguesía enriquecida.
4) O PERÍODO STALINISTA
4.1 A sucesión de Lenin
Lenin retirouse do poder a causa dunha enfermidade en 1923 e morreu a comezos de 1924, pero non deixou claro cal era a súa vontade na sucesión. Desta maneira, quedou en mans do Comité Central do partido. Dous eran os candidatos mellor situados: Trotski, que era moi ben visto no partido, e Stalin, que foi ascendendo e eliminando opoñentes ata chegar ao poder.
Tras a morte de Lenin, a posición de Trotski foise debilitando. Perdeu os cargos que acumulaba e foi detido e deportado a Siberia. Finalmente, foi expulsado da URSS e asasinado en México a mans dun axente de Stalin.
4.2 Socialización e planificación
O período entre 1927 e 1939 caracterizouse pola planificación da economía, a industrialización e a colectivización do campo. A NEP foi abandonada e a planificación económica foi presentada como a resposta da economía socialista fronte ao liberalismo capitalista.
O I Plan Quinquenal de 1928 tiña como principais obxectivos a desaparición do sector privado, o autofinanzamento dos grandes investimentos industriais e a creación de obras públicas... Para alcanzar estes obxectivos, mobilizouse a poboación de xeito case militar e obtiveron resultados espectaculares.
O campo constituía un dos principais problemas do goberno stalinista, xa que a transformación que logrou coa NEP ía en contra das ideas comunistas de eliminar a propiedade privada. Unha serie de medidas puxeron en marcha o proceso de colectivización que acabou cunha guerra aberta cos propietarios agrarios. En poucos anos, a férrea vontade de Stalin de acabar coa propiedade privada impuxo.
O II Plan Quinquenal de 1933. O seu balance final foi igualmente espectacular: a produción industrial dobrou e a agraria aumentou un 50%. O III Plan Quinquenal comezou en 1937 e tivo que ser modificado polas necesidades da guerra.
4.3 A dictadura de Stalin
Stalin instaurou un réxime ditatorial mediante o emprego de métodos brutais e a eliminación da oposición, especialmente dentro do Partido Comunista.
A partir de 1933, levaron a cabo depuracións internas dentro do partido, motivadas pola enfermiza obsesión de Stalin, que vía continuas conspiracións contra el. Toda crítica convertíase nun complot que había que erradicar.
Como consecuencia destas medidas represoras, xurdiu un novo Partido Comunista, totalmente sometido á vontade de Stalin, quen foi obxecto dun culto á personalidade.
O poder soviético consolidábase e o Partido Comunista dominaba todos os aspectos da URSS, que se convertera nunha potencia mundial e un amplo consenso acompañaba o réxime stalinista. As represiones masivas non afectaron demasiado á poboación.
4.4 O papel da URSS no mundo
Tras a revolución de Outubro de 1917, as sociedades liberais e capitalistas sentiron ameazadas ante o movemento obreiro. Os comunistas rusos eran inicialmente internacionalistas, como todos os marxistas da época, e confiaban na rápida expansión mundial da revolución. Algúns acontecementos posteriores á fin da Gran Guerra pareceron darlles a razón.
A partir de 1920, a URSS conseguiu romper o cerco internacional e emprender relacións internacionais coa maior parte de países e institucións. Non obstante, foi considerada polas potencias fascistas como un inimigo político e ideolóxico.
4.5 A III Internacional
Os novos gobernantes desexaban impulsar a revolución fora das súas fronteiras por medio dunha organización que substituíse a Internacional Socialista. Para conseguilo, creouse a III Internacional ou Internacional Comunista, que agrupaba a todos os partidos comunistas que estaban xurdindo en moitos países.
Os socialistas adoptaron unha posición crítica fronte á URSS. A III Internacional trouxo consigo unha nova división do movemento obreiro.
As considerables discrepancias entre os dous sectores do movemento obreiro (comunistas e socialistas) provocaron a súa debilitación. A III Internacional foi involuntariamente disolta por Stalin en maio de 1943 como mostra de boa vontade ante os seus aliados occidentais e para fortalecer a alianza contra o nazismo en plena II Guerra Mundial.
