Restauración, Movemento Obreiro e Nacionalismos

Historia13,08 KB

A Restauración

O Sexenio, a nivel histórico, foi como unha paréntese entre o reinado de Isabel II e a Restauración. O xeneral Martínez Campos levantou un pronunciamento en Valencia, o cal será o que traia a monarquía e inicie a Restauración.

O período da Restauración comeza no ano 1875 e rematará no 1931. Podemos dividilo en dúas etapas:

  • A primeira abarcaría dende o 1875 até o 1898. Esta será unha etapa de asentamento, onde se implantará o novo sistema e será a etapa de maior esplendor.
  • A segunda etapa abranguería dende o 1898 até o 1931. Esta será a etapa na que o novo sistema instaurado na primeira etapa se desmorone causando unha crise, polo que será unha etapa de decadencia.

A primeira etapa podemos dividila á súa vez en: o reinado de Afonso XII (1875-1885) e, a continuación, a rexencia de María Cristina de Habsburgo (1885-1902). Na segunda etapa comezará o reinado de Afonso XIII (1902-1931) e nese mesmo reinado teremos a ditadura de Miguel Primo de Rivera (1923-1930) e a “ditabranda” (é unha ditadura, pero non sanguenta nin comparable coa de Franco) de Berenguer e Aznar (1930-1931).

O novo sistema de Restauración baséase nun triángulo:

  • O rei (era apoiado polos partidos dinásticos).
  • Os partidos políticos (que se desglosan, sendo ambos os dous liberais, en progresistas e conservadores. Instaura un sistema bipartito no que chegan a un acordo da alternancia no poder e para que isto ocorra realizan fraude electoral ou recorren ao caciquismo para asegurar a vitoria).
  • A Constitución de 1876.

A maior preocupación de Afonso XII neses momentos era a creación dunha nova constitución que servise para organizar a vida política. Encoméndalle esta labor a Cánovas del Castillo (o líder dos conservadores) quen, xunto coa aprobación de Sagasta (líder dos progresistas) fan que as Cortes aproben a Constitución de 1876.

Esta constitución é de carácter conservador, pero na práctica é suficientemente ambigua como para que cada partido puidese usala ao seu modo, o que tamén fai unha maior estabilidade política.

Características da Constitución de 1876

  • Monarquía con amplos poderes, como o de xefe supremo do exército e o de aparecer no poder lexislativo (pode nomear ou destituír ao presidente do goberno, facer ou disolver reunións no Parlamento, crear leis, etc.).
  • A soberanía é compartida; tanto reside nas Cortes, coma na Coroa.
  • Co sufraxio volvemos cara atrás, xa que só se admitía sufraxio censitario masculino (en realidade a partir de 1890 a presión dos progresistas fixérono universal masculino).
  • Amplos dereitos de liberdades. Aquí é onde se atopa a “trampa”, posto que din que os cidadáns teñen dereitos, pero non din o máximo ou o mínimo ao que poden chegar eses dereitos. Deste xeito cada goberno pode ampliar ou reducir eses dereitos mediante leis específicas.
  • Estado confesional, pero con liberdade de culto.
  • Poder lexislativo: Coroa e Cortes bicamerais (Congreso e Senado).
  • Poder executivo: Coroa e ministros.
  • Tribunais de administración de xustiza.
  • Estado unitario e centralizado.

O reinado de Afonso XII foi moi curto (10 anos). Primeiro casara con María das Mercedes. Cando esta morreu volveu casar con María Cristina de Habsburgo. Cando Afonso XII morreu, ela estaba embarazada e as Cortes, para non andar a buscar outro rei, esperaron ata que dese a luz. Ao final naceu un neno, Afonso XIII, e cando chega á idade legal para gobernar é sobre o ano 1902. Gobernou a pesar da ditadura. O movemento obreiro comezará a medrar e as tensións entre as colonias españolas en América e España aumentan.

A crise da Restauración

Comezamos aquí a segunda etapa da Restauración. Esta segunda etapa non comeza con bo pé e o sistema comeza a desmoronarse. A tranquilidade da que gozaba España vaise rachar co desastre do 98 e posteriormente cos territorios do norte africano (Marrocos), que durou bastantes anos.

