Recursos Hídricos en España: Problemas e Solucións
Debido á irregularidade e escaseza de precipitacións en España, unha parte do noso territorio poderíase definir como árida, ou sexa, con serios problemas de abastecemento de auga. Só nas zonas de clima oceánico e nalgunhas zonas de montaña, as precipitacións superan os 1000 mm anuais. No resto do territorio hai escaseza de precipitacións e tamén abundante evaporación e altas temperaturas no verán.
Transvasamentos
Os transvasamentos consisten no traslado das zonas excedentarias da España Húmida ao sueste peninsular, que é deficitario. Destacan o transvasamento Tajo-Segura. Son actuacións moi criticadas polas rexións das que procede o transvasamento e polo enorme custo económico, o que levou á paralización do transvasamento do Ebro que ía beneficiar ao Levante español.
Os problemas derivados dos transvasamentos inclúen:
- Obras moi custosas e difíciles.
- Redución de auga nas concas emisoras.
- Diminución do aporte de sedimentos (Ex: O Ebro diminuiría progresivamente o tamaño do delta do Ebro).
O abastecemento das grandes cidades como Madrid, Bilbao, Barcelona dependen de transvasamentos de augas locais debido ao enorme consumo.
Desalinización
Nas rexións situadas no litoral mediterráneo estase optando polo proceso de desalación de auga do mar. É un proceso custoso tanto na súa construción como polo seu consumo de enerxía, pero é práctico para rexións que non teñen outra posibilidade de acadar auga doce.
Un dos problemas é que facer co sal e outros minerais que resultan do proceso de desalación. O proceso corrente era botar ao mar unha parte do sal obtido en forma de salmoira, pero produce unha excesiva salinización nas zonas do litoral e pode acabar cunha parte da flora e fauna mariña.
Renovación de acuíferos
Debido á litoloxía caliza, eran moi abundantes os acuíferos subterráneos. Formáronse ao longo de miles de anos, pero debido á escaseza de precipitacións a súa renovación é moi lenta.
A sobreexplotación de moitos destes acuíferos supuxo a desaparición de moitos deles cun efecto negativo:
- Desaparición de zonas lacustres próximas que estaban interconectadas cos acuíferos.
- Salinización deses acuíferos xa que por osmose (nas zonas do litoral) ía filtrando lentamente auga de mar.
Ex: Almería, onde moitas terras quedaron infértiles.