TEMA 8
1) A EXPANSIÓN ECONÓMICA: OS FELICES ANOS 20
1.1 O crecemento dos anos 20
O fin da Primeira Guerra Mundial deu paso a un período de reconstrucción que abriu un decenio de crecemento e dinamismo económico, fundamentalmente nos sectores industriais e empresariais. A partir de 1922, non obstante, o mundo desenvolvido entrou nun gran desenvolvemento. A guerra propiciou un espectacular auxe da economía estadounidense e converteu a EEUU na primeira potencia mundial. De forma paralela, afianzábase o crecemento do Xapón e a súa expansión comercial por Oriente.
1.2 A industria, motor do desenvolvemento.
Os grandes cambios da II Revolución Industrial aceleráronse durante este período. O crecemento económico produciuse principalmente nos novos sectores industriais que se converteron no motor da expansión.
O dinamismo máis espectacular deuse na industria do automóbil, que arrastraba a outros sectores: petroquímica, pneumáticos, petróleo...
Outros sectores industriais destacados foron a industria eléctrica, a química, a aeronáutica; tamén se continuou co avance das novas fontes de enerxía.
1.3 A intensificación da produción
A transformación máis importante foi o aumento da produtividade industrial, como consecuencia da aplicación de novas formas de organización do traballo nas fábricas.
Estes procesos introducían nas fábricas conceptos novos como o traballo en cadea, a cronometraxe e especialización do traballador nunha tarefa...
Este novo sistema de traballo provocou inmediatamente un grande incremento da produtividade. As novas formas de producción acentuaron a concentración empresarial que xa se iniciara coa Segunda Revolución Industrial.
2) AS CAUSAS DA CRISE
2.1 Un crecemento económico desequilibrado.
En medio da prosperidade dos anos 20 xurdiron algúns signos de debilidade. Desde a perspectiva histórica, comprobouse que foron decisivos en desencadear e profundar a crise de 1929.
A Primeira Guerra Mundial provocou a alza dos prezos dos produtos agrarios. Pero a crise de 1920-21 marcou o comezo dun período de descenso dos prezos e das rendas agrarias.
O mal momento do campo acentuouse polas medidas que adoptaron os propios campesiños, quen, para intentar frear a caída das súas vendas, aumentaron a producción e os rendementos, co que supuxo unha maior oferta e unha diminución dos prezos.
Outro desencadeante das crises foi a diferenza do rendemento entre os sectores industriais novos e clásicos. As novas industrias desenvolvíanse espectacularmente e as clásicas estancábanse.
2.2 As dificultades do sistema monetario internacional
Ao longo dos anos 20 houbo manifestacións evidentes de que, a pesar da aparente prosperidade, a economía non funcionaba ben.
Os problemas monetarios e financeiros púxeronse de manifesto, en primeiro lugar, por un fenómeno novo para a historia do capitalismo: a inflación (suba xeralizada dos prezos).
Acabada a gran guerra, o proceso inflacionista continuou a causa das necesidades de reconstruír os países e de atender os gastos sociais que precisaban as vítimas. Para sufragar estas cantidades, os países europeos pediron créditos a EEUU.
Coa guerra, as principais moedas perderon o seu valor fixo respecto ao ouro; só o dólar permaneceu como moeda convertible en ouro e de cambio fixo, converténdose na divisa internacional por excelencia. As restantes moedas entraron nun proceso de depreciación que provocou inquietudes nos mercados de divisas.
O máximo expoñente do afundimento do sistema monetario foi a grande inflación dos países de Europa central, especialmente Alemaña.
3) A QUEBRA DO CAPITALISMO: A CRISE DE 1929
3.1 O Crack da bolsa de Nova York
O que comezou como un simple descenso nas cotizacións da bolsa de Nova York converteuse en pouco tempo na maior crise do sistema capitalista.
Desde 1925, as cotizacións das accións na bolsa neoyorquina (Wall Street) subían sen cesar e acumulaban beneficios extraordinarios. A fácil obtención de créditos para mercar accións aumentou aínda máis a especulación bolsista.
Desde 1925, os valores das materias primas baixaban, as dificultades económicas de Reino Unido eran evidentes e arrastraron o sistema monetario internacional a unha situación confusa; a producción industrial estaba estancada e o comercio internacional pasaba por un período de atonía.
