Ramón Piñeiro e a Normalización do Galego
O labor normalizador de Ramón Piñeiro
Propúxose desbotar prexuízos e estereotipos que sitúan o galego nunha situación de lingua minorizada e mesmo desprezada polos propios galegos.
No seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, A linguaxe e as linguas, desenvolve estas ideas, que resultan unha análise sociolingüística sobre o galego nos anos 50 e 60.
- Lingua e cultura. A lingua posibilita a transmisión de coñecementos e emocións e converte o saber individual en colectivo, é dicir, en cultura.
- Prexuízo sociolóxico. A lingua galega foi reducida a lingua oral propia de labregos e mariñeiros. Os propios galegos consideran a lingua un signo de inferioridade.
- Prexuízo lingüístico. A carencia dunha norma durante séculos fai que os galegos consideren que a súa lingua non é apta para o mundo moderno. Segundo Piñeiro, no galego abrolla a variedade dialectal porque non existe unidade.
- Prexuízo ideolóxico. Considérase erradamente que o progreso supón a unidade lingüística. Para Piñeiro, o progreso é sinónimo de diversidade cultural e lingüística. Por outra banda, o individuo realízase nas unidades de convivencia que son os pobos, cada un dos cales posúe a súa propia cultura expresada na lingua.
O galego protoestándar
O galego da época Galaxia recibe o nome de galego protoestándar (anterior ao estándar) porque non se trata aínda da estandarización efectiva. Esta comezará tras a fundación do Instituto da Lingua Galega e a publicación dos seus métodos de ensino do galego.
O protoestándar é continuador das tradicións establecidas polas normas do SEG. Así constátase a práctica eliminación dos apóstrofos, case todos os guións e só se utiliza o acento agudo.
- Fonética. Segue presente o vulgarismo diferencialista no vocalismo e no consonantismo. Aparece a evolución artificial.
- Morfosintaxe. Aparece a variación dialectal.
- Léxico. Seguen presentes os arcaísmos, os lusismos, os hiperenxebrismos e xeneralizacións.
Este galego aparece descrito en obras como Gramática elemental del gallego común (Carballo Calero) e Diccionario castelán-galego (Franco Grande). As brevísimas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega, critican os vulgarismos e o diferencialismo enxebrista e optan xa polas solucións que serán normativas en 1982.
Sociedade e normalización
- Asociacionismo cultural. Nas décadas dos 60 e primeiros 70 agroman por Galicia sociedades culturais como O Facho (na Coruña) ou O Galo (en Santiago) e tantas outras que realizan actividades culturais, algunhas das cales contribúen á normalización lingüística do galego. Estas asociacións poñen en marcha iniciativas como a impartición de clases de lingua e literatura galegas á marxe dos plans educativos.
- Día das Letras Galegas. En 1963, a Real Academia Galega propón a celebración do Día das Letras Galegas dedicado a un escritor galego cada ano. A data escollida foi o 17 de maio.
- Organizacións democráticas. Grupos sindicais e políticos elixen o galego en moitas das súas publicacións como Terra e Tempo ou Lume.
- Movemento estudantil. Nos anos 60 os estudantes empregan o galego nas súas actividades reivindicativas.
- Medios de comunicación. O galego nesta época entra nas radios galegas e Televisión Española emite diariamente un telexornal en galego.
Emprego nos organismos oficiais
- No ensino. En 1970 renóvase o sistema educativo coa promulgación da Lei xeral de educación. A lei establece como obrigatorio o estudo da que chama lingua nacional e dispón de que se debe aprender unha lingua estranxeira e cultivar a lingua nativa. O decreto do 30 de maio do 75 autoriza aos centros de educación a incluír con carácter experimental e como materia voluntaria as linguas nativas, o que permitiu o uso do galego como materia de estudo.
- Na administración. O decreto do 31 de outubro do 75 regula o uso das linguas na administración do Estado, organismos oficiais, entidades e particulares.
Estudo e normalización do galego
Na década dos 70 dous acontecementos van poñer as bases para rematar con esta situación.
- O galego entra nos plans de estudo universitario. No 62 créase a sección de Filoloxía na Universidade de Santiago. Tres anos despois o galego convértese en materia universitaria.
- Nace o Instituto da Lingua Galega. A creación desta institución en 1971 é un fito para a normalización do galego pois o establecemento dunha norma require un estudo previo. Este organismo elabora os primeiros métodos de aprendizaxe do galego.
O debate sobre o futuro
A primeira é a do socialista Xesús Alonso Montero, autor dun libro titulado Informe -dramático- sobre la lengua gallega. Nel analiza os factores sociais que afectan á supervivencia do galego e advirte que, cos cambios sociais dos 60, o galego pode deixar de utilizarse nun prazo de 25 anos, pois está a cortarse a transmisión interxeracional da lingua.