O desastre do 98

O desastre do 98 é o nome dado pola perda das últimas colonias españolas en América: Cuba, Filipinas e Porto Rico. Isto conleva a unha perda de prestixio internacional, perda de bens materiais que proviñan de alá, etc. Cando comezou a guerra, os Estados Unidos de América (EE. UU.) enviaron un gran barco a Cuba para salvar aos americanos que alí se atopaban. Unha noite explosionou e os EE. UU. acusaron a España, declarándoos a guerra, sen proba ningunha. Mentres, en España, dende as esquerdas piden que non nos metamos na guerra e que cedamos a illa cubana sen máis, pero dende as dereitas pedían a declaración de guerra porque non podían perder esas illas. Ao final a guerra foi un desastre e foi practicamente de carácter naval. En decembro do 98, España asina en París un tratado conforme dá a Cuba e a Filipinas a independencia e vende as illas Carolinas a Alemaña. Nesta guerra púxose en manifesto as enormes deficiencias nos navíos, e en xeral, no exército español. Pero isto, a pesar de que politicamente e humanamente foi unha traxedia, ten dúas cousas boas: o diñeiro destinado a Cuba volveu a España creando máis industria e nace un movemento cultural e literario que nace a raíz deste problema, o rexeneracionismo ou xeración do 98. Un dos efectos colaterais desta guerra foi o desgusto do exército e a súa participación novamente na vida política do país.

A guerra de Marrocos

A guerra en Marrocos tamén influíu decisivamente na decadencia. España perseguía intereses estratéxicos, económicos e de prestixio militar. España chegou a un acordo con Francia e formouse un protectorado (ocupación do territorio por unha potencia estranxeira, que lles dá protección aos lugareños, pero pola contra os explotan). Con todo isto, España e Francia repártense o norte de África, quedando Marrocos para España, pola súa proximidade. Nestes momentos comeza a noción de nacionalismo e produciuse unha batalla en Annual, que logrou derrotar ás defensas españolas que defendían a zona de Melilla.

A ditadura de Primo de Rivera

Despois da dura batalla de Annual a situación interna en España entra en conflito. O fracaso das reformas, o aumento do desemprego, as folgas obreiras e campesiñas, etc., levaron a que o xeneral Primo de Rivera tomase o goberno, instaurando así unha ditadura dende o ano 1923 ata o 1930. Esta ditadura pasou por tres etapas:

  • O directorio militar dende o 1923 ao 1925.
  • O directorio civil do 1925 ao 1930.
  • Os apoios e a oposición.

Directorio militar

No directorio militar pretendían restablecer a orde pública (pistolerismo, atentados, etc.), rematar coa corrupción (caciquismo, fraude electoral, etc.) e resolver o problema de Marrocos. As súas medidas adoptadas foron a abolición da Constitución de 1876, a ilegalización dos partidos políticos, a substitución dos gobernadores civís por militares, a prohibición de símbolos nacionalistas e a censura da prensa.

Directorio civil

Na etapa do directorio civil interveñen na economía de maneira que crean obras públicas (estradas, ferrocarril, etc.) e empresas baixo control estatal (Telefónica, CAPSA, etc.), institucionalizan o réxime (Unión Patriótica), Asemblea Nacional, proxecto de nova constitución) e remata a guerra de Marrocos.

Apoios e oposición

Nos apoios e nas oposicións tivo o apoio inicial do monarca (Afonso XIII) e de sectores do exército, da Igrexa, da burguesía, do socialismo e da sociedade civil. Posteriormente, tivo oposición final por partidos esquerdistas (PCE, PSOE), asociacións de obreiros (anarquistas, socialistas), sectores do exército, do clero catalán, da burguesía, etc., de partidos nacionalistas e de intelectuais e estudantado universitario. Ao final Primo de Rivera non mellorou as condicións do país e acabou dimitindo no ano 1930.

A caída da monarquía

Unha vez destituído o xeneral Primo de Rivera, Afonso XIII encargoulle ao xeneral Berenguer que formase un goberno, a “ditabranda”, e posteriormente, a Aznar. Con todo, a situación xa era insostible e o pobo xa non quería un rei. Así que, en 1930, os partidos de esquerda asinaron o “Pacto de San Sebastián”, polo que se comprometían a colaborar no establecemento dun réxime republicano en España. Apenas un ano máis tarde celebráronse eleccións nas que os partidos monárquicos e de dereitas gañaron, pero non nas grandes cidades, onde gañaron as esquerdas, polo que estas rexeitaron a monarquía. O Rei, entón decidiu evitar unha posible guerra civil e marchou ao exilio. Así, o 14 de abril de 1931 proclamouse a II República en toda España.

