Revolución liberal en España (1808-1839)

Historia2,81 KB

A Revolución Liberal en España (1808-1839)

Entre 1808, inicio da Guerra da Independencia, e 1839, fin da Guerra Carlista, tivo lugar en España un proceso histórico moi significativo: a fin do Antigo Réxime e o inicio, avance, retroceso e triunfo da revolución liberal.

As Xuntas e a Revolución

As abdicacións da familia real española en Napoleón, a imposición de Xosé I como novo rei e a crecente ocupación do territorio polas tropas francesas, orixinaron unha violenta reacción das masas populares que, ante a ausencia do soberano lexítimo e a pasividade das autoridades establecidas, decidiron declarar a guerra e crear novos órganos de goberno e defensa: as Xuntas. Foi o inicio da revolución liberal.

As Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812

Baseándose e defendendo o principio de que o pobo asumía a soberanía, foron convocadas novas Cortes que, reunidas en Cádiz e dominadas polos liberais, promulgaron novas leis coas que se liquidaba, dende o punto de vista xurídico, o Antigo Réxime, ao tempo que se poñían as bases dun novo sistema político, social e económico. A Constitución de 1812, "a Pepa", recolleu os principios polos que debería regularse o novo sistema liberal: soberanía popular, separación de poderes, igualdade ante a lei, liberdade de imprenta, sufraxio universal...

O Reinado de Fernando VII: Absolutismo e Liberalismo

Derrotados os franceses, regresa a España Fernando VII. Contando co apoio dos partidarios do mantemento da tradición, en 1814 suprimiu todas as innovacións feitas na súa ausencia e restaurou o absolutismo real. Os liberais foron perseguidos e tiveron que recorrer á conspiración e á violencia para conseguir o restablecemento da Constitución de 1812. Por medio de pronunciamentos e revoltas populares, protagonizadas por parte do Exército co apoio da burguesía, os liberais conseguiron os seus propósitos en 1820, pero foron desprazados do poder por parte das tropas francesas en 1823, restaurándose de novo un feroz absolutismo.

A Consolidación do Réxime Liberal

Trala morte de Fernando VII iniciouse a disputa dinástica entre a súa filla Isabel II e o seu irmán, o infante don Carlos. A raíña rexente, Cristina de Borbón, iniciou tímidas reformas contando coa axuda dos liberais moderados; sen embargo, os progresistas, por medio de pronunciamentos, presionaron para que as reformas fosen máis profundas, logrando o restablecemento da Constitución de Cádiz en 1835-36. Unha vez no poder, os liberais progresistas renunciaron á aplicación de moitos dos seus principios e buscaron un acordo cos moderados; a concordia foi breve e o enfrontamento entre eles será a tónica do reinado de Isabel II. Sen embargo, a partir destas datas o réxime liberal lograra a súa consolidación.

Descargar

PDF Word HTML