O xoves 24 de outubro puxéronse á venda un número moi elevado de accións, o que se traduciuse nunha caída dos prezos, que continuou nos días seguintes. Ese día supuxo o fin do proceso de alza dos valores.
Moitos investidores puxeron á venda as súas accións para devolver o diñeiro que pediran prestado, o que acentuou máis a caída. O detonante inmediato da crise foi o crack da bolsa; o índice bolsista afundiuse en poucos meses e o pánico apoderouse dos investidores, que venderon masivamente as accións, o que fixo fracasar os intentos dalgúns bancos por frear a caída das cotizacións por medio da compra de accións.
3.2 A crise esténdese a todos os sectores.
A quebra bolsista converteuse pronto en financeira. O pánico afectoulle enseguida á banca, que se atopou atrapada entre uns investidores que non podían devolver os créditos e uns aforradores que correran a rescatar os seus fondos. Moitos bancos non puideron facer fronte á situación e precipitaron na ruína.
Do sector financeiro, a crise estendeuuse á economía productiva. A paralización da concesión de créditos e as quebras bancarias afectaron ao funcionamento da industria e limitaron o consumo aos cidadáns. Moitas fábricas quedaron forzadas a cerrar ante a diminución da demanda e a imposibilidade de seguir abastecéndose de materias primas e de maquinaria ou de obter pagos a conta. A industria estadounidense pasou da expansión a unha situación de superproducción e almacenamentos excesivos. A debilidade da demanda facilitou a baixada dos prezos.
O campo viu acentuadas as dificultades que arrastraba desde o final da Gran Guerra. O descenso dos prezos e a demanda, así como a falta de créditos dos bancos, levaron á ruína a miles de campesiños.
Das consecuencias da crise, a de maior significación foi o aumento do paro.
3.3 A crise esténdese por todo o mundo
Os primeiros países aos que alcanzou a crise foron os que baseaban a súa economía na producción de materias primas. Xa estaban afectados dende anos atrás pola redución do valor do seu produto e a crise trouxo tamén un descenso da demanda.
Entre 1930 e 1931, a depresión chegou a Europa. A causa inmediata do estoupido da crise en Austria e Alemaña foi a repatriación dos capitais estadounidenses que facilitaron o afundimento das súas economías.
Reino Unido quedou inmerso na crise en setembro de 1931. O goberno prescindiu do patrón ouro, depreciou a libra, forzando a renunciar á convertibilidade da súa moeda con relación ao patrón do ouro. Na súa caída, a libra arrastrou a numerosas moedas.
Caso aparte foi o da URSS. Illada do resto dos países a causa do réxime comunista, non sufriu as consecuencias negativas da depresión.
4) AS CONSECUENCIAS DA CRISE: A GRAN DEPRESIÓN
4.1 O afundimento dos sectores económicos.
A depresión de 1929 foi unha crise xeral que creou un estado sen precedentes. O capitalismo enfrontábase a unha situación descoñecida ata entón.
O sector industrial foi o máis afectado pola crise. A producción industrial descendeu case un 40% en todo o mundo.
No sector agrario, a crise manifestouse non tanto pola caída da producción como polo total afundimento dos prezos e o descenso da demanda.
4.2 Consecuencias sociais e políticas
Socialmente, a crise supuxo a destrución masiva de postos de traballo en todos os sectores económicos. O incremento do paro foi especialmente grave ante o escaso desenvolvemento dos sistemas de protección social. O desemprego prolongado supoñía verse abocado á miseria. A mendicidade, os asilos de noite, etc., multiplicábanse.
O contraste entre ricos e pobres era cada vez maior e as diferenzas entre os que conservaban traballo e os que non eran enormes.
As primeiras medidas tomadas polos gobernos fracasaron, cun gran descontento.
O balance político foi moi negativo para os réximes parlamentarios; impúxose o autoritarismo e desenroláronse os fascismos nalgúns países. A esquerda adoptou unha política de compromiso cos poderes; un exemplo é a constitución das Fronteiras Populares.
