Reprodución nos Seres Vivos: Tipos, Plantas e Animais
A reprodución é unha función vital que lles permite aos seres vivos producir descendentes.
Tipos de reprodución
Existen dúas formas principais:
- Asexual: é un proceso sinxelo no que un só proxenitor orixina copias idénticas de si mesmo.
- Sexual: é un proceso complexo no que participan dous proxenitores que producen células especiais (células sexuais ou gametos). As masculinas chámanse anterozoides e as femininas ovocelulas. Cando os dous gametos se unen, crean un novo ser diferente dos seus pais.
Reprodución asexual das plantas
Existen tres formas:
- Mediante esporas: son células que se forman en órganos especiais e que son expulsadas ao exterior cando están maduras, xerminando noutras plantas para crear novos seres vivos.
- Fragmentación: é a formación de novas plantas a partir de fragmentos das follas ou do talo.
- Formación de propágulos: son grupos de células que se desprenden da planta nai e orixinan novas plantas. As xemas poden aparecer en talos subterráneos, aéreos ou nas follas.
Reprodución nas plantas sen sementes
As plantas sen sementes teñen un ciclo de vida con dúas xeracións: o gametofito, que se reproduce sexualmente mediante gametos, e o esporofito, que se reproduce asexualmente mediante esporas. A isto chámaselle alternancia de xeracións.
Reprodución nas plantas con sementes
Distínguense varios pasos: a formación de gametos, a polinización, a fecundación, a formación da semente e do froito, a dispersión da semente e a xerminación.
Formación de gametos: a flor
A flor contén os órganos reprodutores masculinos e femininos:
- Os estames: formados por un filamento e unha parte terminal ensanchada, a antera. Nelas atópanse os grans de pole, no interior dos cales se orixinan os anterozoides.
- Os carpelos: teñen forma de botella e neles distínguense tres partes: o estilo, o estigma e o ovario, onde se atopa a ovocelula.
A polinización
É o transporte dos grans de pole, que conteñen os anterozoides, desde as anteras aos estigmas dos carpelos.
A fecundación
É a unión dunha ovocelula cun anterozoide, que forma un cigoto.
Os órganos sexuais dos animais
Os órganos reprodutores son as gónadas, que se encargan de fabricar os gametos. As gónadas dos machos son os testículos, que liberan unha gran cantidade de gametos chamados espermatozoides. As das femias son os ovarios, que producen un número limitado de gametos chamados óvulos.
Fecundación externa
Para facilitar o encontro na auga, os machos e as femias liberan unha gran cantidade de gametos de forma simultánea.
Fecundación interna
Prodúcese no interior do aparello reprodutor feminino. Dispoñen de órganos especiais para introducir os gametos masculinos no aparello reprodutor feminino. A maioría dos animais presentan este tipo de fecundación.
O desenvolvemento do embrión
O desenvolvemento do embrión pode realizarse no interior dos ovos (animais ovíparos e ovovivíparos) ou dentro do útero materno (animais vivíparos). O desenvolvemento é directo, agás nalgúns anfibios, que é indirecto: tras a eclosión, as larvas sofren unha metamorfose.
Animais ovíparos
As femias deixan os ovos fóra do seu corpo para que se desenvolvan. O ovo posúe unha substancia nutritiva chamada vitelo, que lle serve de alimento ao embrión. Algúns animais que non coidan da posta poñen gran cantidade de ovos para garantir a súa supervivencia; os que coidan adoitan poñer poucos.
Animais ovovivíparos
Peixes e réptiles incuban os ovos no interior do seu corpo, aínda que o embrión se alimenta só do vitelo que contén. As crías destes animais saen ao exterior xa formadas.
Animais vivíparos
O embrión desenvólvese no aparello reprodutor feminino, dentro do útero, e alimentase a través da placenta, que conecta o embrión coa nai.