O movemento obreiro

A finais dos anos 30 comezou unha concienciación de loita. Xorde debido ás pésimas condicións dos traballadores, non había subsidios, non había vacacións, non había seguros (médicos, etc.), salarios reducidos, etc.

Estes salarios non permitían o aforro, polo que tiñan que traballar nenos pequenos de até 6 anos. Así mesmo, había moitos accidentes laborais.

A explotación infantil era unha realidade, incluso a algúns nenos os mandaban ás minas, xa que lles pagaban pouco. Os lugares de traballo tampouco eran favorables, xa que traballaban moitas horas baixo o sol, no frío do inverno, en zonas moi húmidas, etc.

Pouco a pouco, estes traballadores vanse dando conta de que unha mellora para eles é unha redución do beneficio para o patrón. Este movemento non comeza moi combativo, máis ben defensivo e polo tanto créanse Sociedades de Axuda Mutua, para paliar un despido, unha lesión, etc. na que todos os traballadores sacaban un pouquiño de diñeiro do seu salario semanalmente. Estas sociedades foron prohibidas e en caso de ser descuberto era motivo de despido. Estas sociedades dan paso a un aspecto un pouco máis combativo; ás sociedades reivindicativas, que tiñan carácter local e dun sector. É un paso minúsculo pero significativo; xa que se pide o aumento de salario, melloras das condicións, etc.

A Primeira Internacional

No ano 1855 foi convocada a primeira folga xeral en España, en Cataluña polo sector téxtil. No ano 1864 créase a AIT (Asociación Internacional de Traballadores), unha organización obreira internacional en Londres de todos os obreiros na que se comproba se as situacións pésimas laborais son en todos os países, e como si que o era, piden as só 8 horas de traballo (non as 11 ou 12 que había ata agora). Esta asemblea implica unha toma de conciencia, de que se se unen gañan.

No ano 1870 (manifestado no 1871) a AIT. se parte en dúas:

  • A liña dos socialistas ou marxistas (con ideas de Marx).
  • A liña dos anarquistas.

Ambos os dous defenden unha sociedade igualitaria e os fins para acadar iso son parecidos; as folgas, sociedades sen clases, humanitarias, etc.

Socialistas

Os socialistas din que hai que crear partidos políticos obreiros para crear novas leis para o beneficio dos traballadores. Isto conlevaría a unha ditadura do proletariado, para conducir a unha sociedade igualitaria. A raíz destes partidos tamén saíron sindicatos como a UXT (Unión Xeral de Traballadores). Un destes partidos políticos será o PSOE (Partido Socialista Obreiro Español).

Anarquistas

Os anarquistas non queren partidos políticos, xa que pensan que estar na política é estar vendido, nun sistema lixo, etc. e piden a destrución de calquera tipo de autoridade. Son partidarios de crear comunas asociadas entre si. A raíz disto tamén xorden sindicatos coma a CNT (Confederación Nacional do Traballo).

Os anarquistas serían expulsados da AIT e isto xera guerras internas que favorecen aos patróns dos traballadores, posto que non hai unión traballadora.

Os nacionalismos

Os nacionalismos periféricos son os que están enfrontados ao nacionalismo español. Por exemplo: nacionalismo catalán, nacionalismo vasco, nacionalismo galego, etc.

É unha fase terminal de considerar ao territorio independente. Isto vai pasar por varias fases:

  1. Provincialismo (maior capacidade de autonomía das provincias).
  2. Rexionalismo (sentimento de autonomía cun conxunto de persoas que comparten a túa lingua, tradicións, costumes, etc.).
  3. Nacionalismo. Xorde porque os territorios periféricos senten angustiados polos centralismos. Os nacionalismos comezaron sendo un movemento cultural. En España vai coller potencia, sobre todo en Cataluña. O elemento clave vai ser o apoio ou non da burguesía.

Nacionalismo catalán

O nacionalismo catalán, inicialmente será conservador, logo republicano e por último federal.

Nacionalismo vasco

O nacionalismo vasco era antiespañol, antiindustrial, ultracatólico, estaba moi relacionado co carlismo.

Nacionalismo galego

O nacionalismo galego chegou moi tarde comparado co catalán ou co vasco.

Era unha corrente moderada e agrarista (Vicente Risco) ou unha corrente máis esquerdista, republicana intelectual, etc. (Castelao).

Descargar

PDF Word HTML