Reformas das Cortes de Cádiz (1810-1814)
As Cortes de Cádiz e a abolición do Antigo Réxime
Entre as elites dirixentes foise estendendo a idea da necesidade de convocar unhas Cortes xerais e extraordinarias para coñecer a vontade do país e impoñer as reformas que fosen necesarias, aínda que existían fortes discrepancias sobre as medidas que se debían tomar. Para uns, tratábase de restablecer o sistema político tradicional. Para outros, de restrinxir o poder real e establecer unha Constitución baseada na soberanía do pobo e na separación de poderes.
Tras realizar unha consulta ao país e dun proceso electoral moi complexo, as Cortes reuníronse en Cádiz o 24 de setembro de 1810. En liñas xerais, predominaron os deputados das clases medias urbanas e instruídas; o grupo maioritario estivo constituído polos eclesiásticos, seguido dos avogados, xente da administración e dos militares; foron escasos os comerciantes, así como as altas xerarquías eclesiásticas e a nobreza, e non asistiu ningún artesán nin campesiño.
En canto ás tendencias ideolóxicas, pódense agrupar en dúas predominantes e antagónicas: os liberais e os realistas ou absolutistas.
Labor lexislativo das Cortes de Cádiz
As Cortes de Cádiz realizaron un intenso labor lexislativo. Promulgaron distintos decretos, entre os que destacan:
- A proclamación da soberanía nacional e a separación de poderes: proclamaron a soberanía nacional, que residía nas Cortes, e defenderon a separación de poderes.
- A abolición dos señoríos xurisdicionais e dos privilexios de orixe feudal. A xustiza pasou ao Estado. No entanto, o decreto distinguía entre os señoríos xurisdicionais, que quedaban anulados, e os territoriais, que eran recoñecidos como propiedade privada. A abolición dos señoríos xurisdicionais non afectou os dereitos dos nobres sobre a propiedade da terra, senón que, incluso, naqueles casos nos que os dereitos eran confusos, lograron ampliar a propiedade territorial.
- A liberdade de imprenta sen censura previa.
- A regulamentación do poder executivo, incluíndo a responsabilidade dos ministros.
- A formación dos Concellos populares e das Deputacións provinciais.
- A creación do Tribunal Supremo de Xustiza, a dos partidos xudiciais e a reforma das Audiencias.
- A supresión do Tribunal da Inquisición.
O conxunto dos decretos e reformas das Cortes de Cádiz aboliron legalmente o Antigo Réxime, pero as masas populares viron esas reformas como estrañas e deron crédito ás prédicas dos eclesiásticos.