Recursos do subsolo: minaría e fontes de enerxía
Os recursos do subsolo: a minaría
Chamamos materias primas aos recursos naturais que a industria transforma en produtos elaborados. As fontes de enerxía son os recursos naturais que, tras un proceso de transformación, proporcionan a forza requirida polos procesos industriais e o transporte, e cobren moitas das nosas necesidades cotiás (luz, calor...).
As materias primas teñen tres orixes: animal, vexetal e mineral. Hai moitos tipos diferentes:
- Minerais metálicos: son aqueles dos que se extraen metais, como o ouro, a prata, o cobre e o ferro.
- Minerais non metálicos: son aqueles dos que non se extraen metais. É o caso dos minerais de cuarzo, feldespato, xeso, sal xema e fluorita.
- Minerais enerxéticos: son os que proporcionan enerxía. Por exemplo, o carbón, o gas, o petróleo e o uranio.
A minaría
A minaría é o conxunto de actividades que nos permiten extraer os minerais que se encontran en xacementos, que poden ser de dous tipos: minas a ceo aberto ou minas subterráneas.
Explotar sen esgotar
Os recursos poden ser renovables ou non renovables. Os recursos renovables son os que non se esgotan ou que a natureza recupera despois do seu consumo en pouco tempo. Pola contra, os non renovables son os que temos en cantidade limitada ou que teñen un proceso de formación máis lento ca o seu consumo, como ocorre co petróleo.
Os minerais son recursos non renovables. Polo tanto, un excesivo consumo deles pode provocar o esgotamento dos xacementos e impedir que as xeracións futuras dispoñan de suficientes materias primas para cubrir as súas necesidades.
Algúns dos recursos minerais poden ser reciclables e outros non.
A produción e o consumo de minerais non enerxéticos
Os minerais non enerxéticos máis importantes son o ferro, a bauxita e o cobre.
- Ferro: A maior parte do ferro emprégase para producir aceiro, que é a base da industria siderúrxica. Os principais países produtores de ferro son China, Brasil, Australia, India e Rusia.
- Bauxita: Da bauxita extráese o aluminio, que se utiliza como materia prima nas industrias da construción aeronáutica, mecánica, envasado, etc. Os maiores xacementos de bauxita localízanse en Australia, Brasil, India, China, Guinea, Indonesia e Xamaica. Os principais produtores de aluminio son China, Rusia, Canadá, Estados Unidos e Australia.
- Cobre: O cobre é a base dos cables que conducen a electricidade. Os principais países produtores son Chile, Perú, Estados Unidos, China, Australia e Indonesia.
As fontes de enerxía
A enerxía é fundamental para o desenvolvemento económico dun país e para o benestar da súa poboación. Na actualidade, as principais fontes de enerxía son o petróleo, o gas natural e a electricidade. O seu consumo e demanda é moito maior nos países desenvolvidos, nos que as instalacións industriais son moi numerosas, o transporte é intenso, hai máis número de vivendas por habitante, ilumínanse as vías públicas e o consumo dos fogares é moi grande. Por iso dicimos que o consumo de enerxía é un indicador do grao de desenvolvemento dun país.
Fontes de enerxía convencionais: o petróleo e o gas natural
O petróleo e o gas natural son materias primas minerais fósiles. Úsanse os dous para producir enerxía. O petróleo utilízase tamén como materia prima para fabricar plásticos, insecticidas, herbicidas, medicamentos… Considéranse recursos non renovables, pois formáronse pola descomposición de organismos mariños, sepultados nun proceso que dura millóns de anos e que continúa. Non obstante, consumímolos moito máis rápido do que tardan en xerarse, o que quere dicir que se esgotarán nun futuro non moi afastado. As técnicas actuais só permiten extraer un máximo do 40% das bolsas.
O petróleo e o gas natural adoitan producirse lonxe dos centros de consumo e é necesario transportalos a miles de quilómetros. Unha rede enorme de tubos, polos que discorren gasodutos (se transportan gas) e oleodutos (se levan petróleo). Tamén se usan buques especializados: metaneiros para trasladar o gas e petroleiros para o petróleo.
Os maiores países exportadores de petróleo son Arabia Saudita, Rusia, Irán, Emiratos Árabes Unidos e Nixeria, que non sempre coinciden cos principais países produtores, que son Arabia Saudita, Rusia, Estados Unidos, Irán e China, pois algúns designan gran parte da súa produción ao consumo propio. Os países produtores intentan controlar e regular o mercado do petróleo. Varios deles crearon a OPEP (Organización de Países Exportadores de Petróleo), formada por 13 estados: Irán, Iraq, Kuwait, Arabia Saudita, Venezuela, Qatar, Libia, Emiratos Árabes Unidos, Alxeria, Nixeria, Ecuador, Angola e Gabón. Indonesia formou parte da organización entre 1962 e 2009. A OPEP intenta manter o prezo do petróleo suficientemente alto para que lle resulte rendible explotalo, pero non excesivo para evitar que se reduza o consumo. Esta organización controla o 78% das reservas mundiais. O petróleo require un proceso de refinamento para poder ser utilizado e son as empresas occidentais as que controlan principalmente ese proceso. Os maiores consumidores son os países industrializados e os máis poboados. Para evitar a súa dependencia enerxética, estes Estados investigan outras formas alternativas de xerar enerxía. O consumo de petróleo e gas natural estase acelerando.