Resistencia Antifranquista: Guerrilla e Oposición
A loita contra a ditadura
A extrema dureza da represión que seguiu á Guerra Civil fixo moi difícil a actividade opositora. Os diferentes grupos políticos antifranquistas reaccionaron de distintos xeitos á represión exercida pola ditadura. O PSOE converteuse nun partido feble e sen relevancia algunha, dividido entre os dirixentes do exilio e do interior. Pola súa banda, o PCE transformouse no principal partido da oposición e no único cunha disciplinada estrutura clandestina disposta a loitar contra a ditadura, aínda que estivese constantemente acosado pola policía. Canto aos partidos republicanos, moi diezmados na guerra e no exilio, apenas xogaron un papel determinante no proceso de oposición á ditadura. Os anarquistas, moi represaliados e desmantelados os seus sindicatos, tiveron relevancia sobre todo a nivel individual e como resistentes armados. Polo que atinxe aos nacionalistas, tanto cataláns como vascos e, en menor medida, os galegos, mantiveron a reivindicación dos seus estatutos de autonomía anulados por Franco.
A oposición dos vencedores contra Franco
As disidencias entre os vencedores foron escasas e rapidamente eliminadas. O exército, pola súa banda, mantívose, salvo casos illados, moi unido ao ditador. Algúns monárquicos seguidores de Xoán de Borbón pretenderon que Franco se retirase do poder e, para tal fin, mantiveron contactos cos aliados a partir de 1942. Precisamente don Xoán publicaba en 1945 o Manifesto de Lausana, documento no que se sinalaba a ilegalidade do réxime de Franco e reclamaba a instauración da monarquía en España. Os seus contactos cos socialistas de Indalecio Prieto no exilio en 1947 quedaron en nada e Franco neutralizounos cunha represión benévola.
A loita guerrilleira
Dende o momento mesmo en que a República perdeu a guerra, xurdiron numerosos focos de resistencia armada contra a ditadura, focos de resistencia armada que tomarían a forma de guerrilla (os maquis). En 1944, o Partido Comunista, que sería o partido político que con maior forza combatería a ditadura, organizou a invasión do Val de Arán co obxecto de acabar coa ditadura. Cría que ao final da ocupación alemá de Francia proseguiría o derrocamento do franquismo. Porén, faltos de apoio popular, carentes de armamentos pesados e desautorizados por Stalin e a dirección do PCE, o intento de invasión foi liquidado pola ditadura sen demasiados esforzos. A pesar desta derrota e do abandono internacional, os maquis continuaron a súa loita nos anos seguintes, organizados polo PCE e cun papel relevante dos anarquistas. A súa maior actividade tivo lugar nos montes de Galicia, León, Estremadura e Andalucía durante os anos 1946 e 1947. Pero en 1948 o PCE decidía abandonar a loita armada e centrarse na acción política clandestina. En consecuencia, os guerrilleiros, faltos de apoios sociais suficientes, serían doadamente desarticulados ou mortos pola Garda Civil, que acabaría coa loita de guerrilleira nos montes cara a 1949, aínda que en Galicia resistiu ata 1965 o derradeiro guerrilleiro, Xosé Castro Veiga, O Piloto. O final da guerrilla explícase en grande medida pola imposibilidade dunha intervención internacional contra Franco e polo desgaste sufrido polos guerrilleiros e as poboacións que os apoiaban. O uso da tortura foi habitual por parte da Garda Civil e o bloqueo informativo do réxime impediu que se coñecesen as súas actividades de resistencia e loita contra a ditadura. Cando as noticias sobre os combatentes guerrilleiros saían nos xornais, estes eran presentados como bandidos e delincuentes comúns sen significación política algunha, o que lles roubaba o seu carácter de antifranquistas. Esta visión dos guerrilleiros como delincuentes e bandidos que daba a prensa do réxime daba á ditadura unha imaxe xeral de paz e ausencia de conflito que non se correspondía coa realidade.
A resistencia urbana
Xunto á resistencia guerrilleira nos montes e nas zonas rurais, hai que salientar a resistencia armada que houbo nas cidades e nos núcleos urbanos, sobre todo en Cataluña, onde tivo especial transcendencia e foi levada a cabo na década dos 50 polos guerrilleiros anarquistas Quico Sabaté, Josep Lluís Facerias e Ramón Vila Capdevila.