4.3 As primeiras medidas fronte á crise
Esta crise resultou favorecida tamén polo endurecemento da competencia e pola aparición de dificultades ao libre comercio. Os estados recorreron ao proteccionismo como unha forma de defender a producción propia fronte á competencia externa.
A defensa dos intereses nacionais levou á destrucción do sistema monetario internacional. A partir de 1931, foron creando zonas monetarias separadas, o que acrecentou a inestabilidade dos cambios e propiciou auténticas guerras monetarias.
Ante a crise mundial, os países intentaron solucións individuais en lugar de poñer en práctica medidas solidarias, o que empeorou a situación.
5) A BUSCA DE SOLUCIÓNS
5.1 As solucións clásicas da crise
A evolución da economía capitalista non fora nunca uniforme. Os ciclos económicos de expansión e depresión coñecíanse dende o século XIX e eran aceptados como unha condición do propio sistema, pero por primeira vez na historia, unha depresión parecía poñer en perigo o propio sistema, xa que o capitalismo derrubábase e non se sabía como recuperalo.
Para os economistas liberais, as crises eran desaxustes pasaxeiros da economía, consecuencia do exceso de investimentos. O sistema parecía dispoñer de mecanismos correctores que garantían a superación das crises.
Outras formas fundamentais do liberalismo clásico eran o papel secundario do Estado na actividade económica. A política estatal ante a crise era a deflación: fomentar a reducción salarial, equilibrar o orzamento do estado e defender o valor da moeda.
5.2 O fracaso das medidas tradicionais.
Baseándose nas solucións tradicionais, os economistas e os gobernos apresuráronse a aplicar, de forma xeral, políticas de deflación fronte á crise; este foi o caso do presidente Hoover en EEUU.
En Alemaña, todas as accións contra a crise resultaron ineficaces, como en Francia e Reino Unido.
As políticas deflacionistas tiveron grandes consecuencias. En Alemaña, favoreceron o triunfo de Hitler e en EEUU provocaron a derrota de Hoover en favor de Roosevelt.
5.3 O New Deal
A política que tivo maior resonancia fronte á crise foi a do New Deal nos EEUU, propiciada polo presidente Roosevelt. A súa aplicación supuxo vulnerar aspectos fundamentais do capitalismo clásico.
Estas medidas de carácter económico e social pretendían relanzar a producción reanimando a demanda. Ao ser adoptadas dende o goberno, romperon coa tradicional inhibición do Estado no liberalismo económico clásico. Neste sentido, reforzouse a banca, á vez que se melloraba a protección da clientela; aseguráronse aos campesiños prezos garantidos e aos traballadores convenios colectivos con salarios mínimos e redución da xornada de traballo.
As actuacións monetarias buscaron propiciar unha inflación controlada que estimulase o consumo.
O New Deal impuxo unha lexislación encamiñada a eliminar as situacións máis inxustas. Créase o primeiro sistema federal de seguro de paro e de pensións, establécese o salario mínimo e o horario máximo de traballo. Os sindicatos converteronse en interlocutores dos empresarios. O final definitivo da crise foi coa II Guerra Mundial e o relanzamento da demanda que o conflito xerou.
Estamos ante un texto pertencente a unha carta enviada por Lenin ao Comité Central e aos comités de Petrogrado e Moscú en setembro de 1917, un ano de revolución en Rusia, e isto é o que presenta o texto: as aspiracións de goberno que tiña Lenin para o seu partido, o bolxeviques, e trata os cambios que se deberían levar a cabo, así como os prexuízos que implicaría a continuidade do goberno de Kerensky.
Este texto está enmarcado na revolución de 1917, que comezou en febreiro, cando se produciron numerosas protestas polo descontento que reinaba ao seguir Rusia na I Guerra Mundial. O 27 de febreiro do calendario ortodoxo, unha parte das tropas uníronse ás manifestacións, e ao día seguinte, o goberno dimitiu. Dias despois, a Duma e o Soviet de Petrogrado chegaron a un acordo para formar un goberno provisional; ese mesmo día, Nicolás II abdica, polo que o tsarismo morrera en Rusia. Nos meses seguintes sucedéronse numerosos gobernos provisionais, aceptados en Rusia, que non resolveron os problemas principais. Estes gobernos mantiveron a Rusia na guerra, o que provocou a súa crecente impopularidade.
