A Revolución Agraria e Industrial: Transformacións Clave
Renovación das Estruturas Agrarias
Ao longo dos séculos XVIII e XIX, os campos europeos e americanos sufriron unha transformación caracterizada pola renovación das técnicas e métodos agrícolas, o emprego da maquinaria no campo e a modificación do réxime da propiedade da terra. Cualificouse como Revolución Agraria e tivo consecuencias importantes: o aumento da produción de alimentos e o crecemento da poboación.
A Agricultura no Antigo Réxime
A agricultura e a gandería no Antigo Réxime caracterizábanse por:
- Predominio de cultivos extensivos, policultivo de subsistencia, barbeito (rotación trienal ou bianual) e unha alta man de obra.
- Escaso desenvolvemento das actividades agrícolas.
- Baixos rendementos debido a ferramentas deficientes e escaso emprego de fertilizantes.
- Carácter cíclico da produción, sometida ás crises periódicas debido ás condicións climáticas e polo esgotamento das terras. Isto provocaba o desabastecemento e a fame, que tiña como consecuencia o incremento das defuncións (crises de subsistencia).
- Réximes complexos da propiedade. A maior parte das terras pertencían á nobreza e á Igrexa, e estaban traballadas polos campesiños a cambio dunha renda. Estes campesiños tiñan certos dereitos sobre as terras (eran hereditarios, os dereitos de traballalas pasaban dos pais aos fillos e nalgunhas zonas non podían ser expulsados delas). A propiedade nobiliaria e eclesiástica estaba protexida e non se podía vender nin mercar libremente (morgados e terras de mans mortas). Era abundante a propiedade comunal dos concellos.
A Revolución Industrial
Iniciada en Inglaterra, progresou cambiando radicalmente as súas estruturas económicas. O proceso industrializador expandiuse cara ao continente europeo. Nalgunhas zonas, como Bélxica, Silesia ou o val do Rin, tiveron un forte pulo, pero na meirande parte de Europa foi moi débil. En España, a industrialización consolidouse en Cataluña e no País Vasco. En Galicia, houbo moi poucas tentativas de poñer en marcha novas industrias, e a maioría remataron en fracaso. O atraso industrializador europeo fronte a Inglaterra obedeceu á falta dunha renovación agrícola e ás loitas políticas que se produciron nesa época e impediron o normal desenvolvemento dos procesos de innovación.
Mecanización: A Transformación Tecnolóxica
Consistiu na renovación tecnolóxica dos distintos sectores produtivos mediante a creación de numerosos inventos e máquinas específicas para cada traballo ou función. Estas máquinas permitiron substituír a man de obra humana e incrementar a produción e a produtividade. Emprego de enerxía mecánica nos procesos produtivos, grazas á invención de James Watt en 1769 da máquina de vapor e ao carbón como fonte enerxética básica. Establecemento do sistema fabril (Factory System) coa súa unidade típica: a fábrica. Nesta nova instalación concéntranse as máquinas e os homes baixo unha dirección centralizada que controla todo o proceso, divide o traballo en tarefas específicas para cada operario e aplica un ríxido código de disciplina para obter o máximo rendemento dos traballadores. Os anteriores sistemas de produción, baseados no traballo artesanal, ben en pequenos talleres e manufacturas, acaban por desaparecer. Nas fábricas, as máquinas teñen un papel central no proceso produtivo e permiten conseguir maior uniformidade nos produtos elaborados e maior produción. Pero, ao mesmo tempo, provocan unha desvalorización do traballo humano e permiten o incremento da xornada laboral e o emprego masivo de man de obra de escasa cualificación, á que se lle pagan baixos salarios.
A Industria Téxtil: Innovación e Algodón
En Inglaterra, a produción téxtil contaba cunha sólida tradición. A existencia de grandes rebaños de ovellas que producían unha excelente la e o apoio da monarquía permitiu, desde finais do século XVI, unha produción que satisfacía a demanda interna e que tamén era moi apreciada no exterior. A finais do século XVII, estendeuse por toda Europa a moda dos tecidos de algodón estampados de procedencia oriental, as chamadas indianas. A competencia que estes tecidos facían aos tradicionais panos de la levou ao Parlamento inglés a prohibir a súa importación a partir de 1720. Pero, como a demanda popular permanecía, esta medida tivo como efecto que numerosos talleres se dedicasen ao fiado, tecido e estampación de teas de algodón, empregando para iso materias primas procedentes das colonias. O incremento da demanda estimulou a introdución dunha serie de innovacións técnicas en cadea nos procesos de produción dos tecidos. Xunto coa progresiva mecanización das tarefas, producíronse fortes cambios nas materias primas empregadas e no sistema produtivo. A la, materia prima tradicional, foi substituída polo algodón debido ás vantaxes que presenta: máis abundante, máis barato, máis resistente e fácil de mecanizar. Permite unha maior diversificación dos tipos de tecidos, así como maiores posibilidades de mercado. Os obradoiros tradicionais e o traballo a domicilio foron substituídos polas fábricas.
A Industria Siderometalúrxica: O Ferro e o Carbón
Foi o segundo sector en industrializarse. A crecente demanda de ferro para a fabricación de ferramentas e máquinas estimulou a transformación do sector. A produción tradicional, baseada no emprego da madeira como fonte de combustión e nas pequenas fundicións espalladas polas fragas, foi substituída polos altos fornos e o emprego do carbón mineral como fonte calorífica. Esta transformación foi posible grazas ás numerosas innovacións técnicas. En 1709, Abraham Darby transforma a hulla (carbón mineral) en coque, empregándoa como fonte calorífica na fundición de ferro. En 1776, John Wilkinson incorpora a máquina de vapor nos fornos de fundición. En 1784, Henry Cort introduce o sistema de pudelaxe para obter ferro e aceiro de maior calidade grazas á redución do contido de carbono. Todos estes cambios permitiron incrementar tanto a fundición de ferro como a extracción da hulla necesaria como fonte de enerxía.
Os Transportes: Ferrocarril e Barco de Vapor
O ferrocarril: No transporte terrestre, os intentos de aplicar a forza do vapor no arrastre de vagóns culminaron coa invención da locomotora de Stephenson e do ferrocarril. En 1825, circulou o primeiro tren mineiro en Inglaterra e, en 1830, o primeiro de pasaxeiros entre Manchester e Liverpool. En España, o primeiro tramo de vía férrea foi o de Barcelona-Mataró en 1848.
O barco de vapor: Os primeiros barcos de vapor, inventados por Fulton, empregáronse fundamentalmente no transporte fluvial. En 1817, construíase o primeiro barco de vapor en España, o «Fernandino», que facía o traxecto Sevilla-Sanlúcar. En 1818, o «Savannah» foi o primeiro vapor que cruzou o Atlántico. No entanto, a navegación a vapor —tanto con rodas como con hélices— tardou en desprazar definitivamente a navegación a vela nas rutas marítimas de longa distancia. A partir de 1880, os barcos de vapor fixéronse donos da navegación interoceánica. Para facilitar a navegación e acurtar as distancias, construíronse as canles interoceánicas de Suez (1869) e Panamá (1914). Así mesmo, melloráronse as instalacións portuarias coa construción de diques e peiraos.