A Revolución Francesa: Causas, Inicio e Fin do Antigo Réxime
Causas da Revolución Francesa
Francia atopábase nunha fonda crise económica e social debido ás malas colleitas seguidas e á subida dos prezos dos alimentos, e debido tamén ao enriquecemento económico da burguesía, que se amosaba descontenta ante a súa marxinación política, pois só os ricos podían posuír cargos e gozar de recoñecemento social. A monarquía atopábase sumida nunha fonda crise financeira debida aos elevados gastos do Estado e da corte; a solución pasaba por unha reforma fiscal que obrigase á aristocracia a pagar impostos, pero o monarca absoluto temía descontentar os privilexiados.
Comezo da Revolución
Empezou cunha revolta da aristocracia. Os privilexiados negáronse a pagar impostos e esixíronlle a Luís XVI que convocase os Estados Xerais. Os Estados Xerais abríronse presididos polo rei e formados polos representantes da nobreza, clero e o Terceiro Estado. Estes últimos esixiron a dobre representación, a deliberación conxunta e o voto por persoa, o que poñía en xogo a idea de soberanía nacional, isto é, admitir que o conxunto dos deputados dos Estados Xerais representaban a vontade da nación. O monarca e parte da nobreza aceptaron a dobre representación, erixíronse en Asemblea Nacional e comprometéronse a elaborar unha Constitución que reflectise a vontade do pobo.
Fin do Antigo Réxime
O pobo de París apoiou con revoltas na rúa os representantes do Terceiro Estado. Ante o temor de que as tropas reais detivesen os deputados, asaltaron a fortaleza da Bastilla, tomaron armas e dispuxéronse a defender o proceso revolucionario. A revolución estendeuse tamén ao campo en forma dunha revolta antiseñorial que implicou a queima de moitos casaríos e a destrución de documentos señoriais. Ante a radicalización, a Asemblea Constituínte decretou a abolición dos privilexios feudais e promulgou a Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán, que recoñecía como dereitos inalienables as liberdades individuais e colectivas, así como tamén a igualdade ante a lei e os impostos.
Estados Xerais
Nome que recibía en Francia a reunión de representantes dos tres estados. A súa función principal era aprobar o sistema tributario real.
Soberanía Nacional
Concepto formulado durante a Revolución Francesa que afirma que a autoridade do poder público non reside no monarca senón na nación, considerada como unha entidade real diferenciada dos individuos que a integran, e representada por un parlamento escollido por sufraxio censatario.