A recuperación cultural do galego e a desgaleguización social
O emprego do idioma desaparece do plano cultural
Será no exilio, especialmente en Buenos Aires (Castelao, Dieste, Blanco Amor, Luís Seoane), onde co apoio das colectividades de emigrantes, os galeguistas no exilio publicarán obras en galego, emitirán programas de radio en galego, fundan asociacións culturais que organizan actividades en galego, publican revistas e fundan editoriais.
A partir dos anos 50
Prodúcese unha lenta recuperación no ámbito cultural: a colección de poesía Benito Soto, e a editorial Bibliófilos Gallegos, e fundamentalmente a Editorial Galaxia (1950) que publicará non só literatura en galego, mais tamén publicacións periódicas sobre economía, de cultura e arte e de pensamento.
Nos anos 60
Créanse as primeiras asociacións culturais e posteriormente, os primeiros partidos nacionalistas da posguerra, cun compromiso activo perante o conflito lingüístico, e organizan conferencias e coloquios onde se analiza a situação social da lingua. En 1965 nace na Universidade de Santiago a Cátedra de Lingua e Literatura Galegas e tres anos despois, o centro investigador do Instituto da Lingua Galega, de importancia fundamental para a normativización do galego. Tamén nesta época e en ambientes universitarios nace o movemento chamado Nova Canción Galega.
Nos anos 70
Empeza a reivindicación dos topónimos en galego, aparecen corrixidos os indicadores das estradas, imprímense pancartas en galego e aparecen os primeiros comunicados dos partidos á prensa en galego. Radio Popular de Vigo empeza algún programa en galego e en agosto do 74 a conexión territorial de TVE en Galicia comeza a emitir en galego un programa de media hora (Panorama de Galicia). A reivindicación máis intensa darase no ensino.
Con respecto ao uso do galego oral, a desgaleguización social avanza rapidamente, e de feito a desgaleguización da xeración que nace arredor dos anos 40 vai ser superior mesmo que a das xeracións posteriores. Son 3 os fenómenos que aceleran esta desgaleguización: nos anos 60 prodúcense as migracións cara ás cidades, hábitat castelanizado, que implicou un proceso de deserción lingüística dos recén chegados; nos anos 70 mesmo as familias do rural empezan a educar os seus fillos tamén en castelán. A extensión do ensino obrigatorio exclusivamente en castelán foi un dos principais focos de castelanización e desprezo polo galego (aínda que a alta taxa de analfabetismo permitiu a pervivencia do idioma). Por último, a expansión dos medios de comunicación, sempre en castelán, facilitarán a penetración do idioma nas casas en contextos aos que non chegara ata ese momento (a radio nos anos 60) e a televisión.