O exército comezou a descompoñerse e as desercións aumentaron. Nos meses sucesivos, os soviets comezaron a implantarse en todo o país, polo que case eran un goberno paralelo. A situación en Rusia estaba moi deteriorada, e por iso Kerensky formou un goberno con maioría menxeviques que non arranxou a situación. Posteriormente, Lenin volveu do seu exilio en Suíza para, tal e como nos mostra o documento, presentar o seu programa de goberno, o do partido bolxeviques. Nel afirma que a maioría do pobo nos apoia, o que mostra o claro ambiente en contra dos gobernos provisionais que se vivía. Así mesmo, para remarcar o apoio que ten o seu partido por parte do pobo, fala do poder dos soviets das numerosas manifestacións que se foron realizando ao longo do ano 1914.
Lenin tamén ofrece neste documento a volta de gran parte de liberdades, os grandes oprimidos segundo el polo goberno menxeviques de Kerensky.
Con todos estes apoios e motivos, Lenin decidiu pasar á acción revolucionaria, convencendo ao Comité Central, como demostra esta carta, da necesidade dunha insurrección armada para derrocar a Kerensky e tomar o poder. Despois da revolución bolxevique, Lenin foi elixido como presidente do goberno. A revolución triunfou.
En conclusión, acabamos de analizar un documento pertencente a unha carta remitida por Lenin ao Comité Central e aos comités de Petrogrado e Moscú en setembro de 1917, no que analiza e argumenta sobre a necesidade e os beneficios que tería o goberno dos bolxeviques de recorrer á acción armada para tomar o poder e derrocar o goberno existente, o de Kerensky. Esta revolución proposta por Lenin foi levada a cabo, e Lenin converteuse en presidente do goberno que crearía a URSS e que sería sucedido por Stalin despois da súa retirada do goberno en 1923.
Estamos ante un documento que corresponde a un fragmento do programa que presentou Lenin en nome do novo goberno bolxevique ruso, xurdido da revolución de outubro de 1917. Esta revolución puxo fin ao período de gobernos provisionais que gobernaron Rusia desde a revolución de febreiro de 1917, que conseguiu derrocar ao tsarismo.
Lenin, dicente e ideólogo do partido bolxevique, foi a figura principal da revolución e da construcción da nova URSS.
Os meses anteriores a outubro de 1917 presenciaron o enfrontamento entre os gobernos provisionais e o partido bolxevique. As diferenzas eran radicais. Os primeiros levaban a cabo unha política de consolidación dunha democracia parlamentaria, e os bolxeviques defendían unha postura totalmente oposta, e tamén defendían a saída de Rusia da guerra sen condicións de ningún tipo. O documento mostra o carácter revolucionario do novo goberno. O programa resume as principais ideas dos bolxeviques. Abandono inmediato da guerra mediante unha paz sen anexións nin indemnizacións, reparto da propiedade entre o campesiñado pobre (xa que vivía unha gran crise) e o control obreiro da producción. Todos estes puntos confirman o carácter anticapitalista e revolucionario que se produciu en outubro de 1917.
O último apartado pon de manifesto a vontade de respectar o desexo dos pobos daquelas épocas sometidos ao poder ruso para dispoñer libremente do seu futuro.
En conclusión, acabamos de analizar un documento do dirigente ruso Lenin, que é a cabeza da revolución bolxevique de outubro de 1917, que acabou triunfando. A Rusia soviética significou a consolidación da primeira sociedade socialista. Os seus primeiros pasos supuxeron unha ruptura radical co pasado: paz inmediata, reparto da terra, colectivización da propiedade, respeto ao principio das nacionalidades. Pero con isto ábrese tamén unha guerra civil entre as forzas revolucionarias e os seus numerosos inimigos, que non remataría ata 1921.
Lenin tamén mostra as principais ideas bolxeviques no momento da revolución e a súa simetría cos ideais do marxismo revolucionario. O interese do documento radica en que ofrece un resumo preciso dos principais aspectos do plan ideado polos bolxeviques que posteriormente se levarían a cabo desde o goberno.